DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades

Investigadores da EE Forestal desenvolven un modelo co que predicir os efectos do cambio climático sobre a biodiversidade

Permitiría propor melloras que reduzan os riscos de incendios ou inundacións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 14/05/2024

“A biodiversidade global está experimentando unha rápida diminución, impulsada en gran parte polos cambios no uso da terra e o cambio climático”. Deste xeito pon de relevo o grupo de investigación AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, a problemática que centra o proxecto Resilient2Change. Este ten como principal obxectivo o deseño dun “modelo de predición e explicación” dos efectos sobre a biodiversidade tanto do cambio climático como das variacións que poidan darse no uso do solo, como a conversión de zonas forestais en agrícolas ou o abandono de terras. Partindo do traballo con imaxes por satélite, os investigadores e investigadoras traballan no desenvolvemento de algoritmos que comprendan un conxunto de variables climáticas, antropoxénicas, territoriais ou ambientais, “cos que poderíamos analizar como as alteracións dalgunha delas pode afectar ás outras e, polo tanto, á conectividade ecolóxica dese territorio”, sinala Xana Álvarez, investigadora principal deste proxecto. O desenvolvemento destes “modelos preditivos” faría posible non só avaliar a posible perda de biodiversidade, senón tamén o impacto que poderían ter eses cambios nos ecosistemas, “especialmente o risco de inundacións e incendios”, o que á súa vez permitiría definir propostas de actuación dirixidas a mitigar os seus efectos.

Seleccionado na convocatoria de proxectos de transición ecolóxica e dixital do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, financiada a través do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia, Resilient2Change (Desde un cambio climático amenazando la biodiversidad hacia una red natural resiliente) pon o foco na necesidade de xerar “unha rede natural coherente e resiliente”, como “unha das ferramentas de conservación da biodiversidade máis poderosas”. Xunto a Álvarez, nesta investigación participan tamén os integrantes do grupo AF4 Carolina Acuña, Mario García, Carlos Peco, Diego Barba, Enrique Valero, Luis Ortiz, Pedro Lago e Juan Luis Rodríguez, así como os investigadores do grupo Ecosot Juan Vidal e María Gómez. 

Análise das alteracións presentes e futuras

O uso de imaxes por satélite, explica Álvarez, permite tanto “diminuír o esforzo e os recursos en campo” á hora de analizar unha determinada zona como “abranguer grandes superficies do territorio nunha mesma análise”. A estas súmase a utilización de sistemas de información xeográfica cos que abranguer un conxunto de variables climatolóxicas, biolóxicas, territoriais ou antropoxénicas, e de ferramentas de intelixencia artificial para “a análise de grandes bases de datos”, apunta. 

O obxectivo é definir un “modelo de predición e explicación” da incidencia que poderían ter os cambios sobre un determinado territorio, que permitise, por unha banda, estudar os efectos das “alteracións provocadas polo cambio climático, a partir das estimacións existentes a corto e longo prazo”. Por outra, sería posible coñecer “que impacto suporía un cambio do uso do solo sobre a biodiversidade e a conectividade ecolóxica”, así como analizar tamén “zonas onde hai abandono das terras agrícolas”, algo que, como sinala esta investigadora, “está supondo grandes cambios nalgunhas zonas de Galicia”. Deste xeito, sería posible detectar “puntos críticos”, mais tamén planificar, posto que o modelo permitiría “predicir cales serían os impactos” dun determinado cambio.

Definición de corredores ecolóxicos

Outro dos obxectivos é analizar o impacto destas alteracións sobre a “conectividade ecolóxica”, pondo o foco na necesidade de evitar o illamento e a fragmentación das áreas naturais protexidas. De aí que busquen tamén a identificación de “corredores ecolóxicos”, que poderían atoparse tanto dentro como fóra dos propios espazos protexidos. “Polo tanto, proponse un enfoque de rede ecolóxica, que se baseará en indicadores relacionados coa sostibilidade en áreas de alta prioridade”, subliñan as e os responsables deste proxecto.

Ademais, Resilient2Change comprende tamén o deseño dun “sistema de apoio á toma de decisións”, que contribúa a definir actuacións para “protexer os recursos naturais e a calidade de vida das persoas” a través de “solucións baseadas na natureza e infraestrutura verde e azul”. Ao mesmo tempo, buscarán tamén definir “solucións financeiras e sociais innovadoras e replicables”, que impliquen a cooperación entre propietarios e outros axentes, empregando a teoría de xogos, “na que os investigadores de Ecosot son expertos”, para “establecer estratexias que beneficien de forma xusta a todos os implicados”, sinala Álvarez.

De feito, entre as accións do proxecto figura o desenvolvemento de tres casos de estudo, nos que se avaliarían propostas de “accións específicas”, á vez a aplicación do modelo na análise das diferentes áreas protexidas de Galicia e noutros puntos de diferentes países.