Co obxectivo de mellorar o coñecemento dos sistemas de fallas que controlan os seus circuítos
Investigadores da Facultade de Ciencias participan nun proxecto sobre os fluxos termais de Galicia e Portugal
Esta semana recollen mostras en augas de Ourense, Lobios, Baños de Molgas, Lugo e outros enclaves
A Facultade de Ciencias do campus de Ourense, a través dos seus profesores Pedro Araujo e José Ángel Cid, participan nun proxecto estatal que ten como obxectivo mellorar o coñecemento dos sistemas de fallas que controlan os circuítos das augas termais do noroeste peninsular, ofrecendo o modelo conceptual de circulación e orixe destas augas. Nel, determinaranse cales son e como son as estruturas xeolóxicas que controlan o ascenso de fluídos termais e a súa localización e que condicionan as súas ubicacións e características.
O proxecto chámase Nova aproximación multidisciplinar á caracterización de fallas activas e a súa interacción e control dos procesos xeotérmicos e sísmicos intraplaca do noroeste da península ibérica (FACTER) e está financiado pola Agencia Estatal de Investigación, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Coordinado por Fidel Martín González, da Universidad Rey Juan Carlos, no estudo participan 23 investigadores e investigadoras de dez organismos de investigación de cinco países, nomeadamente España e Portugal. Durante esta semana, investigadores do proxecto, entre eles os da UVigo, e coa colaboración de Rayco Marrero Díaz, do Instituto Geológico y Minero de España-CSIC, están a realizar a primeira campaña de campo, mostrando as augas termais de Ourense, Lobios, Baños de Molgas, Lugo, Caldelas de Tui e Caldas de Reis, entre outros lugares.
Das características á orixe
O traballo pon o seu foco na análise das características físico-químicas e isotópicas das augas subterráneas infiltradas e os gases disoltos nelas, tratando de identificar a orixe, profundidade e patróns de fluxo dos fluídos termais dos circuítos galegos e comparándoos cos de Portugal. Segundo explican os investigadores da Universidade de Vigo participantes nesta iniciativa, os sistemas xeotérmicos fisurais, os existentes no noroeste da península, desenvólvense a través de complexos sistemas de fraturación nas partes máis someras da cortiza terrestre. Trátase, detallan, de “circuítos complexos e en moitas ocasións non ben estudados”. O coñecemento das estruturas e os controis xeolóxicos que favorecen estes sistemas xeotérmicos, comentan Pedro Araujo e José Ángel Cid, “é un dos maiores retos científicos no estudo da orixe de augas termais e para iso, requírese a integración de numerosas disciplinas que poidan caracterizar esta actividade xeotérmica e a súa localización, como xeoloxía estrutural e xeoquímica de fluídos”.
“A investigación básica dos circuítos termais de Galicia e Portugal a través da análise de augas e gases profundos permitirá aumentar o coñecemento dos circuítos hidroxeológicos subterráneos que as xeran e definir a área de influencia do xacemento xeotérmico nestes lugares”, afirman os docentes da UVigo. A comparación de resultados entre xacementos do mesmo tipo en España e Portugal, indican por último, permitirá establecer as similitudes e diferenzas entre os distintos circuítos termais e a influencia que outros factores (topográficos, hidrolóxicos e xeolóxicos) provocan na calidade e cantidade do recurso termal.