DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mario Pansera e Javier Lloveras son os autores dun volume publicado por Bristol University Press

Investigadores da UVigo articulan nun libro “outra idea da innovación”, desvinculada do crecemento económico

Froito das investigacións desenvolvidas no marco do proxecto europeo Prospera

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 09/01/2026

Analizar como sería unha sociedade capaz de prosperar sen necesidade dun crecemento económico continúo constitúe o eixe central do proxecto Prospera, no que o grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo traballou ao longo dos últimos cinco anos. Financiado polo Consello Europeo de Investigación (ERC), os estudos, experiencias e reflexións xurdidos no marco desta investigación constitúen o punto de partida do libro no que Mario Pansera, director deste grupo de investigación, e Javier Lloveras articulan “outra idea da innovación”, desafiando a visión “predominante”, sinalan, de que “a innovación e o crecemento deben estar intrinsecamente vinculados”.

Publicado en acceso aberto pola prestixiosa editorial Bristol University Press, o libro Post Growth Innovation: Resisting the Pursuit of Endless Economic Growth aborda como a idea do crecemento económico “reprodúcese constantemente nas nosas sociedades, baseándose en gran medida nunha fe incondicional no desenvolvemento tecnolóxico e a innovación”. Partindo da idea de que a innovación “non é neutral”, senón “un proceso social con valores e obxectivos específicos”, Pansera e Lloveras abordan esta cuestión desde a óptica do decrecemento, avogando por un “modelo de innovación arraigado no coidado, a reparación e a participación democrática”.

Nese senso, o responsable do Post-Growth Innovation Lab sinala que este libro parte da “tradición” dos estudos nos eidos do decrecemento e o poscrecemento, conectándoos coa “linguaxe da organización e a innovación, que é unha linguaxe instrumental da ideoloxía do crecemento”. Partindo deste marco, “abrimos a porta a outra idea de innovación, poñemos exemplos e facemos preguntas”, subliña. “Recolle un proceso, unhas experiencias e unha aprendizaxe”, engade Lloveras dunha publicación na que buscaron “non tanto centrarnos en resultados concretos das investigación que fixemos”, senón en recoller “a esencia” dun proxecto de investigación “moi ambicioso e complexo”, coa idea de achegar os seus debates a un público non especializado. 

A “inviabilidade dual” de ir máis aló do crecemento

O punto de partida do libro é a denuncia de que a sociedade deposite unha “fe cega” en que os avances tecnolóxicos permitirán resolver “as crises ás que nos enfrontamos”, como “a degradación medioambiental e o esgotamento dos recursos”, para as que consideran precisa unha “transformación sistémica”. Esta situación lévaos a contrapor o paradigma do chamado “crecemento verde”, para o que “o crecemento económico non só é compatible coa sostibilidade medioambiental, senón que tamén é esencial para lograla”, coas visións do decrecemento ou poscrecemento, que sosteñen que o “crecemento económico perpetuo é o motor fundamental da degradación medioambiental”. 

Pansera e Lloveras defenden neste volume que o “único camiño viable para abordar os inmensos desafíos aos que se enfrontará a humanidade nas próximas décadas é a través dunha redución democrática e coidadosamente planificada das actividades económicas nas economías opulentas e de consumo excesivo, ata alcanzar niveis que sexan compatibles cos límites ecolóxicos do planeta”. Os investigadores subliñan que este paradigma “non implica unha redución xeneralizada en todos os sectores da economía”, senón que debería centrarse en determinadas industrias e dirixirse principalmente ás nacións e poboación “máis ricas”.

Non obstante, a publicación detense no que definen como unha “inviabilidade dual”, posto que se ben as estratexias do crecemento verde requirirían ao seu xuízo “dunhas melloras na ecoeficiencia que non teñen precedentes na historia humana”, os enfoques críticos co crecemento precisarían superar unha “resistencia sociopolítica significativa” de sociedades e institucións estruturadas arredor de “imaxinarios de éxito orientados ao crecemento”. Nese senso, o obxectivo do libro é afondar nas “complexidades desta dicotomía", pondo énfase na necesidade de “novos imaxinarios de ciencia, tecnoloxía e innovación”, que vaian máis aló do crecemento. 

A innovación nunha sociedade poscrecemento

Esa necesidade de “desvincular o pogreso do crecemento” é un dos eixes do primeiro capítulo do libro, no que afondan na evolución da idea de innovación. No segundo apartado, buscan refutar unha serie de suposicións asociadas a este paradigma, como que a tecnoloxía “dita o cambio social” ou que a innovación “impulsa inherentemente a prosperidade”, incidindo na necesidade de dirixila “cara a xustiza e sostibilidade”. Isto lévaos a propor no terceiro capítulo un “modelo de innovación arraigado no coidado, a reparación e a participación democrática”, a partir dunha serie de estudos sobre makerspaces, fab labs ou movementos polo dereito a reparar. Partindo tamén das investigacións desenvolvidas no marco de Prospera, o seguinte capítulo examina exemplos de organizacións e institucións, desde empresas cooperativas ata plataformas de código aberto, que “ilustran como a actividade económica pode prosperar sen depender do crecemento”. O seguinte capítulo céntrase en como poderían abordarse, desde a óptica do poscrecemento, as infraestruturas e sistemas complexos, mentres que o último apartado busca dar resposta á pregunta de que significa “democratizar a tecnoloxía”.

Recuperar a capacidade de experimentar

O libro complétase, apunta Pansera, cunha “invitación” a reflexionar sobre “algo que perdemos como sociedade, que é a capacidade de experimentar”. Os investigadores defenden neste apartado final que o capitalismo, “que sempre se presenta como algo innovador”, é un sistema que “reduce a creatividade e a capacidade de experimentar”. Neste punto, inciden en cuestións como o dereito a reparar e na “restrición á experimentación” que supón que persoas ou comunidades "non poidan modificar os produtos para adaptalos ás súas necesidades, por temas de propiedade intelectual”, engade Lloveras. De feito, lembra Pansera, o volume ábrese cunha reflexión sobre a “narrativa” que postula o capitalismo como “o único sistema económico e social”, para pecharse coa idea de que para saír dunha idea que “dificulta imaxinar alternativas de organizar a sociedade” é preciso “retomar a experimentación”.