DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Iván Area e Juan José Nieto destacan a importancia de tomar medidas globais

Investigadores da UVigo e USC sinalan que a “única saída posible é un confinamento real en Europa durante quince días”

Traballan no desenvolvemento de modelos matemáticos de predición en relación coa covid-19

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 10/11/2020

O importantísimo número de falecementos e a saturación dos hospitais, en particular da unidades de coidados intensivos (UCI), son dúas das principais consecuencias e preocupacións da covid-19. Co obxectivo de contribuír desde o coñecemento científico á abordaxe destas dúas problemáticas, Iván Area, do Departamento de Matemática Aplicada II da Universidade de Vigo, e Juan José Nieto, do Instituto de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, veñen desenvolvendo desde o inicio desta crise sanitaria diversos modelos matemáticos de predición, tanto da evolución de afectados como das necesidades de camas UCI. Ante os datos actuais e os escenarios que se albiscan, estes investigadores apuntan como na súa opinión a “única saída posible é un confinamento real en Europa durante 15 días”.

Dúas liñas de traballo

O traballo desenvolvido por Iván Area e Juan José Nieto consta en dúas partes diferenciadas. Primeiro, nos meses de xaneiro e febreiro de 2020, indican, “deseñamos un modelo matemático que nos permitise predicir o avance da pandemia”. O modelo, explican, está baseado en considerar á poboación dividida en distintos compartimentos: persoas susceptibles, infectadas, recuperadas, asintomáticas, superpropagadoras, hospitalizadas, recuperadas e falecidas. “Despois de estudar como son as transicións entre as distintas poboacións realizouse a necesaria análise matemática do modelo proposto e as correspondentes simulacións numéricas que axustaban con bastante precisión os datos que ían chegando desde China”, sinalan os investigadores. A aplicación destes parámetros, detallan, permitiulles “predicir o día 4 de marzo, cando se detectou o primeiro caso en Galicia, que o maior número de novas persoas infectadas íase a producir o día 5 de abril, coincidindo coa data inicialmente prevista para as eleccións galegas”. Ese mesmo día 4 de marzo, lembran, “informamos a todos os partidos políticos con representación parlamentaria no Parlamento de Galicia, da necesidade de aprazar as eleccións galegas, como finalmente houbo que facer”.

O segundo nivel de análise dos investigadores da UVigo e USC céntrase en, unha vez se ten unha estimación de como vai ir evolucionando o número de novas persoas infectadas, estimar cantas persoas van a necesitar asistencia en coidados intensivos. “Isto é fundamental porque son recursos altamente especializados para os que é necesario previsión e anticipación”, comentan. Neste senso, Area e Nieto subliñan sobre esta problemática como “non se trata unicamente de construír un edificio, dentro ten que haber equipamento, pero, sobre todo, ten que haber persoas formadas nun campo tan complexo como os coidados intensivos, nun número que de entrada é incerto, pero coas previsións ás que nos referimos pódese estimar con algo máis de tempo que a pura improvisación. Cando temos que improvisar, improvisemos, pero cando podemos planificar, planifiquemos”. O modelo resultante, no que tamén participaron investigadores do Sergas, foi publicado recentemente na revista Alexandria Engineering Journal baixo o título Determination in Galicia of the required beds at intensive care units.

A situación actual

Entre outros datos, estas ferramentas de predición empregan para os seus cálculos as cifras actualizadas da pandemia. Neste senso, na actualidade, explican Iván Area e Juan José Nieto Roig, a data 1 de novembro de 2020 segundo a Organización Mundial da Saúde houbo máis de 45 millóns casos confirmados no mundo e 1.189.945 mortes provocadas pola covid-19. “É dicir, arredor do 2,6% das persoas infectadas acaban falecendo. Por suposto nestas estatísticas non se teñen en conta as consecuencias nas persoas que sobreviviron, moitas delas aínda descoñecidas”, afirman. A semana pasada, engaden os investigadores, houbo un incremento dun 16% de novos casos e un 8% de persoas falecidas e a nivel de España declaráronse ata a data 1.185.678 casos e 35.878 falecementos, polo que un 3% das persoas infectadas en España faleceron, “cifra que é lixeiramente superior á porcentaxe mundial”. Fronte a estes datos Iván Area e Juan José Nieto Roig salientan como “é importante recalcar unha vez máis a necesidade para a ciencia de dispor de datos fiables e robustos. A día de hoxe é difícil dispor de datos comparables entre distintos territorios e/ou estados, o que dificulta a análise da evolución da pandemia”. Neste senso, advirten ademais que “non é entendible desde o punto de vista científico que se queira, por exemplo, reducir o número de persoas infectadas simplemente facendo menos test PCR ou obviando as imprescindibles tarefas de rastrexo”.

Tendo en conta as cifras actuais e as predicións que se albiscan, Iván Area e Juan José Nieto destacan como “non é evidente as medidas a adoptar, pero cada vez parece máis claro que a toma de decisións locais non produce máis que unha melloría nun breve espazo de tempo sendo necesario decisións globais ou en territorios moito máis amplos que o que se estivo facendo ata a actualidade”. Neste sentido, advirten, “estamos vendo como se están facendo confinamentos con distintas intensidades a nivel local, provincial, de comunidades autónomas ou de estados. O escaso sentido común dalgunhas persoas lévanos a pensar que a única saída posible é un confinamento real en Europa durante 15 días, con posteriores corentenas estritas para persoas que entren”. En maio, lembran, “xa se advertiu de que a segunda onda sería moito máis devastadora que a primeira pero parece que se trata unicamente de discursos que calan en determinados grupos de científicos, pero non chegan ás persoas que teñen que tomar decisións. Poderiamos empezar a falar xa da terceira onda”. Neste contexto, sinalan os investigadores, “sempre é mellor afrontar con decisión, tanto por parte das persoas gobernantes como da cidadanía, as situacións difíciles”.

Sobre a denominada inmunidade de rabaño, os matemáticos apuntan como “nos nosos modelos iniciais non contemplamos a posibilidade de reinfección. Desde hai xa algún tempo tense visto que é posible que una mesma persoa contraia máis dunha vez a enfermidade. Posto que non todos os casos (dunha infección ou de máis) foron diagnosticados non é posible ter unha cuantificación de cantas persoas se teñen reinfectado. Por este motivo debemos ser moi cautos á hora de falar deste tipo de solucións e utilizar como criterios a maximización das medidas hixiénicas, a minimización dos contactos e, sobre todo, o respecto ás demais persoas pois calquera de nós pode ser grupo de risco, aínda sen sabelo”.