A súa candidatura tivo xxxxxx
Isabel Mociño é elixida nova decana da Facultade de Educación e Traballo Social
Substitúe no cargo a Xosé Manuel Cid
Este luns, a xunta da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense celebrou eleccións para renovar o decanato do centro, ante a marcha de Xosé Manuel Cid, que despois de 45 anos de dedicación á docencia prepara xa a súa xubilación. A única proposta presentada, a encabezada pola profesora e ata o de agora vicedecana Isabel Mociño, recibiu 37 votos a favor, catro en contra, dous en branco e un nulo.
A nova decana é profesora desde 2012 da Facultade de Educación e Traballo Social e a súa liña de investigación céntrase na literatura infantil e xuvenil e nas prácticas e contextos lectores. O seu equipo decanal terá como vicedecanos e vicedecanas a Ana María Iglesias, Jesús Deibe Fernández Simo, María Isabel Doval e María José Vázquez Figueiredo. Como secretaría continúa Raquel María Iglesias.
O reto, executar o plan estratéxico
Moi satisfeita e agradecida por ter acadado a confianza da xunta de centro, Isabel Mociño sinala que o reto principal para este novo mandato é executar o Programa de Desenvolvemento Estratéxico do centro, cuxas liñas estratéxicas xiran ao redor da atención á diversidade. “Este programa marca o noso rumbo e a través del búscase promover a consolidación e promoción dunha oferta de títulos especializada, a innovación docente e as metodoloxías activas e colaborativas”, sinala. Ademais, enumera, aposta polas accións formativas conxuntas con empresas e institucións especializadas na atención á diversidade; o fomento da investigación e a transferencia e a promoción dunha política integrada de responsabilidade social.
Para levar a cabo esta tarefa, a nova decana destaca a necesaria implicación e traballo de toda a comunidade universitaria do centro. O obxectivo para os vindeiros seis anos, afirma a docente da UVigo, é “avanzar na construción dunha facultade de accesibilidade universal e na sostibilidade das titulacións que nela se imparten, respondendo aos desafíos dunha sociedade en constante cambio tecnolóxico, social, económico, climático...”. Neste camiño, considera que o traballo interdisciplinar e a estreita colaboración coas entidades da contorna é fundamental, “de aí que aspiremos a que a facultade sexa un referente e á vez unha caixa de resonancia dos debates sociais sobre os desafíos aos que nos enfrontamos e onde todos os sectores e axentes están convidados a contribuír ao diálogo construtivo e transformador”.
