DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O comité organizador, formado por persoal posdoutoral, ultima os preparativos do seu encontro

O IX CINBIO Annual Meeting reforzará a conexión entre biomedicina e os nanomateriais

O congreso celebrarase os días 21 e 22 de xullo e xa ten aberto o prazo de rexistro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 08/04/2026

O IX CINBIO Annual Meeting quenta motores coa vista posta en consolidarse como un encontro de referencia no ámbito da investigación multidisciplinar. A novena edición deste congreso, impulsado polo CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade e pertencente á Rede CIGUS, busca reforzar o seu papel como espazo de excelencia no que converxen a ciencia de materiais e a biomedicina.

O principal obxectivo desta edición, que terá lugar os días 21 e 22 de xullo no edificio de Ciencias Experimentais, é poñer en valor a fortaleza multidisciplinar do centro, promovendo o intercambio de coñecemento entre persoal investigador consolidado e novos talentos. A intención é que as persoas asistentes non só coñezan os avances máis recentes, senón que tamén marchen con novas ideas, colaboracións potenciais e unha visión clara das aplicacións actuais e futuras da ciencia de vangarda.

Baixo o lema Shaping the Future – Bond by Bond, Cell by Cell, o congreso quere reflectir ese espírito de conexión entre disciplinas e xeracións científicas. “Queremos conectar a expertos consolidados coas mentes máis novas para reflexionar sobre as innovacións que están a transformar a biomedicina e a nanotecnoloxía”, sinala Valeria Zoni, investigadora do CINBIO e membro da organización.

O programa científico destaca pola súa diversidade temática e contará coa participación de relatoras como Fiona Freeman (Universidade de Dublín), Agustin Mihi (ICMAB-CSIC), Mónica Giménez (ICMOL, Universidade de Valencia), Paula Gómez (Universidade de Bordeaux  e Ferrán Nadeu (IDIBAPS) entre outros por confirmar.  Ao longo das dúas xornadas abordaranse cuestións que van desde a neurociencia, a inmunoloxía ou a bioinformática ata a síntese química. Entre os temas máis innovadores inclúense a química supramolecular, a autoensamblaxe de sistemas funcionais, os avances na enxeñaría de tecidos para o estudo de tumores e o uso de arquitecturas fotónicas para o diagnóstico avanzado. Estes enfoques amosan o papel clave da nanotecnoloxía no tratamento de enfermidades complexas como o cancro ou os trastornos cognitivos.

Apertura de inscricións para rexistro e participación

O encontro tamén ofrecerá múltiples oportunidades para o persoal investigador novo, especialmente para o estudantado de doutoramento, que poderá presentar os seus traballos en formato de comunicacións curtas ou pósteres. Estas sesións permitirán non só dar visibilidade ás súas investigacións, senón tamén recibir valoracións e establecer novas colaboracións nun contorno internacional.

O rexistro no congreso estará aberto desde este 6 de abril, coa posibilidade de enviar resumos ata o 15 de maio e de formalizar a inscrición ata o 22 de xuño a través da web do evento, onde tamén se publicará o programa definitivo. 

A organización agarda reunir entre 150 e 180 asistentes, maioritariamente estudantes predoutorais, aínda que tamén se prevé a presenza de persoal investigador de diferentes institucións galegas e portuguesas, consolidando así o carácter internacional do encontro.

Un reto anual para a organización

O comité organizador do evento está formado por trece investigadoras e investigadores que traballan arreo para conseguir un congreso científico de alto nivel, dinámico e, sobre todo, inspirador para a xuventude. “A nivel persoal, está a ser un gran reto e unha aprendizaxe constante. Para nós ten un significado especial porque o congreso está organizado integramente por persoal posdoutoral”, destaca Valeria Zoni. Pola súa banda, Carlos Renero, tamén membro do comité organizador, pon en valor a complexidade da organización, especialmente no eido económico, ao tratarse dun evento gratuíto cun orzamento limitado.

Tras nove edicións, o CINBIO Annual Meeting continúa medrando e consolidándose como unha cita fixa no calendario científico, cunha participación recorrente de persoal investigador de distintas institucións. O obxectivo segue a ser claro: demostrar que a ciencia que se desenvolve no ámbito local é altamente competitiva e que a súa maior fortaleza reside na colaboración entre disciplinas.