DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Editado polo Grupo de Innovación Docente en EduAcción Patrimonial

Lánzase KITep, un paquete de ferramentas para a educación patrimonial

Trátase dunha publicación con cinco exemplos prácticos de traballo neste eido

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 02/12/2021

Baixo o nome de KITep, o Grupo de Innovación Docente en EduAcción Patrimonial da Universidade de Vigo acaba de lanzar unha publicación na que se recollen diferentes ferramentas pensadas para traballar a educación patrimonial facendo fincapé na socialización patrimonial e na participación das comunidades nestes procesos.

Segundo explica Beatriz Comendador, coordinadora de EduAcción Patrimonial, o material está editado grazas a unha axuda para a divulgación das actividades dos grupos de innovación docente da UVigo e constitúe o terceiro dos materiais editados polo grupo sobre patrimonio cultural, publicándose anteriormente unha Guía de boas prácticas na visita aos sitios con arte rupestre e o libro A Pedra do Encanto. Os Relatos das Vellas Pedras. Con esta nova publicación, engade a profesora da Facultade de Historia do campus de Ourense, quérese atender “a inquedanza de moita xente por coñecer actividades que se poden facer para traballar cunha comunidade x, sexa unha comunidade de veciños, de estudantes ou o que sexa”. Así, lembra, este grupo de innovación ten como finalidade desenvolver accións dirixidas á formación, innovación e renovación do modelo educativo en relación coa educación patrimonial e tamén impulsar o traballo cooperativo entre docentes de diferentes centros, ámbitos disciplinares e contextos educativos que comparten obxectivos comúns.

Froito de esforzo colectivos

A publicación, dispoñible na web do grupo, ten como responsable de contido e edición a Adela Vázquez, historiadora da arte, conservadora-restauradora e profesora do Mestrado en Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio Cultural da Universidade de Vigo. Cun carácter moi visual, as súas ilustracións e imaxes corren a cargo de Adela Vázquez, Claudia Novelo, Beatriz Calero e Willi Raúl López. “KITep é, máis que unha guía, un 'kit de peto' para practicar a educación patrimonial dende un enfoque procomún que nos invita a recoñecer as catro contornas do procomún (corporal, medio ambiental, dixital e urbana); a promover comunidades de afectadas; a co-deseñar ferramentas e activalas en espazos sociais; a practicar a mediación intercultural, artística e/ou comunitaria e acordar xuntas como coidar, soster e doar a outras xeracións os nosos (bens) comúns”, sinala Adela Vázquez.

KITep, detalla a súa coordinadora, “foi pensado como un kit extended play (ep), por iso na súa portada aparece un tocadiscos como icona coa que imaxinar como podemos converternos en dj ao activar KITep para escoitar memorias pasadas, presentes e futuras máis ou menos longas; un termo medio entre un álbum de memorias, máis extenso, e un memorial single, máis sinxelo”. O documento, comenta, está baseado nas súas experiencias vividas en Iberoamérica (entre Galicia, a súa “terra nai”, e Yucatán-México, a súa “terra de acollida dende fai 17 anos” e onde é profesora universitaria) e na proposta BIComún, que naceu en Galicia da man da Asociación Cultural Niquelarte, “que fundamos no ano 2010”. Os contidos, subliña, “acollen un pouco de aquí e de acolá e son parte de esforzos colectivos”.

Un documento práctico

O documento arranca cunha introdución que sitúa á e ao lector “no punto do que partimos en relación a como entendemos e practicamos a educación patrimonial”. Xa o contido, centrado na praxe, consta dunha serie de ferramentas cos pasos a seguir para utilizalas e adaptalas en calquera contexto e con calquera persoa. O paquete de ferramentas desglosa os pasos polos que guiarse para deseñar e pór en práctica cinco dispositivos, que se poden usar xuntos ou por separado, de maneira seriada ou modificar a súa orde, en formato analóxico ou dixital: o mapa do procomún, o afectómetro, a deriva (con) sentidos, o mapeo colectivo (lento) e a galería fotográfica de bens comúns ou galería BIComún. Ademais, hai un apartado de suxestións e outro de recursos “co que quixemos pechar o KITep para dar as grazas a persoas, colectivas e amigas que doan libremente as súas prácticas, producións e afectos para inspirar a outras”.

A iniciativa, apunta Adela Vázquez, caracterízase por “acoller a experiencia das persoas, considerando as súas diferentes realidades e situacións; promover a participación comunitaria nos espazos educativos dentro e fóra das aulas de maneira aberta e flexible e a toma de decisións para deseñar entre todas as persoas implicadas as ferramentas que poderán ser adaptadas, xerando versións nas súas diversas formas e contidos”. O documento, explican as súas responsables, vai dirixido a calquera persoa ou grupo que busque ferramentas que pór en práctica no seu territorio, con comunidades diversas e coas ganas de adaptalas ao seu contexto e facer versións dela.