DUVI

Diario da Universidade de Vigo

letra galegas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 19/05/2026

A Universidade de Vigo celebrou este martes na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía o acto institucional do Día das Letras Galegas 2026, unha cita que serviu para render homenaxe á escritora e xornalista viguesa Begoña Caamaño, a quen nesta ocasión se lle dedica esta data, e tamén para recoñecer o compromiso coa lingua galega deste centro, distinguido este ano co selo de galeguización Gal Ego. Música, literatura, premios e divulgación científica conformaron un programa co que a institución reivindicou o papel do galego no ámbito universitario e científico.

A celebración arrancou coa actuación do dúo Pärbo, integrado por Anxo Pintos e Begoña Riobó, que interpretaron a peza Limons + Golpe de Carballiño. A continuación tivo lugar a apertura institucional a cargo do reitor en funcións da UVigo, Manuel Reigosa, que coincidiu neste acto coa nova reitora electa, Carmen García Mateo.

“Unha persoa de concordia”, que fixo do feminismo a súa bandeira

Un dos momentos centrais da celebración foi a conversa entre a escritora e actriz Paula Carballeira e a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, que exerceu de mestra de cerimonia. Amiga persoal da autora homenaxeada Carballeira ofreceu aos asistentes ao acto, celebrado no vestíbulo central da escola, unha aproximación á figura dunha “persoa de concordia”, “chea de forza”, que fixo do feminismo e loita contra as inxustizas as súas bandeiras, “unha muller cun sorriso que resolvía problemas”, “transgresora no mellor sentido da palabra”.

Autora do libro O transgredir das ondas, dedicado a Caamaño, Carballeira lembrou múltiples anécdotas, experiencias compartidas e lembranzas dunha amizade persoal que mantiveron durante anos e que reflicten de xeito claro a personalidade dunha persoai que engaiolaba, xornalista vocacional, e que coa súa voz “grave e doce ao tempo” levou ás ondas da Radio Galega, a bandeira non só do feminismo, senón tamén de “moitas outras causas sociais, do independentismo á loita contra a especulación inmobiliaria, da liberdade de prensa a loita pola apertura dos centros sociais ao conxunto da sociedade”.

Pola súa banda, Reboreda lembrou tamén o paso da autora pola UVigo, no ano 2010, a onde acudira para ofrecer unha conferencia sobre Circe, que ela mesma se encargara de presentar. Lembrou así o seu papel como narradora que reinterpretou con mestría e en clave feminista os mitos clásicos. “Foi un pracer coñecela e unha gran ledicia que a RAG decidira dedicarlle este día”, subliñou a vicerreitora.

Tres premios e catros accésits para as novas promesas literarias 

Baixo a batuta do profesor Benigno Fernández Salgado, director da Área de Normalización Lingüística, o acto incluíu tamén a entrega dos Premios de poesía, relato curto e tradución 2026, intre no que se aproveitou para ler algúns fragmentos das obras gañadoras, nesta caso da man de Raquel Pérez Orozco, enlace de Igualdade da escola. Na categoría de poesía, o primeiro premio recaeu en Alba Guzmán Falcón polo poemario Procurei/Rehabitar; o primeiro accésit foi para Francisco Fernández Dávila por O am/r nunha pequena bóla azul e o segundo accésit para Elena Pazos Linares por Paseo lunar.
Na modalidade de relato curto, o primeiro premio foi para Noelia Fernández Romero polo texto Alén mar. O primeiro accésit recoñeceu novamente a Francisco Fernández Dávila, nesta ocasión polo relato Palimpsesto ou Ctrl+Z, mentres que o segundo accésit foi para Niobe Alonso Iglesias por O falso repositorio de recordos.

Na categoría de tradución, o primeiro premio foi concedido a Elvira Riveiro Tobío pola tradución de O Astrágalo, de Albertine Sarrazin, mentres que os dous accésits quedaron desertos.

Un novo glosario pon en valor o galego no ámbito científico-técnico

O acto serviu tamén de escenario para a presentación do Glosario de ciencia e tecnoloxía dos materiais, unha publicación elaborada por persoal docente e investigador da Área de Ciencia de Materiais e Enxeñaría Metalúrxica da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, como ferramenta de apoio para estudantado preuniversitario interesado no ámbito da ciencia e da tecnoloxía de materiais, particularmente nas titulacións de enxeñaría.

Con este material as autoras – Iria Feijóo Vázquez, Silvia Gómez Barreiro, Raquel Pérez Orozco e Mª Carme Pérez Pérez- “non pretendemos substituír os manuais, apuntamentos ou outros recursos docentes principais, senón complementalos mediante definicións concisas e rigorosas que axuden a aclarar conceptos clave, establecer relacións entre eles e mellorar a comprensión global da materia”, explicou Mª Carmen Pérez.

Ao tempo a iniciativa nace tamén da convicción firme deste colectivo de que “a lingua galega é plenamente válida para a transmisión e a construción do coñecemento científico e técnico, e de que pode e debe empregarse con naturalidade no ensino destas disciplinas.
glosario_materiais.pdf

O selo Gal Ego renova o compromiso da EEME coa defensa da lingua

Coa celebración deste acto, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía converteuse no cuarto centro da UVigo en recibir o distintivo Gal Ego, un selo con vixencia de catro anos co que a universidade busca incentivar o uso do galego nas facultades e escolas en todas as súas actividades.  “Este distintivo supón para nos o recoñecemento a un traballo de equipo, un proxecto común no que participamos toda a comunidade do centro”, explicou a directora da escola, Elena Alonso, tras recoller un galardón que, ao seu modo de ver, “foi posible grazas á toda a implicación do persoal docente e investigador, PTXAS e estudantado, así como de persoas egresadas, entidades empregadoras e asociacións profesionais”. Nesta liña, fixo tamén fincapé en que o selo representa “o compromiso para seguir traballando e incentivando o uso da lingua galega no desenvolvemento das nosas titulacións”.

Con folgos renovados, Alonso adiantou que a escola continuará impulsando iniciativas para reforzar a presenza do galego en todos os ámbitos da súa actividade, desde a docencia e a investigación ata a divulgación científica ou a transferencia de coñecemento ao tecido empresarial. Entre as accións previstas figura, segundo relatou, a elaboración de novos glosarios docentes vinculados a ámbitos como a enerxía, a explotación de minas, a xestión do territorio ou o medio ambiente, dando continuidade ao traballo iniciado co Glosario de ciencia e tecnoloxía dos materiais. De xeito complementario, tamén se impulsará formación específica para o profesorado co obxectivo de incrementar o número de materias impartidas en galego e o desenvolveranse accións nas redes sociais para fomentar o uso da lingua en contidos relacionados coas titulacións do centro.

Houbo tamén un recoñecemento expreso á implicación da Comisión de Normalización Lingüística e, en particular de Raquel Pérez,  ao tempo que incidiu no compromiso do centro para “seguir traballando para incentivar o uso do galego en todos os ámbitos de traballo da vida da escola”.

Reigosa amosa a súa preocupación polo futuro do idioma 

Encargouse de pechar o acto o reitor en funcións, Manuel Reigosa, quen amosou a súa ledicia pola dedicación desta data a Begoña Caamaño, “unha viguesa, do Calvario, que levantou a bandeira do feminismo, do país, do galego”, que sempre puxo por diante o seu amor pola lingua. “Hoxe temos que lembrar máis que nunca que o camiño do futuro ten que estar alumeado pola nosa lingua, que Galicia non existiría sen o galego”, subliñou Reigosa, quen se amosou “certamente preocupado” polo futuro do idioma propio. “Actos coma este énchenme de ledicia porque vexo que hai moitas persoas que o defenden”, indicou, ao que engadiu que o galego é “un tesouro” e non se pode deixar atrás.  “A Universidade de Vigo xa é publica, xa é de calidade, xa é investigadora, pero, ademais, ten que ser galega”.