DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizado por catro investigadores da EE Forestal, ao abeiro do programa ‘Iniciativa Xove’

Un libro para achegar á cidadanía o importante labor dos insectos na polinización

A guía describe especies máis frecuentes en Galicia e ás ameazas ás que se enfrontan

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 13/10/2020

“A polinización é crucial para manter en bo estado os ecosistemas terrestres, tanto aqueles que son naturais como os xestionados polo home”. De feito, “preto do 35% dos cultivos alimentarios do mundo son produto desta transferencia de pole” que realizan diferentes insectos. Deste xeito poñen de relevo os investigadores do grupo AF4 da Escola de Enxeñaría Forestal Paula Rivas, Carolina Acuña, Sergio Lamosa e Manuel Viso a importancia da temática en torno á que articularon Principales polinizadores de la biodiversidad de Galicia, un libro no que, a modo de “sinxela guía”, presentan as especies de insectos polinizadores máis comúns na autonomía, á vez que fan referencia a algunhas das ameazas ás que se enfrontan. Esta publicación, que distribuirán de xeito gratuíto entre as persoas interesadas, foi financiada pola Concellería de Política Social da Xunta de Galicia, como resultado final dun proxecto seleccionado no programa Iniciativa Xove, da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Tras estudar previamente o potencial de especies forestais como o eucalipto para a produción de mel en Galicia, este grupo de graduados da EE Forestal buscou nesta ocasión dar forma a un traballo de “carácter divulgativo”, como apunta Viso. “Como estabamos traballando coas abellas, a idea comezou un pouco por aí, por dar a coñecer un pouco máis a importancia que teñen os polinizadores”, engade Rivas. Nese mesmo senso, Lamosa pon de relevo que, se ben no referido ao conxunto de España existen “outras guías semellantes”, no caso de Galicia as publicacións que atoparon “centrábanse máis ben nunha especie en concreto, como as abellas ou os abellóns”. A partires desa busca de información e do traballo de campo realizado para fotografar algunhas das especies máis comúns en Galicia, presentan nesta guía unha “breve compilación” na que describen máis de 20 dos insectos que realizan esta función de transferencia de pole, como abellas, bolboretas, escaravellos, moscas ou formigas, agrupadas á súa vez en catro apartados, referidos aos coleópteros, dípteros, himenópteros e lepidópteros. 

Ademais de distribuílo polas bibliotecas de diferentes universidades, as e os autores desta publicación explican que as persoas interesadas en obter unha copia desta publicación poden solicitala, de xeito gratuíto, tanto no correo electrónico poligal.gal@gmail.com, como a través do perfil de Instagram do proxecto.

Principais ameazas

“Estímase que preto do 75% dos produtos alimentarios” derivados da agricultura, “sexan vexetais ou derivados, dependen nalgún punto da polinización”, salienta Lamosa co propósito de pór en valor a importancia que este labor ten tanto para o ser humano como para os ecosistemas. Nese senso, a publicación ten como punto de partida, sinalan as súas autoras e autores, o feito de que “múltiples estudos alertan da diminución do número e diversidade dos polinizadores silvestres a nivel global”, o que, sumado “ao potencial de produción primaria que ten Galicia”, fai necesario dar a coñecer a súa importancia “a sociedade en xeral e, en particular, á xente nova”. Con esa idea, o libro suma á descrición das diferentes especies a abordaxe dalgunhas das ameazas ás que se enfrontan estes insectos, como o uso de pesticidas ou o cambio climático e os incendios forestais, que producen alteracións ou a destrución dos seus hábitats.

Nesa abordaxe das ameazas, detéñense tamén no perigo que, para especies como as abellas, supoñen as avespas velutinas. “Os exemplares adultos cazan insectos e coléctanos para os seus niños porque son ricos en proteínas, utilízanos só para alimentar as crías”, explica Lamosa respecto dunha especie invasora que constitúe unha ameaza para especies como as abellas. De feito, os autores e autoras realizaron previamente unha “proba piloto” dirixida a coñecer os efectos desta especie nunha serie colmeas, poñendo a proba, para saber “cal funcionaba mellor”, diferentes métodos dirixidos a evitar os ataques desta especie.