DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coordinado por Veljka Ruzicka, compara obras nacionais e inglesas e alemás publicadas en España

Un libro analiza a representación da morte e os seus tabús nos medios audiovisuais e na literatura infantil e xuvenil

As autoras sosteñen a presenza desta temática permite á cativada vela como outra parte máis da vida

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
Rebeca López Villar DUVI 22/03/2021

Na tradición literaria española son numerosas as obras que, destinadas a un público infantil e xuvenil, eluden ou edulcoran a temática da morte, considerada tabú para nenas e nenos. Coa evolución da sociedade e dos seus produtos culturais, os relatos trataron de presentar a idea do pasamento desde outras perspectivas, polo que esta foi adquirindo protagonismo e xerou máis interese investigador. 

Neste contexto, a catedrática do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da Universidade de Vigo Veljka Ruzicka acaba de editar, xunto a Juliane House da Universidade de Hamburgo, un libro sobre a representación da morte na literatura e no cine infantil e xuvenil: Death in Children’s Literature and Cinema, and its Translation. Entre as investigadoras participantes neste volume, publicado pola editorial Peter Lang, aparecen outros seis nomes vinculados á Facultade de Filoloxía e Tradución: Lourdes Lorenzo, Ana Pereira e Beatriz Rodríguez, do Departamento de Tradución e Lingüística, e Helena Cortés, María José Corvo e María Jesús Barsanti, do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá.  

A literatura, ferramenta para afrontar os pasamentos con madurez

Death in Children’s Literature and Cinema, and its Translation abarca diferentes estudos sobre o tratamento da morte nos medios audiovisuais e na literatura infantil e xuvenil. Ademais do enfoque literario ou discursivo, o libro inclúe análises elaboradas desde o ámbito da tradución, considerando obras inglesas e alemás que se publicaron nas distintas linguas de España.  

A influencia das ficcións literarias nos lectores e lectoras é indubidable, polo que a investigación neste eido é necesaria para comprender de que modo inciden os textos no público infantil e xuvenil. Con este obxectivo, o volume afonda en diversas consideracións, como a presenza da morte na creación audiovisual do século XX ou na literatura galega, onde o imaxinario colectivo está cargado de referencias ao mundo de ultratumba.  

Sobre a importancia deste tipo de estudos, a editora recorda que desde hai moito tempo existe en España unha resistencia a tratar esta temática nos proxectos pensados especificamente para un público infantil e xuvenil, aínda que na actualidade a morte “non só está na literatura, senón en todos os medios modernos aos que os nenos están expostos a diario: televisión, cine, prensa e videoxogos”. Tendo en conta esta situación paradoxal, unha das conclusións que se poden deducir desta publicación é que a literatura constitúe un instrumento para mellorar a intelixencia emocional dos menores. As profesoras Lourdes Lorenzo e Ana Pereira destacan que “a aparición da morte permite á cativada vela como outra parte máis da vida, axuda a quitarlle ferro e asumila con tranquilidade” e entre as estratexias para incluír estas problemáticas no terreo literario subliñan o feito de animalizar certos personaxes, empregar eufemismos e abordar o tema desde o humor. 

O importante papel da tradución

Veljka Ruzicka, que forma parte da directiva da Asociación Nacional de Investigación de Literatura Infantil y Juvenil, ANILIJ, explica que na literatura alemá “a morte ten unha longa tradición como tema literario” e destaca a época romántica, con autores como Goethe. No marco europeo, os nenos puideron aproximarse á morte a través dos contos de Perrault e dos irmáns Grimm. Relatos como Hänsel e Gretel ou Carapuchiña Vermella abordaron a temática con maior ou menor crueldade, aínda que Ruzicka afirma que “é especialmente impresionante a historia de Barba Azul, cuxas mulleres aparecen mortas colgando da parede dunha habitación chea de sangue coagulado”. 

Confrontando os dous ámbitos xeográficos, o alemán e o español, a investigadora apunta que “a morte aínda é un tabú na literatura infantil e xuvenil española e as traducións de obras alemás son escasas”. Así mesmo, para explicar a relevancia dos procesos de tradución na configuración literaria da morte, Ruzicka expón que nalgunhas versións os mediadores tentan suavizar o posible impacto de frases ou ilustracións nos lectores máis mozos. 

Hai casos, como o traballo Die Wolke (1987), nos que a tradución española “omite todas as ilustracións e reduce o impacto que produce a súa lectura”, e outros nos que os cambios xeran resultados moi acertados, pois “impulsan as creacións da cultura meta”, sostén a catedrática. Destes últimos, menciona a tradución da novela Birgit (2011), onde as imaxes da ilustradora Beatriz Martín complementan e benefician o discurso literario.  

O libro tamén fai referencia á morte no mundo do cinema e das súas traducións, e conclúe que, aínda que as solucións e criterios son semellantes entre os medios audiovisuais e os literarios, dentro do propio cine as versións con subtítulos son máis eufemísticas que as dobradas. En calquera caso, o volume descubre que tanto nas traducións do cine como da literatura a tendencia parece positiva, xa que nos últimos anos prevalece a intención de respectar as connotacións dos discursos orixinais, malia a súa dureza.

Análise da evolución histórica 

Os estudos presentes nesta edición ocúpanse de diferentes contextos xeográficos e varios tipos de creación, todos eles destinados ao público infantil e xuvenil. Dalgún xeito, os capítulos do libro amosan o desenvolvemento histórico da temática da morte que, segundo Ruzicka, evolucionou “desde unha perspectiva puramente fantástico-mitolóxica ata un enfoque realista e obxectivo”, feito que axuda a que o público se identifique cos personaxes e aprenda estratexias para afrontar dificultades reais.