DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Editado co apoio da Xunta de Galicia, o volume presentouse na Fundación Didac, en Santiago

Un libro do grupo dx5 afonda en como o audiovisual do século XXI representa a figura da bruxa

Coa profesora Susana Cendán como editora, é unha adaptación da tese de Rebeca López Villar

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Igualdade
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Pontevedra 24/05/2023

¿Quién no es bruja? Esta pregunta dá título á última publicación do grupo de investigación dx5 (digital & art graphic research) da Facultade de Belas Artes, un volume que propón unha análise sobre a representación desta figura no audiovisual nas dúas primeiras décadas do século XXI, que na tarde deste martes foi presentado na Fundación Didac, en Santiago de Compostela. Realizada co apoio da Xunta de Galicia e coa profesora Susana Cendán como editora, esta publicación recolle unha adaptación da tese de doutoramento defendida o pasado ano na facultade pontevedresa por Rebeca López Villar. Nela, recóllense os resultados da análise que esta artista e investigadora realizou de 80 películas e 34 videocreacións. Esta permitiulle constatar como unha figura representada ao longo da historia como un ser malvado foi tamén empregada no ámbito da arte contemporánea desde unha mirada feminista, como símbolo dunha muller perseguida e capaz de rebelarse.

A publicación que recolle os principais resultados desta investigación foi presentada por López Villar e Cendán, directora desta tese, nun acto que se completou cun recital escenificado de poesía, no que participaron Jorge Rodríguez Durán, Emma Pedreira, Lorena Conde e Andrea Barreira. “Penso que o libro é un documento imprescindible para calquera investigación que inclúa a palabra bruxa”, salienta Cendán, autora do texto de apertura dun volume que define como “necesario”. Non en van, engadiu, contribúe “a cambiar a percepción de moitas circunstancias que seguen estando aí, relacionadas, sobre todo, coa visión da muller como un ser perverso, que na tradición occidental está asentada dunha forma moi potente no imaxinario colectivo”. De feito, a tese que deu lugar a este libro editado por Dardo permitiu á súa autora constatar como a industria cinematográfica continúa asociando no século XXI unha serie de características negativas e sexistas a este tipo de personaxes, mais tamén para comprobar como desde o eido das artes plásticas a figura da bruxa é empregada para desarticular discursos sexistas. “Unha forma de desarticular esas narracións é revisando todo isto desde unha perspectiva feminista”, sostén Cendán, que incide noutra das cuestións nas que pon o foco este libro, a idea de como as películas de animación "coas que crecemos e que nos vendían o amor romántico” tiñan como antagonista “unha persoa malvada, que, fose unha bruxa ou unha madrasta, sempre era muller”.

Nese senso, o libro ¿Quén no es bruja? Lo brujesco en las representaciones del audiovisual del siglo XXI, permite afondar en como a videoarte traballa coa bruxa desde un punto de vista político ou reivindicativo, mentres que no cine e a televisión perpetúase “un sistema de valores esencialmente patriarcal”, como destacan desde o grupo de investigación.