dfasdfas
libro ourense
afadfasfas
A Universidade de Vigo celebrou este venres o acto conmemorativo do 50 aniversario dos estudos universitarios en Ourense. Percorrendo o camiño do persoal ao colectivo, membros que foron ou son da comunidade universitaria e representantes de numeras entidades compartiron lembranzas, anécdotas e emocións nunha homenaxe á historia do que hoxe é o campus de Ourense e do colectivo que o fixo posible.
O acto contou coa asistencia de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; a secretaria xeral e vicerreitores e vicerreitoras da institución académica, entre eles Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; anteriores responsables académicos; numerosas autoridades en representación das diferentes administracións públicas, colexios profesionais, empresas e outras entidades, ademais de membros da comunidade universitaria.
Pasado, presente e futuro
Na súa intervención, o reitor puxo en valor a importancia histórica destes 50 anos para conseguir chegar a ter na actualidade “un campus de primeira, con titulacións atractivas, que está medrando nunha situación de dificultade para captar alumnos, e con investigación de altísimo nivel”. Así, afirmou, grazas a este esforzo histórico e colectivo “estamos sendo quen, cada vez máis, capaces de actuar, como creo que debe facer unha universidade comprometida coa súa contorna, para conseguir que o desenvolvemento social, económico e cultural e tamén de valores chegue a toda a provincia de Ourense”. Neste senso recalcou a importancia da cooperación xa que, dixo, “debemos servir a Galicia por riba de todo e iso facémolo moito mellor se o facemos xuntos”. Manuel Reigosa agradeceu e recoñeceu “o traballo feito todos estes anos por parte de toda a comunidade” e afirmou que “o futuro do campus de Ourense está asegurado, o futuro do campus de Ourense é brillante e isto é grazas ao traballo de todas e de todos. Moitas gracias”.
Pola súa banda, Francisco Javier Rodríguez, foi o encargado de presentar a publicación 50 anos de estudos universitarios en Ourense, coordinada polo propio vicerreitor, a directora de área Mónica Villanueva e o responsable de Cultura Filemón Rivas e na que participou un amplo abano de membros da comunidade universitaria. Nela faise un detallado percorrido histórico desde o Colexio Universitario de Ourense ata o actual campus, deténdose en analizar en concreto a evolución da súa vicerreitoría e de cada unha das súas escolas e facultades. O responsable académico salientou a importancia de “botar unha ollada ao pasado para comprender o presente e afianzar o futuro” e indicou que con este libro e os actos celebrados arredor do 50 aniversario quíxose pór de manifesto, recoñecer e homenaxear “o esforzo de todas as persoas que fixeron posible esta historia”. Neste “gran camiño que temos construído entre todos”, indicou o vicerreitor, “os máis grandes logros aínda están por vir”.
Compromiso colectivo
A homenaxe, guiada por membros da Aula de Teatro Universitaria de Ourense e amenizada polo grupo de música tradicional Par de Par, contou coa intervención tamén de diferentes persoas vinculadas a estes 50 anos. Así, o historiador e catedrático emérito xa xubilado da UVigo Jesús de Juana falou, ao igual que no libro editado agora, da orixe dos estudos universitarios en Ourense, de cando se comezaron a impartir estudos superiores no Colexio Universitario de Ourense en 1974. No seu percorrido puxo en valor a implicación das entidades ourensás na creación deste Colexio Universitario e na súa evolución posterior. “Ao longo de tantos anos houbo un remarcable esforzo colectivo” que, dixo, permiten que “Ourense e Galicia teñan agora mesmo un campus asentado”. Neste senso, chamou a atención sobre o feito do que significaría para a provincia e a cidade de Ourense, coas súas altas taxas de envellecemento, estar sen os máis de 5000 estudantes que agora mesmo estudan nas facultades e escolas do campus.
Tamén falou no acto conmemorativo Maite Ansias, estudante da primeira promoción de Pedagoxía, que lembrou destas orixes o “compañeirismo que se fraguou entre o alumnado e tamén cos docentes que tivemos, pois para moitos deles era a súa primeira incursión na docencia”. Toda “esta bagaxe de aprendizaxe e experiencias nesa época intentei transmitila na miña actividades docente”, afirmou. Sentado ao lado de Maite Ansias durante os anos de carreira estivo Xosé Manuel Cid, profesor da Facultade de Educación e Traballo Social agora xa xubilado. El no acto contextualizou a importancia do nacemento dos estudos universitarios en Ourense e como nos momentos anteriores e posteriores á morte de Franco, “a primeira loita era acadar unha universidade pública, de calidade, democrática, aberta ás clases populares, que ata ese momento tiñan difícil acceso a estudos superiores”. Neste senso sinalou que aínda que pasaron xa 50 anos “as clases sociais, así como o xénero e outros factores seguen condicionando o futuro e os estudos, pero de maneira máis sutil e subliminar”.
En representación do persoal do campus, do PTXAS, falou Luís Pérez, recentemente xubilado. Como “sindicalista básico”, visibilizou e reivindicou o papel do persoal de administración e servizos no desenvolvemento da Universidade e, dado “o momento actual no que estamos”, o papel das universidades públicas. Por último, tamén interveu Manuel González, da Plataforma ProCampus. No seu caso agradeceu a inclusión nesta celebración dos 50 anos da Plataforma como un “recoñecemento ao compromiso da sociedade ourensá co seu campus”, salientando que este compromiso supón un caso excepcional no contexto estatal. Así, lembrou fitos como a gran manifestación de 1994, con arredor de 25.000 persoas en apoio do campus, e a loita por Enxeñaría Física, que logo permitiría a implantación da titulación de Aeroespacial. Nesa reivindicación por “un trato digno para Ourense” indicou, foi moita a xente que dedicou o seu tempo a “loitar por unha visión conxunta” (citando de xeito especial entre eles a Etelvino Blanco), xente para a que tivo palabras de recoñecemento.
O acto de homenaxe rematou desexando “outros 50 anos máis”.