DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizado polos profesores de Dirección e Xestión Pública Xosé Mahou e Victoria Canoura

Un libro permite coñecer como un problema social se transforma nun problema público

Editado polo Servizo de Publicacións da UVigo 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 05/06/2023

Desde a construción dunha autopista, ata as subvencións ás empresas, pasando por medidas dirixidas á mellora da saúde ou á loita contra a pobreza e a desigualdade. Múltiples iniciativas impulsadas polas institucións públicas son o resultado dos procesos de toma de decisións, nos que concorren múltiples actores, que conforman as denominadas políticas públicas. “O seu obxectivo é buscar unha resposta ou solución a un problema”, sinalan os profesores da Facultade de Dirección e Xestión Pública Xosé Mahou e Victoria Canoura, autores dun libro que afonda tanto nas orixes e definición das políticas públicas, como nas diferentes fases para o seu desenvolvemento. Estas, como sinalan os responsables da monografía Análisis de políticas públicas. Enfoques y metodologías, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, deben partir sempre da identificación do asunto a abordar “como un problema publico e non privado”, que permita un “tránsito da axenda social á axenda pública”.

“Isto vese moi ben nas problemáticas relacionadas coa igualdade de xénero ou coa discapacidade”, vistas ata hai poucas décadas “como un problema persoal e familiar, ao que non se lle daba unha resposta pública”, engade Canoura. Nese senso, un dos propósito deste libro era afondar no “establecemento da axenda política a partir da conversión dos problemas sociais en problemas públicos, no marco dun proceso complexo”, como recolle a súa introdución. De feito, os seus autores poñen o foco na necesidade de diferenciar as políticas públicas de “accións realizadas con fondos públicos, que poden estar dentro dunha”, pero tamén ser iniciativas illadas ou de carácter puntual. “O obxectivo dunha política pública é a participación de diferentes actores para buscar solucións a problemas públicos, políticos e sociais, o que tense que traducir nunha serie de programas, plans, accións ou lexislación”, sinala Mahou.

Da definición á avaliación, o ciclo das políticas públicas

Aínda que, explican, non se trata dun “libro divulgativo”, o obxectivo desta monografía é tanto que poida servir ao alumnado de Dirección e Xestión Pública como que tamén “poida chegar á xente que ten interese nas políticas públicas”. Para iso, buscaron compilar e sintetizar as múltiples achegas académicas existentes sobre esta temática, dotando a súa análise dun “fío argumental de continuidade”, que parte da visión das políticas públicas, sinala Mahou, “como un ciclo que se inicia coa detección dun problema respecto do que se toman unha serie de decisións, crease un programa público para darlle solución, implántase e avalíase”. 

As diferentes fases dese ciclo centran os diferentes capítulos dun libro que previamente pon o foco na definición e tipoloxía das políticas públicas, así como na súa orixe, vinculada ao desenvolvemento do Estado do Benestar. Partindo deste marco xeral, Mahou e Canoura afondan en como estas requiren do concurso “dun conxunto de actores públicos e privados”, xa que a participación de múltiples axentes, alén das institucións, “na definición do problema” é a que vai permitir “atopar unha solución máis acaída para todos, ademais de ser a forma máis democrática de deseñar unha política pública”, defende Canoura.

Esa “agregación de intereses” resulta clave para un aspecto “fundamental”, como sinala Mahou, a correcta “definición” dunha determinada problemática como un asunto “que necesita da acción pública para poder solucionarse” e da súas causas. “Podes entender que os incendios forestais son exclusivamente un problema económico, medioambiental ou de seguridade cidadá, ou podes entender que son unha conxunción de todas estas cuestións ao mesmo tempo”, subliña Canoura, pondo o foco en como esa definición vai determinar a seguinte fase do ciclo, a toma de decisións. Neste punto, o libro detense en como a “toma de decisións dentro da administración pública é extremadamente complexa”, recoñece Mahou, á vez que aborda a existencia de “diferentes modelos” de toma de decisións, como o “racional” que parte de recoller toda a información necesaria para a definición de novas medidas, ou o “incremental”, que, ante a necesidade de “tomar decisións nun curto período de tempo”, avoga por promover cambios en iniciativas xa existentes.

Finalmente, Mahou e Canoura detéñense tanto na fase de implantación das políticas como na súa avaliación, entendida non tanto como unha análise posterior, senón como un xeito “de modificar esa política, de saber se realmente estás obtendo os resultados que buscabas ou outros distintos”, como apunta Mahou. “É importante que esa avaliación se realice en todas as fases, non só ao final”, engade Canoura, que incide en que políticas públicas deben entenderse como “un ciclo non lineal, no que podes dar pasos adiante e atrás”.