DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está coordinado polos profesores da UVigo José Ángel Cid e Benjamín Macía

Un libro rende tributo ao pioneiro da investigación matemática española Germán Ancochea

Nel destácase a relevancia internacional deste ourensán

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 20/09/2021

En 1946, a prestixiosa Universidade de Pricenton celebrou o seu bicentenario cunha conferencia que congregou por primeira vez trala II Guerra Mundial aos matemáticos máis destacados do mundo. Na foto de familia dese momento histórico, sentado na primeira fila, está o único español que participou na cita, Germán Ancochea. Un libro, coordinado polos profesores do Departamento de Matemáticas da Universidade de Vigo José Ángel Cid e Benjamín Macía, rende agora tributo a este “pioneiro da investigación matemática española” da Pobra de Trives (Ourense).

Investigación, publicacións e escola

A publicación, titulada Germán Ancochea. Tributo a un pionero de la investigación matemática española e editada pola Real Sociedad Matemática Española, quere ser unha homenaxe ao profesor Germán Ancochea (Córdoba 1908-Madrid 1981). A súa figura, indican os promotores do libro, “non está recoñecida como cremos que debería ser” e agora que se compren 40 anos do seu falecemento “consideramos de xustiza facerlle un recoñecemento público e volver a poñelo de actualidade”. Este tributo, sinalan, ten en conta por unha banda a súa relevancia e por outra a súa “proximidade”. Así, apuntan sobre o primeiro aspecto, “podemos afirmar sen dúbida que foi un adiantado ao seu tempo e que a calidade da súa produción científica resiste ao escrutinio dunha óptica moderna”. A isto engádese a vinculación con Galicia de Germán Ancochea, pois aínda que nado en Córdoba (Arxentina), de pais emigrantes, retornou a Trives con 4 anos e alí permaneceu ata que se desprazou a Ourense para estudar o Bacharelato e logo a Madrid para licenciarse en Matemáticas, mantendo sempre o vínculo con Galicia e Trives, onde pasaba parte do verán todos os anos”.

Entre a dilatada traxectoria de Germán Ancochea, os coordinadores do libro e profesores do campus de Ourense poñen de relevo datos tales como que foi catedrático das universidades de La Laguna, Salamanca e Complutense de Madrid; un dos primeiros matemáticos españoles en publicar un artigo na prestixiosa revista Annals of Mathematics; deu nome a un teorema (o teorema de Ancochea-Hua) e os seus traballos foron eloxiados polos investigadores máis destacados na súa área. “Germán Ancochea forma parque do que é unha das primeira xeracións de investigadores en matemáticas de España. Pertence a unha xeración que empezou a facer investigación orixinal, a producir resultados, a publicar os seus traballo en revistas internacionais e de máximo prestixio”, sinalan José Ángel Cid e Benjamín Macía lembrando como “os seus traballos foron publicamos nas revistas máis importantes do momento”. Estes logros, recalcan, teñen especial relevancia tendo en conta “o momento histórico tan complicado que lle tocou vivir, a cabalo entre a Guerra Civil Española e a II Guerra Mundial”. Especialista en xeometría alxébrica e álxebra, Germán Ancochea, apuntan os responsables da publicación, conseguiu ademais ao longo da súa traxectoria académica crear en Madrid “unha escola a nivel de estado importante”.

“Tendo en conta que Ancochea iniciou a súa carreira como profesor auxiliar en 1930 e que publicou os seus primeiros artigos internacionais a principios dos anos 40, sendo xa profesor en Salamanca, completamente illado, en plenas posguerra española e II Guerra Mundial e nun país con escasa tradición en investigación matemática, é un logro excepcional que chegara a desenvolver unha carreira científica de primeiro nivel e a relacionarse coa elite matemática”, afirman os coordinadores da obra.

Unha homenaxe colectiva

O libro, sinalan José Ángel Cid e Benjamín Macía, é un “proxecto colectivo” no que teñen participado diversos autores e autoras e que foi posible grazas á colaboración de diferentes persoas e institucións, entre elas a familia do homenaxeado. Ademais dos seus coordinadores, a publicación recolle achegas de José María Almira, José María Ancochea, Antonio Campillo, Rutwig Campoamor-Stursberg, Carlos Ferreiro, Xabier García, Francisco García, Hans Havlicek, Ceferino Ruiz e Elena Vázquez. Ademais da biografía de Germán Ancochea e a súa etapa en Trives, as e os lectores poden ver na obra editada unha ampla mostra da correspondencia que mantivo con eminentes matemáticos da súa época, como Hasse, Van der Waerden, Lefschetz, Zariski ou Von Neumann, entre outros, e o testemuño de discípulos seus, como Ceferino Ruiz. Ao longo do libro, tamén se analiza a súa influencia posterior por parte de destacados investigadores como Antonio Campillo o Hans Havlicek e se abordan algúns dos seus traballos en temas como o teorema dos ceros de Hilbert; as formas diferenciais e o teorema de Fröbenius; a descomposición de Jordan-Chevalley e as álxebras asociativas unitarias; as estruturas alxébricas e as proxectividades, preservadores harmónicos e semi-homomorfismos.