DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo dx5 de Belas Artes impulsa a o volume ‘Manga + Anime. Una mirada transdisciplinar’

Un libro reúne especialistas de diferentes áreas para ampliar os estudos en castelán sobre o cómic e a animación xaponesas

Participan doce investigadoras e investigdores de universidades de seis países

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Pontevedra 23/06/2025

Procedentes de universidades de seis países, investigadoras e investigadores de ámbitos como a arte, a historia, a socioloxía, a filosofía, os estudos culturais ou a literatura comparada participan no libro Manga + Anime. Una mirada transdisciplinar, a nova publicación do grupo de investigación dx5 da Facultade de Belas Artes. Coordinado polo profesor José Andrés Santiago, trátase dun volume que busca proporcionar “unha aproximación ampla” aos estudos de manga e anime, o cómic e a animación xaponesas, partindo da súa abordaxe como medios cunha serie de características estéticas e formais que definen os seus sinais de identidade.

Expertas e expertos de varias universidades xaponesas, pero tamén de Alemaña, Reino Unido, Suecia, Turquía e España asinan os doce capítulos dun volume “enfocado cara as novas xeracións de investigadores hispanofalantes de manga e anime”, sinala Santiago. “Con esta selección quixen rescatar artigos, a miúdo pioneiros, que considero referencias indispensables á hora de entender o manga e o anime en tanto que formas mediais”, engade o editor deste libro publicado por Satori Ediciones. De feito, varios dos artigos publicáronse “orixinariamente en inglés, en revistas académicas e noutros soportes” e agora foron ampliados e actualizados para este volume. O libro parte dunha “maneira de entender os estudos de manga e anime na que se presta especial atención aos aspectos materiais, formais, estéticos ou textuais” destas manifestacións culturais, así como as súas “dinámicas de produción, distribución e consumo”. Nese senso, reúne un conxunto de estudos que “tratan cuestións inherentes ao propio medio”, indo máis aló das investigacións que empregan cómics ou obras de animación “para facer lecturas sobre cuestións concretas”, centrándose nos seus “aspectos discursivos”, mais non “nos aspectos que afectan á natureza do propio medio”.

Con dirección de arte de Ana Soler, responsable do grupo dx5 (digital & art graphic research), e o deseño gráfico e maquetacón de Marta Regojo Díaz-Obregón, Manga + Anime tivo como “xerme” a celebración en Pontevedra, no ano 2019, do V Foro Internacional de Creación na Fronteira, un simposio que reuniu especialistas en manga e anime de diferentes países, no marco dun proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Ao mesmo tempo, este libro insírese na liña de investigación centrada nos estudos transdisciplinares sobre cómic, que o grupo desenvolveu ao longo dos últimos anos, contando co financiamento do Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas da Xunta de Galicia.

Dous medios independentes, pero conectados

Aínda que os seus capítulos poñen de relevo “os cruzamentos que se producen habitualmente entre” manga e anime, o volume presenta “ambos medios como entes separados”. Nese senso, a primeira metade do libro céntrase no medio audiovisual, con traballos como o que Jaqueline Berndt, da Universidade de Estocolmo, centra nos estudos académicos sobre anime; ou o que Alba Torrents, da Autónoma de Barcelona, dedica á importancia dos “aspectos sensoriais” e dos “elementos extra-narrativos” no anime. Stevie Suan, da Hosei University de Tokio, aborda a “noción da individualidade” nunha animación na que “a personalidade dos personaxes configúrase a partir de accións totalmente codificadas”, explica o editor; mentres que Minori Ishida, directora do Archive Center for Anime Studios da Niigata University, “pon en valor a importancia dos materiais intermedios” nesta animación. Finalmente, Manuel Manuel Hernández-Perez, da Universidade de Salford, “analiza o papel da teoría de autor”, a partir da obra de Hayao Miyazaki, mentres que Santiago presenta un estudo sobre as características das primeiras coproducións euro-xaponesas.

A continuación, a profesora d Bedik Beykoz University de Estambul Selen Çalik analiza “as narracións ‘tipo videoxogo’ no manga e o anime”; mentres que Olga Kopylova, da Tohoku University, afonda nas “transformacións de estilo nas adaptacións” do cómic á animación. Neste bloque dedicado ao manga, o investigador da Stuttgart Media University Zoltan Kacsuk “aborda a tensión existente” entre a súa concepción como “estilo gráfico” e como produto feito no Xapón; mentres que Dama Kálovics, da Kwansei Gaukin University de Tokio, estuda a “materialidade do manga” a partir da estrutura de páxina. Blanche Delaborde, da Fukuoka University “pon o énfase no funcionamento das onomatopeas e evocativos gráficos”, como elementos diferenciais fronte outras escolas de cómic; e a investigadora da Ryukoku University Jessica Bauwens-Sugimoto cuestiónase, a partir da obra Young Black Jack, “como a industria do manga adáptase a un público lector cambiante”.