DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participación viguesa en dous proxectos europeos sobre bioeconomía azul con aplicación directa na in

Un está liderado desde o CIM e o outro co-liderado desde o CINBIO

Buscan o benestar animal en acuicultura e materiais sostibles desenvoltos a partir de macroalgas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 13/02/2026

A rede europea Marinnonet, coordinada polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo e financiada polo programa Interreg Atlantic Area, acabar de pór en marcha os traballos seleccionados na súa segunda convocatoria de proxectos piloto en bioeconomía azul con aplicación directa no sector produtivo, sete iniciativas que presentan actividades de I+D+i en tres áreas clave: acuicultura sostible, tecnoloxías de observación mariña e produtos industriais derivados do mar. Dous destes proxectos contan coa participación de persoal investigador da UVigo, un liderado desde o grupo PhysToFish, do propio CIM, e outro con participación do grupo grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible, EQ-2, do Centro de Investigación en Nanomaterias e Biomedicina, CINBIO.

Financiados con ata 30.000 euros e nove meses de duración, estes proxectos están concibidos como exemplos prácticos de como a investigación e a industria poden colaborar para desenvolver tecnoloxías e produtos que respondan ás necesidades dos sectores produtivos e da sociedade.

Ferramentas para avaliar o benestar dos peixes en acuicultura

O proxecto Colorhynchus, liderado polo investigador do grupo PhysToFish do CIM Mauro Chivite Alcalde, céntrase na validación de indicadores de benestar en tempo real para a troita arco da vella en acuicultura. O traballo aborda unha das principais limitacións actuais da acuicultura: a dificultade de identificar problemas de benestar antes de que deriven en perdas económicas ou na necesidade de intervencións veterinarias, incrementando a sustentabilidade e o benestar animal. "Avaliar o grao de benestar dun animal é unha tarefa complexa e, no caso dos peixes, resulta especialmente difícil debido ás diferenzas biolóxicas con respecto aos animais terrestres, nos que os estudos sobre benestar animal levan décadas desenvolvéndose. É por iso que a validación de indicadores de benestar fiables, reproducibles e sinxelos de aplicar en peixes constitúe un reto científico”, explica o investigador.

Colorhynchus estudará tres parámetros complementarios e non invasivos —o escurecemento da pel, a calidade do mucus e a sincronización do comportamento— como ferramentas de alerta temperá que poden ser implementadas de forma accesible en granxas de todo tipo de tamaño.

O consorcio inclúe a participación da Estación Mariña de Plentzia da UPV/EHU e da empresa Bio1OneHealth, Lda. “Obter financiamento para desenvolver este proxecto piloto é unha oportunidade para contribuír ao desenvolvemento de ferramentas prácticas que permitan avaliar o benestar dos peixes de forma temperá. No contexto da acuicultura, contar con indicadores capaces de alertar sobre un benestar comprometido, posibilita ao sector para actuar de forma preventiva, minimizando o sufrimento animal ao tempo que se reforza a viabilidade do sector ", afirma o investigador.

Un dos valores engadidos da iniciativa é que estas ferramentas están pensadas para seren implementadas en granxas acuícolas de pequeno e mediano tamaño, sen necesidade de formación especializada nin de tecnoloxías complexas, respondendo así aos retos identificados previamente pola comunidade Marinnonet.

Materiais sustentables a partir de macroalgas mariñas

No eido dos produtos industriais derivados do mar, financiouse o proxecto Algaemat, Integrated Valorization of Brown Algae for Advanced Functional Materialsé, liderado desde a Universidade do Minho pola profesora Ana Cristina Pontes de Carvalho, membro do Grupo 3B´s (Biomateriais, Biodegradables e Biomiméticos), e no que tamén participa a Universidade de Vigo e as empresas Portomuiños e SeaExpert. Neste caso trátase de desenvolver materiais funcionais sostibles a partir de algas pardas, empregando un proceso de biorrefinería sen solventes que recupera polisacáridos e compoñentes sólidos para a produción de hidroxeles e compósitos destinados a aplicacións industriais. 

O grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible, EQ-2, da UVigo, participa no proxecto como membro asociado, achegando a súa experiencia na extracción e na recuperación dos compostos bioactivos e funcionais das macroalgas pardas. Empregando tecnoloxías de alta presión e disolventes verdes, para a extracción, recuperación e concentración dos compostos bioactivos, o obxectivo é obter distintas fraccións das algas, principalmente os polisacáridos sulfatados, florotaninos e carotenoides. “En colaboración co grupo que lidera o proxecto, tamén se formula a recuperación e caracterización dos alxinatos, a aplicación de distintas estratexias para a formación de hidroxeles nos que se incorporarán os compoñentes con mellores propiedades antioxidantes e antiinflamatorias; e para lograr o aproveitamento integral dos recursos, traballarase na incorporación das porcións residuais en novos biomateriais con propiedades mecánicas melloradas”, explican desde o grupo.

Como principal fortaleza deste proxecto destaca a complementariedade dos membros do consorcio. Os grupos de investigación acreditan experiencia previa na extracción limpa de bioactivos e no desenvolvemento de novos biomateriais e a eles súmanse dúas empresas de referencia no cultivo e na recolección de algas mariñas para alimentación, biotecnoloxía e cosmética, que actuarán como axentes innovadores externos. Pola parte galega cóntase coa empresa Portomuíños (Cerceda, A Coruña) e pola portuguesa coa empresa seaExpert (Horta, Açores), como proveedores das algas e asesores en aspectos de cultivo, recolección e manexo, así como nos criterios de relevancia industrial.” Con esta base poderase lograr o escalado dos procesos limpos, eficaces con residuo cero para a obtención de novos biomateriais bioactivos a partir das macroalgas pardas seleccionadas”, apunta o equipo da UVigo.