DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudante de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, competiu na proba de loita praia

O loitador Saúl Bello álzase coa medalla de prata no Campionato do Mundo Universitario de Deportes de Praia

Trátase da sétima medalla acadada polo alumnado da UVigo nos mundiais da FISU neste 2026

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 21/09/2026

Estudante da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Saúl Bello logrou a medalla de prata na competición de loita praia masculina, na categoría de -80 quilos, do Campionato do Mundo Universitario de Deportes de Praia. A localidade portuguesa de Figueira da Foz acolle nestes días unha competición que reúne preto de 600 estudantes de 31 países e que abrangue catro modalidades deportivas. Entre elas, unha competición de loita praia na que o representante da Universidade de Vigo rematou en segunda posición tras lograr a vitoria en tres dos catro combates que disputou, caendo unicamente ante o moldavo Gabriel Ojog, quen se alzou coa medalla de ouro.

Alumno do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e campión de España sub23 de loita olímpica, Bello Álvarez recoñece a “ilusión” que lle supuxo poder subir ao podio por primeira vez nunha competición internacional. “Por todo o evento e polo valor que ten esta medalla en si, a verdade é que estou moi orgulloso”, recoñece da que recibiu como unha das medalla máis “importantes a nivel emocional” da súa carreira deportiva, que se suma a logros como a primeira vez que se proclamou campión de España de loita olímpica, en categoría cadete, “ou cando volvín conseguir quedar campión en categoría sub23”. 

Tres vitorias e unha derrota

Promovido pola Federación Internacional de Deporte Universitario (FISU), xunto coa Federación do Deporte Universitario de Portugal, a Universidade de Coimbra e a Cámara Municipal de Figueira da Foz, este Campionato do Mundo engloba as competicións de fútbol, balonmán, voleibol e loita praia e péchase este martes 22 coa cerimonia de clausura. No caso da loita praia, a competición levouse a cabo o venres 19 e, na proba masculina de ata 80 quilos, disputouse nun formato de grupo, no que os cinco deportistas inscritos neste peso medíronse entre eles, decidíndose as medallas polos puntos acumulados en todos os combates. 

Bello iniciou a súa participación cunha vitoria fronte ao representante croata, Andrija Durdevic, que remataría alzándose co bronce. A continuación, dobregou tamén ao portugués Dinis Silva, para caer derrotado ante o moldavo Ojog, quen proclamou campión tras vencer en todos os combates. Finalmente, o estudante do campus de Pontevedra derrotou ao brasileiro Jeanderson Guerra, garantíndose asía a medalla de prata. “Foi unha sorpresa poder chegar ata un segundo posto, xa que, aínda que vas coa predisposición de facelo o mellor posible, a primeira participación nun mundial a este nivel implica tamén unha toma de contacto”, recoñece Bello. Nese senso, ao feito de “non ter unha referencia de a que nivel estás” á hora de medirse a loitadores doutros países sumábase neste caso que se trataba dunha proba de loita praia e non de loita olímpica. “As normas cambian moito”, recoñece Bello, que explica que na modalidade na que competía neste torneo acádanse puntos cando o rival toca  o chan co cóbado ou co xeonllo, polo que “a estratexia tiña que ser diferente”, recoñece.

Alén da propia estrea nunha competición internacional, este mundial universitario permitiu ao tamén campión de España universitario de loita convivir con deportistas doutros países e doutras modalidades. “Foi unha experiencia moi boa”, recoñece Bello, referíndose tanto a compartir a cerimonia inaugural con universitarios e universitarias dunha trintena de países como as propias vivencias con representantes das diferentes modalidades, “cos que podías compartir experiencias no teu deporte como se fosen compañeiros e non rivais”.

Sétima medalla da UVigo este verán 

Xunto a Saúl Bello, outros oito alumnos e alumnas da UVigo foron seleccionados polas súas respectivas federacións para participar neste 2026 nos mundiais universitarios auspiciados pola FISU. De feito, a prata acadada en Portugal supón a sétima medalla lograda polas e polos deportistas da Universidade este verán. A primeira delas chegou a comezos de agosto en Mumbai, no Campionato do Mundo Universitario de Squash. Alí, Marta Domínguez, formada tamén na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte lograba o seu segundo título consecutivo de campioa do mundo universitaria, na competición individual feminina.

Os restantes podios con representación da UVigo déronse no mundial universitario de piragüismo, disputado entre o 17 e o 20 de agosto na localidade húngara de Szeged. Alí, María Paraja e Irene Lata, estudantes do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, lograron a medalla de ouro na competición feminina de K2, na distancia de 500 metros. Lata e Paraja formaron parte así mesmo da embarcación feminina coa que España acadaba a prata na proba de K4, tamén na distancia de 500 metros. Neste kaiak remaba tamén a estudante da Facultade de Deseño Uxía Rodríguez, quen sumou unha segunda medalla de prata na competición individual de K1 1000 metros. Por outra banda, o estudante de Ciencias da Educación e do Deporte Mauro Domínguez logrou unha medalla de bronce na proba masculina de K2 1000 metros, e o tamén alumno desta facultade Carlos Gutier foi un dos canoístas do C4 co que España alcanzou a prata na proba de 500 metros. 

A estes cinco integrantes da selección española na cita disputada en Hungría sumouse a participación co equipo uruguaio do tamén alumno da UVigo Yoel Becerra, quen quedou ás portas da medalla na final de C1 1000 metros.

A participación do alumnado da Universidade de Vigo nos campionatos da FISU neste 2026 completarase coa presenza de Stella Maris Enríquez, estudante do Grao en Enxeñaría Biomédica, no mundial universitario de vela, que terá lugar entre o 28 de setembro e o 2 de outubro en Croacia.