Oito representantes da UVigo foron seleccionados para a Residencia de Artistas Emerxentes
A luz inspira os proxectos que estudantes de Belas Artes e Deseño desenvolven xunto a alumnado de diferentes disciplinas
No encontro que se desenvolve ata este venres no Pazo de Mariñán
Coas ideas de luz, espazo e instante como fontes de inspiración, oito estudantes das facultades de Belas Artes e Deseño da UVigo desenvolven ao longo desta semana no Pazo de Mariñán, na localidade coruñesa de Bergondo, os proxectos artísticos polos que foron seleccionados para a sétima edición da Residencia de Artistas Emerxentes Encontros en Mariñán. Promovida pola Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), coa colaboración das diferentes institucións participantes, esta iniciativa reúne preto de 40 estudantes de universidades, conservatorios e escolas de arte e deseño de diferentes puntos de Galicia, co obxectivo de establecer sinerxías que dean lugar a proxectos creativos de índole interdisciplinaria.
Promovida coa colaboración da Deputación da Coruña, a sétima edición desta residencia leva ao alumnado a convivir e crear conxuntamente “con estudantes doutras disciplinas e doutros ámbitos, nun espazo moi colaborativo”, sinala o profesor da Facultade de Belas Artes Ignacio Barcia, que coordina a participación da UVigo nestes encontros xunto co docente da Facultade de Deseño Román Corbato. Dirixida, como apuntan desde a organización, a “establecer sinerxías entre os distintos centros de formación artística de Galicia”, esta residencia conta coa participación do alumnado destes dous centros da UVigo, da Facultade de Arquitectura da Universidade da Coruña, do Conservatorio Superior de Música da Coruña, das escolas de arte e superiores de deseño Antonio Faílde, Mestre Mateo, Pablo Picasso e Ramón Falcón, da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, do CIFP Imaxe e Son e do Espazo de Danza da Universidade de Santiago de Compostela.
Coordinados por Mónica Alonso, xunto con Barcia, estes encontros combinan o traballo no desenvolvemento dos diferentes proxectos cunha serie de conferencias e sesións musicais, A estas sumarase na tarde do xoves, a partir das 19.00 horas, unha xornada de portas abertas, dirixida a que as e os visitantes poidan coñecer o resultado desta semana de traballo, que se completará o venres cunha xornada de reflexión e entrega de diplomas.
A luz como punto de partida
O feito de que a RAGBA dedique neste 2026 o Día das Artes Galegas ao fotógrafo José Suárez levou á organización a situar a luz “como eido de reflexión, tránsito ou chegada” dos proxectos que se desenvolven desde este luns en Mariñán. Previamente, as e os preto de 40 participantes neste encontro mantiveran unha reunión virtual, dirixida “a que todos coñezan en que está traballando cada un e saiban que conexións se poden establecer”, explica Barcia. De feito, aínda que ao longo da semana “sempre xorden as colaboracións”, o estudantado da UVigo presentara previamente as súas propostas de proxectos nunha convocatoria aberta ao alumnado de grao e posgrao de Belas Artes e Deseño, á que se presentaron 21 solicitudes. Sete alumnas e un estudante foron os finalmente escollidos para unha residencia que, nalgúns dos casos, derivou na definición de proxectos conxuntos.
Ese é o caso de Celia Guerreiro e Sara Mallo, do Grao en Deseño, que nestes días experimentan coa cianotipia, buscando recoller non só “a incidencia da luz sobre o papel, senón tamén a ausencia desta”. Fano a través das siluetas creadas por diferentes elementos presentes no pazo, coa idea de “profundar no concepto da sombra en si”, explican. Tamén traballan conxuntamente os estudantes do Grao en Belas Artes Cristina Rus e William Evans Vinuesa, que desenvolven neste encontro O que habita nas sombras, unha proposta que inspiran “no pasado do pazo”, coa idea de “iluminar a súa historia”. Nela insírense “unha instalación colectiva” baseada no uso de espellos que permitan achegar luz “as recunchos máis escuros do interior” do pazo e un “dispositivo móbil lumínico”, programado para activar o seu sistema de luz ao detectar son. Este lévaos á súa vez a buscar a colaboración doutros participantes para compor “unha peza sonora” coa que activalo.
A relación entre “luz, sombra, son e espazo” é o eixe do proxecto Soño con poder flotar, de Andrea Mosquera. Esta alumna do Máster en Creación Artística Contemporánea traballa nunha instalación que parte da captación de “imaxes efémeras”, como reflexos ou sombras, que se presentan impresas sobre papel vexetal, transformadas en “superficies translúcidas”, sobre as que proxectar "gravacións de luz en movemento e son ambiental”, xurdidas desta estadía. Estudante tamén deste mestrado, Jimena Arenas desenvolve unha investigación sobre a “posnatureza”, na que fai uso de polímeros, cemento ou restos botánicos para dar forma a un “invernadoiro posnatural”, no que a luz actúa como “principal activador, transformando a instalación nun proceso temporal e relacional, afastado do obxecto estético", sinala.
Alumna do doutoramento en Creación e Investigación en Arte Conteporánea, Marina Álvarez traballa nestes días nunha “instalación performativa”, conectada coa “memoria do espazo”. Nela plasmará sobre “teas semitransparentes” as siluetas das e dos participantes na residencia e outros elementos da contorna do pazo, empregando unha agulla semiautomática. A representación da UVigo nestes encontros complétase coa alumna de Deseño Ariadna Pereira, quen leva a cabo un proxecto fotográfico “baseado na contraposición da perspectiva occidental e oriental da luz, sabendo que nós priorizamos a luz e eles, a sombra”, explica. Inspirándose tanto na estadía de José Suárez en Xapón como do ensaio Eloxio da sombra, de Junichiro Tanizaki, a súa proposta busca tanto captar en imaxes “as entradas de luz natural no interior do pazo”, como as sombras do edificio proxectadas sobre superficies exteriores.
