DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes celebrouse a última das sesións para centros educativos

Máis de 1200 rapazas e rapaces participaron este curso académico nas xornadas de portas abertas do campus

Nelas o alumnado tivo a oportunidade de coñecer de primeira man os diferentes centros

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Ourense 07/04/2026

Ao longo deste curso académico e en diferentes sesións, o campus de Ourense abriu as súas portas a arredor de 1200 estudantes de centros educativos interesados en coñecer de primeira man as posibilidades que oferta para estudar unha carreira. Este martes celebrouse a última destas sesións, na que participaron 260 rapaces e rapazas que unha vez máis tiveron a oportunidade de, durante unha mañá, facer vida universitaria e coñecer as diferentes escolas e facultades, a súa oferta educativa e as instalacións universitarias.   

Concretamente, este martes as e os estudantes preuniversitarios que asistiron á actividade procedían do IES Julio Prieto Nespereira e o IES Xesús Ferro Couselo (Ourense); o IES Lama das Quendas (Chantada) ; o IES Nº1 (O Carballiño) e o CPR Plurilingüe Miraflores (Pereiro de Aguiar). A cita, organizada pola Vicerreitoría do Campus de Ourense co apoio da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade da Universidade de Vigo, arrancou cunha benvida conxunta na que as e os participantes foron recibidos por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, que agradeceu ao alumnado, profesorado e centros educativos asistentes a súa participación neste acto. Unha vez máis na súa presentación subliñou algúns dos puntos fortes deste campus e das súas titulacións, desde a ubicación no centro da cidade e bo ambiente universitario ata os altos índices de empregabilidade e de valoración das diferentes carreiras. Así, animou ao alumnado presente a coñecer en detalle as oportunidades que lles ofrece o campus de Ourense para o seu futuro académico. 

Nove centros e 16 graos

Seguindo o formato de edicións anteriores, a actividade continuou con visitas guiadas ás diferentes escolas e facultades do campus, tendo o alumnado que escoller entre realizar un itinerario polas titulacións do ámbito xurídico-social, humanidades e artes ou polas do eido de ciencias e enxeñaría, segundo a modalidade de Bacharelato que están cursando. Na actualidade, nas nove escolas e facultades do campus de Ourense impártense 16 títulos de grao, seis programas conxuntos de dobres graos, 15 mestrados e sete programas de doutoramento, superando a cifra de alumnado de 5000. O itinerario do ámbito xurídico-social, humanidades e artes permitiulle ao alumnado coñecer as facultades de Educación e Traballo Social; Historia; Ciencias Empresariais e Turismo; Dereito e Relacións Internacionais. O itinerario de ciencias e enxeñaría levounos á Escola Superior de Enxeñaría Informática; á Facultade de Ciencias; á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e á Escola Universitaria de Enfermaría.

Nas visitas percorreron os seus edificios, coñecendo desde as súas aulas e laboratorios ata museos que albergan, da man de membros dos seus equipos decanais e directivos, que foron explicándolles todo tipo de cuestións referidas ás súas titulacións, actividades e saídas profesionais. Igualmente, en diferentes laboratorios as e os estudantes achegáronse ao traballo investigador que se realiza nas facultades e escolas ourensás, especialmente no caso da Facultade de Ciencias pero tamén en eidos como o espacial, a arqueoloxía e a intelixencia artificial. No seu percorrido tamén tiveron a oportunidade de coñecer o Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia, e instalacións universitarias comúns, como as deportivas, a biblioteca e as zonas verdes.