DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co-organizado con ANILIJ e a Asociación Española de Amigos del Infantil y Juvenil

Máis de 150 persoas matriculadas nun curso da UVigo sobre promoción da lectura na poboación xuvenil

Destinado a profesorado, tanto en activo como en formación, será en liña do 31 de marzo ao 3 de abri

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cursos
  • Divulgación
  • Académica
D. Besadío DUVI 17/03/2025

A varios días de pecharse a data límite de inscrición, este xoves 20, xa son máis de 150 as persoas inscritas no curso La promoción de la lectura en la población juvenil, unha actividade organizada desde a Universidade de Vigo en colaboración coa Asociación Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, Anilij, con sede na viguesa Facultade de Filoloxía e Tradución, e a Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil. Será do 31 de marzo ao 3 de abril cun programa formativo na que as e os participantes poderán coñecer de primeira man diferentes experiencias educativas de utilidade para a promoción da lectura entre a poboación xuvenil.

“É un curso de balde que está dirixido a un público moi amplo que inclúe non só profesorado, senón tamén estudantado, profesionais do mundo da edición, persoal de bibliotecas, etc.”, explican Jesús Meiriño e Beatriz Rodríguez, docentes da UVigo e membros de Anilij encargados da organización do curso, xunto ao profesor da Universidad Rey Juan Carlos Vicente Calvo, membro da Asociación Amigos del Libro.

Da man de profesionais con recoñecida experiencia

O curso arrancará o luns 31 cunha primeira sesión sobre o panorama actual da literatura xuvenil española que impartirá Gabriela Portillo, colaboradora de El Templo de las Mil puertas, revista en liña especializada en literatura xuvenil e, a continuación, afondarase, da man de Jacobo Hernando, no mundo do cómic na oferta editorial para os lectores xuvenís.

O martes 1 exporase a iniciativa ‘Comando Le’, unha experiencia lectora con adolescentes que se encargarán de achegar Beatriz Núñez e Cristina Álvarez, de Espazo Lectura, unha entidade non gubernamental creada co obxectivo de promover e fomentar a lectura en lingua galega. Fundada en Gondomar, na comarca do Val Miñor, organiza e desenvolve actividades sen ánimo de lucro que teñen como principal obxectivo promover a lectura, o que lles valeu facerse merecedores do premio Liber 2024 á mellor iniciativa de fomento da lectura en bibliotecas abertas ao público  que outorga a Federación de Gremios de Editores de España (FGEE).

As actividades continuarán o mércores 2 e xoves 3 con propostas para o tratamento da poesía e o teatro cos lectores xuvenís; técnicas creativas para o desenvolvemento da escritura; claves para ler as imaxes dos libros ilustrados e influencias das novas tecnoloxías na literatura xuvenil.

“O programa abrangue un cadro de docentes de recoñecida experiencia e longa traxectoria que proveñen de moi diferentes ámbitos”, explican os docentes da UVigo. 

Inscricións ata o xoves 20

As persoas interesadas en inscribirse poden facelo ata o xoves 20.