DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido por Universidade e Deputación de Pontevedra, no marco da Cátedra Deporte e Saúde 

Máis de 200 persoas participan nun congreso que aborda fisioterapia e deporte desde unha perspectiva de xénero

Dirixido a dar resposta á “fenda existente na investigación” sobre lesións en mulleres

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Reitor
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 13/11/2025

Combinando o seguimento presencial e virtual, 230 investigadores, investigadoras e profesionais participan este xoves e venres no I Congreso Internacional de Fisioterapia no Deporte Feminino, un foro académico inserido nas actividades da Cátedra Deporte e Saúde, que promoven a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra. Coa participación de especialistas de diferentes ámbitos, o congreso inaugurado este xoves na Facultade de Fisioterapia ten como obxectivo dar “resposta a unha realidade que, ata o de agora, permaneceu nun segundo plano: a fenda existente na investigación sobre deporte en mulleres”, segundo salientou a súa directora, a profesora Rocío Abalo. 

O punto de partida dun congreso que, sinalou, propón “unha temática novidosa” é que as diferencias entre homes e mulleres deportistas derivadas de "factores biolóxicos, como a anatomía, a biomecánica e, especialmente, os hormonais” fan necesaria incorporar a perspectiva de xénero á investigación sobre cuestións como a prevención e o tratamento de lesións. “É un paso imprescindible cara unha práctica deportiva máis igualitaria, segura e baseada na evidencia”, subliñou Abalo na inauguración deste congreso, que contou coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Rafael Domínguez; a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; a decana de Fisioterapia, Mercedes Soto, e a directora de Deportes da Deputación, Xisela Aranda. “Durante estes días, a facultade converterase nun espazo de encontro e de reflexión, coa finalidade de compartir e avanzar no coñecemento científico e clínico sobre a saúde das mulleres deportistas”, engadiu a directora dun evento que reúne investigadores e investigadoras de sete universidades españolas e da Universidad Nacional de Rosario (Arxentina).

A fisioterapia non pode “basearse en modelos deseñados para homes”

Con preto de 120 participantes presenciais, o congreso combina a presentación de comunicacións cunha serie de conferencias divulgativas abertas ao público. O seu obxectivo, lembrou Soto, é “por o foco na fisioterapia” no deporte feminino, “un eido que durante moito tempo permaneceu á sombra, tanto na práctica clínica como na investigación e na formación académica”. Nese senso, a decana subliñou que a “a fisioterapia deportiva en mulleres non pode seguir baseándose en modelos deseñados para homes”, dadas esas diferencias fisiolóxicas, hormonais, biomecánicas “e mesmo sociais”, que requiren “dun enfoque específico, actualizado e con perspectiva de xénero”.  

Nesa mesma liña, Reigosa sinalou que “adoptar a perspectiva de xénero” no ámbito da investigación “é algo absolutamente necesario”, xa que do contrario “aplicamos modelos e receitas que non son válidas para o 51% da poboación”. De aí que o reitor salientase a necesidade de promover unha investigación que permita avanzar no coñecemento “das lesións de deportistas femininas” ou en procedementos “que melloren o seu rendemento”. Domínguez, pola súa banda, salientou a “absoluta importancia da fisioterapia no mundo da saúde”, así como “o éxito” colleitado pola primeira edición deste congreso. 

Da predisposición a lesións á saúde mental

Profesor da Universidad de Valladolid, Diego Fernández Lázaro foi o encargado de impartir a conferencia inaugural, centrada nos factores biolóxicos e xenéticos que inflúen no “alto índice de lesionabilidade” das mulleres deportistas. Neste relatorio, afonodou tanto nos aspectos anatómicos, biomecánicos ou hormonais, como en factores xenéticos implicados en lesións musculares e ligamentosas. A continuación, a médica especializada en rendemento e saúde feminina Cristina Salazar abordou o “novo estándar de adestramento” en mulleres, tanto no ciclo menstrual como na menopausia, pechándose a sesión matinal cunha conferencia da fisioterapeuta e investigadora da UVigo Ana Gil. A súa conferencia centrouse na “presupostación corporal”, concepto que aborda como a “percepción de dor en deportistas, a recuperación das lesións ou incluso o propio rendemento deportivo están tremendamente influenciados por factores como o humor, o estado de ánimo, a carga laboral, a dieta, a calidade do sono ou o estrés cognitivo”, explicou. 

Xa pola tarde, terá lugar a presentación de dez comunicacións e dos catro pósters seleccionados polo comité científico do congreso, nos que se presenta unha serie de estudos centrados principalmente nas “lesións deportivas e no exercicio terapéutico”, como explica Abalo. 

A actividade retomarase na mañá do venres cunha conferencia de Augusto Pascoal, profesor da Universidade de Lisboa, centrada no “papel do exercicio terapéutico” na recuperación da función abdominal tras o parto. Nesta segunda xornada participará tamén o readaptador físico-deportivo Carlos Lalín, quen falará dos "criterios metodolóxicos” para o deseño de exercicios que contribúan a recuperación dunha lesión deportiva, pondo o foco no caso do fútbol. Finalmente, o tamén investigador da UVigo Santiago López Roel abordará no último dos relatorios a importancia da saúde mental no deporte feminino e os seus desafíos.