O vindeiro luns arrancan oficialmente as clases
Máis de 2000 alumnos nas xornadas de benvida ao novo novo alumnado da UVigo
Tras pasar por Ourense e Pontevedra, chegaron este venres a Vigo
O vindeiro luns arrancarán oficialmente as clases e con elas a súa etapa universitaria, pero esta semana tiveron xa un “adianto” do que lles ofrece a Universidade de Vigo máis aló da formación académica propiamente dita: bolsas, deportes, idiomas, cultura, internacionalización, voluntariado, igualdade... Falamos das máis de 2000 alumnas e alumnos que dende o mércores ata hoxe venres se achegaron ás xornadas de benvida que a institución académica viguesa organizou para o alumnado de novo ingreso, un encontro lúdico que tras pasar polos campus de Ourense -o mércores- e Pontevedra -o xoves-, chegou hoxe ao campus vigués.
A cita foi no pavillón universitario e ata alí se desprazaron un bo número de servizos universitarios, delegacións de alumnado, asociacións de estudantes… “Queremos que coñezan as instalacións, os servizos, as diferentes actividades ás que van poder acceder durante os vindeiros catro anos”, explica a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, a quen lle gusta acudir persoalmente a estas xornadas. “Encántame velos, coñecelos, preguntarlles que titulación van facer…”, admite Caparrini, “contenta por velos con tanta ilusión e tantas ganas”.
Ao longo de toda a mañá achegáronse ata alí arredor de 1000 alumnos e alumnas que se suman aos arredor de 600 que participaron nas xornadas en Ourense e 460 en Pontevedra.
A cifra de participación nas xornadas sitúase entre o 85 e o 90%
“Estamos moi orgullosos e moi contentos”, indica a vicerreitora, non só polo éxito acadado polas xornadas de benvida, “nas que o nivel de participación se sitúa entre o 85 e o 90% das persoas convocadas”, senón tamén polas boas cifras de matrícula de novo ingreso que está a acadar a institución. “A taxa de ocupación supera xa o 100% nos tres campus”, explica. “Agora queda que se matriculen os últimos convocados e logo abrirase un novo prazo para as prazas que queden libres, aínda que este ano son moi pouquiñas, xa que a maioría das titulacións xa pecharon en xullo con taxas por encima do 100%”.
Nesta liña, Caparrini indica que nos últimos anos a UVigo foi subindo na taxa de ocupación, o que considera “un claro síntoma de que a xente cada vez coñece máis a institución e prefire quedar aquí a estudar e non marchar a outras universidades”.
Caparrini amosouse especialmente satisfeita por como lle foron as cousas á Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, onde este ano pecharon matrícula, tanto no Grao en Enxeñaría da Enerxía como no de Enxeñaría de Recursos Mineiros e Enerxéticos, que era unha das titulacións que tradicionalmente máis lle custaba pechar. “Tanto para a escola como para o conxunto da Universidade esta é unha gran nova, ogallá siga esta tendencia”, recalcou a vicerreitora.
“Nótase que o novo alumnado chega con moitísimas ganas”
Entre os postos que máis interese espertan entre o alumnado que se achega ás xornadas de benvida están o do Servizo de Bolsas, onde se informan do tipo de axudas que van poder obter; a Área de Deportes, Saúde e Benestar e o Centro de Linguas, así como as mesas nas que se lles entrega a axenda para o curso académico -realizadas coa axuda económica do Consello Social-, unha bolsa da Universidade de Vigo e “algún que outro regaliño”, salienta a vicerreitora.
“Nótase que o novo alumnado chega con moitísimas ganas, teñen gañas de vir coñecer a Universidade e de pórse ao día sobre que lles ofrece a vida universitaria ao marxe dos seus estudos”, engade Caparrini, “satisfeita”, polo éxito que están a acadar estas xornadas nos tres campus.
Nerviosismo, ilusión e mesmo calma no inicio de curso
Entre os participantes, Alexandre Rodríguez, un vigués que ten claro desde pequeno que lle gusta a tecnoloxía, razón pola que cursará o Grao en Enxeñaría de Telecomunicación. “Está relacionado cun traballo que quero facer no futuro, arquitectura de ordenadores, encántame iso”, asegura, ao tempo que recoñece que quería estudar preto da casa “está todo ao alcance da man, podes ir a calquera lado e coñeces a xente que te poida asesorar”. Pola súa banda, Victor estudará o Grao en Enxeñaría da Enerxía, “porque me apaixonan as enerxía renovables e quero dedicarme a iso”. Este vigués, que coñecía a universidade da súa cidade logo de participar en xornadas de portas abertas, asegura enfrontar esta nova etapa da súa vida “con calma. Hai que ir con calma porque non sabes ao que vés, as esixencias, así que polo de agora calma. Cando se miren os resultados xa veremos”.
Lorena, de Caldas de Reis, e Tania, de Nigrán, comezarán a semana que vén o Grao en Química, titulación que a primeira elixiu despois de que “en segundo de bacharelato me gustase moito esta materia”. Lorena, que non estivera no campus de Vigo con anterioridade, asegura que “a primeira impresión é boa, boa”.
Daniel, de Pontevedra, accedeu á UVigo vía FP e quedou ás portas do Grao en Bioloxía, “que era o que quería estudar, pero Ciencias do Mar era a miña segunda opción”. Asegura que quería entrar na UVigo porque coñecía a moita xente que lle falou do bo ambiente universitario e di sentirse “moi ilusionado e con expectativas de aprobalas todas e de vivir a vida universitaria ao completo”. Pola súa banda, o compostelán Alberto, tamén cursará o Grao en Ciencias do Mar, aínda que a súa primeira opción era Bioquímica, titulación á que non puido acceder por dúas décimas. “Estou moi contento e teño moitas gañas de empezar”, asegura, ao tempo que recoñece que é “moito cambio” o paso dunha cidade pequena como Santiago a outra que cualifica de “bastante caótica” como Vigo, onde tivo bastantes dificultades para atopar unha residencia na que poder aloxarse.
Pola súa banda, Érika estudará o dobre grao ADE-Dereito, tras dubidar se facer unha ou outra titulación, “polas dúbidas escollín o dobre grao, que me chama moito a atención”. A pesar de ser de Vigo asegura que por amigos tiña máis coñecemento dos campus de Pontevedra e Ourense, “pero do de Vigo algunha idea tiña”. En canto ás súas sensacións ante esta nova etapa, asegura enfrontala con “incerteza e nervios”. Mentres, Rodrigo Leopoldo Míguez cursará o Grao en Enxeñería en Química Industrial despois de elixir, entre as opcións que lle permitía a súa nota media, unha na que estaba unha materia que lle gustaba como a química. Nado en Vigo, optou pola universidade da súa cidade “porque non me quero mover e é moi cómodo poder ir a Torrecedeira andando en media hora. Entón: para que moverse?”, sinala.
