DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No noveno Congreso da Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte 

Máis de 250 especialistas en psicoloxía deportiva reuniranse no campus

Participarán profesionais que traballaron con Carlos Alcaraz ou a selección brasileira de fútbol

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Deportes
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 01/10/2024

Procedentes de 14 países de Europa e América Latina, máis de 250 especialistas en psicoloxía deportiva reuniranse no campus de Pontevedra entre o 15 e o 18 de outubro, con motivo do noveno Congreso Iberoamericano do Psicoloxía do Deporte, que desenvolverase por primeira vez en Galicia. Co profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e presidente da Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte, Joaquín Dosil, á fronte do comité organizador, trátase dun congreso internacional que porá o foco tanto na investigación académica que se desenvolve neste eido, como na súa aplicación práctica no traballo cos deportistas. Con ese obxectivo, o evento contará coa participación como conferenciantes de profesionais que traballaron coa selección brasileira de fútbol e con deportistas como Carlos Alcaraz.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da sociedade promotora presentaron este martes en rolda de prensa a novena edición deste congreso bienal, promovido nesta ocasión co apoio da Universidade, o Consello Social da UVigo, o Concello de Pontevedra, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e a Deputación Provincial. “O que se busca neste congreso é reunir durante unha semana os máximos representantes da psicoloxía do deporte de toda Iberoamérica”, sinalou Dosil, quen explicou que o evento contará coa participación de conferenciantes e expositores de 14 países e prevese que conte con entre 250 e 300 asistentes, chegados dunha vintena de países. 

Baixo o título de Investigación, innovación y aplicación en la Psicología del Deporte Iberoamericana, o congreso que terá como sedes as facultades de Comunicación e Ciencias da Educación e do Deporte busca afondar tanto na situación actual desta disciplina, como nas súas perspectivas de futuro, pondo o foco tanto nos estudos académicos como “no ámbito da súa aplicación”, apuntou Dosil. Nese senso, lembrou que “a psicoloxía do deporte abrangue desde a iniciación ata o alto rendemento”, pero tamén o traballo cos e coas deportistas profesionais na “transición” que supón a súa retirada. De aí que incidise en que entre os obxectivos do congreso figura tanto o traballo destes profesionais para obter “o máximo rendemento” na parte mental do traballo cos e coas deportistas, como o labor que desenvolven en materia de prevención e abordaxe de posibles problemas de saúde mental e os beneficios que pode achegar a práctica deportiva neste eido.

Catro días de actividade

Co edificio que comparten as facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública como sede central, o congreso desenvolverase entre o mércores 16 e o venres 18 e o seu programa abrangue “cinco conferencias plenarias, oito talleres, doce simposios convidados” e a presentación de preto de 50 pósteres, como lembrou o alcalde, que destacou a importancia deste tipo de eventos na aposta de Pontevedra polo deporte. A conferencia de apertura correrá a cargo de Isabel Balaguer, psicóloga de Carlos Alcaraz; e o congreso contará tamén coa participación como relatores de profesionais como a brasileira Regina Brandão, quen traballou coa selección brasileira de fútbol; ou o cubano Luis Gustavo González, quen asesorou o récord mundial de salto de altura Javier Sotomayor. Así mesmo, no programa figuran tamén as conferencias do chileno Alexi Ponce e do mexicano Tomás Trujillo, que participaron en varias edicións dos Xogos Olímpicos acompañando a deportistas e equipos dos seus países. 

Por outra banda, tanto esta facultade como Ciencias da Educación e do Deporte acollerán doce simposios, nos que participarán especialistas de diferentes países, así como a presentación de preto de 50 investigacións en formato de pósteres. O congreso contará ademais cunha xornada previa, o martes 15, na que terán lugar unha serie de talleres sobre “diferentes temas de actualidade, como a utilización do neurofeedback” e outra serie de “innovacións que se están introducindo no ámbito do deporte”, apuntou Dosil.