DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Colaboran en diferentes tarefas como estudantes en prácticas e voluntarios e voluntarias 

Máis de 60 estudantes da Facultade de Comunicación participan na organización dos Premios Feroz 

Responsables do centro e doutras entidades colaboradoras mantiveron un encontro no Concello

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 21/01/2026

Este sábado 24 de xaneiro, Pontevedra será escenario, por segundo ano consecutivo, da gala de entrega dos Premios Feroz, que contarán novamente coa colaboración de máis de 60 estudantes da Facultade de Comunicación. Nomeadamente, o evento conta co traballo de cinco estudantes do Máster en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais, que, no marco das súas prácticas levan “colaborando de forma directa coa organización desde hai varios meses” e aos que se suma o labor como voluntarios e voluntarias dun bo número de estudantes dos dous graos da facultade, segundo explicou a decana, Emma Torres, tras unha recepción este mércores no Concello.  

Torres e o vicedecano Paulino Pérez participaban nesta xornada nun encontro co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, no que tamén se puña en valor a colaboración con este evento do CIFP Carlos Oroza e da Aula de Teatro Municipal, que contribúen, xunto á facultade, a que os Feroz conten con 80 voluntarios e voluntarias. De aí que o alcalde quixese agradecer a súa implicación con este evento, unha colaboración que definiu como de “beneficio mutuo”, xa que os Feroz supoñen tamén “unha experiencia” e un “recurso formativo importante” para o alumnado.  

Torres definiuna como “unha oportunidade única”, tanto para o alumnado do Grao en Publicidade e Relacións Públicas, que pode coñecer “desde dentro” a organización dun dos “eventos de maior tamaño e maior calado”, como para o estudantado de Comunicación Audiovisual, ao que posibilita “un contacto directo coa realidade e cos profesionais do sector”. De aí que a decana incidise en que, máis aló da súa repercusión económica na cidade, os premios contan tamén “cun elemento adicional positivo, que é a formación”, a través do convenio de colaboración asinado o pasado ano coa Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE), promotora dos Feroz. “Os premios téñense convertido nun referente para a formación do noso alumnado”, salientou Torres, que lembrou que a súa colaboración non se limita á gala do sábado, senón que abrangue “todas as actividades que se levan facendo durante todo o ano e que nos están permitindo achegar o estudantado de forma moi directa á realidade do audiovisual”. Torres salientou nese senso a importancia de iniciativas como esta á hora de facer de Pontevedra “un referente do audiovisual”, labor ao que tamén contribúe o feito de que a cidade “se teña convertido no plató do que fan os nosos estudantes”. Nesa mesma liña, Pérez salientou que iniciativas como os Feroz contribúen a situar Pontevedra “no mapa galego” do audiovisual.