DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun convenio para a realización de prácticas tanto na gala como na programación previa

Máis de 60 estudantes da Facultade de Comunicación terán unha oportunidade formativa “de ouro” nos Premios Feroz

O acordo asinado con AICE presentouse este venres no Concello

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Pontevedra 31/10/2024

Un total de 65 alumnos e alumnas da Facultade de Comunicación terán, como salienta a decana, Emma Torres, “unha oportunidade de ouro” para ampliar a súa formación participando activamente tanto na preparación da gala dos Premios Feroz 2025, como na súa programación previa. Este á posibilidade que lles outorga o convenio de colaboración asinado entre a Universidade de Vigo e a Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE), organizadora duns galardóns que o 25 de xaneiro de 2025 celebrarán en Pontevedra a gala de entrega da súa décimo segunda edición. O acordo foi presentado este venres no Concello pola concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e a decana dunha facultade que está a ser tamén sede de boa parte da programación previa deste evento.

“É un verdadeiro luxo. Estannos traendo á porta da casa un evento fundamental para a formación do noso estudantado”, salientou Torres, que agradeceu o labor tanto do Concello como de AICE para pór en marcha esta iniciativa. Concretamente, este convenio permitirá a participación nos Feroz de 62 estudantes do Grao en Publicidade e Relacións Públicas, tres de Comunicación Audiovisual e un do Máster en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais. “Se hai algo importante para o estudantado, é saber a utilidade do que están a facer nas aulas”, engadiu Valderrama, que expresou a “ledicia enorme” que supón para a Universidade que a colaboración que o alumnado poida tomar parte na organización deste evento, “involucrarse en diferentes tarefas e coñecer directamente as persoas que fan que todo iso sexa real”.

Como explicou Gulías, este grupo de alumnos e alumnas colaborarán nunha serie de funcións que se irán definindo “en función do cronograma e da propia produción”, entre as que atopan “traballos de acomodación, de organización e de planificación técnica”, na programación previa, así como “un traballo máis especializado dentro dos propios preparativos” do evento e a súa participación na propia gala. Neste punto, Torres lembrou que a maioría das e dos participantes son estudantes de Publicidade e Relacións Públicas, que “como organizadores de eventos e xestores de comunicación, van estar presentes en todas as actividades dos Premios Feroz”, mentres que o alumnado de Comunicación Audiovisual centrarase na “xestión audiovisual” do evento e a persoa de posgrao seleccionada traballará nos contidos dixitais. Neste punto, a decana salientou a implicación de AICE, “sendo moi creativa e buscando novas propostas” que permitan que o alumnado “deixar ver o seu bo facer e nivel formativo nun evento de carácter nacional tan potente”. 

Un evento que consolida a conexión coa cidade

Impulsados por unha asociación de máis de 250 xornalistas e críticos dedicados a informar sobre cine, os Premios Feroz desenvolverase en Pontevedra os dous próximos anos, co patrocinio do Concello e vense complementados por unha programación previa que levou á súa vez a potenciar as “sinerxías” coa Universidade, como lembrou Gulías. A Facultade de Comunicación foi sede este mes dunha serie de proxeccións cunha “presenza masiva”, ás que se suma en novembro un ciclo de proxeccións que analizará títulos de referencia da historia do cinema español desde unha perspectiva feminista. “Para nós é un orgullo ver a afluencia desta programación, pero sobre todo ver como a Universidade dá resposta aos retos da sociedade”, sinalou nese senso Valderrama, mentres que Torres definiu os Premios Feroz como “unha oportunidade para poñer o foco en Pontevedra como cidade de asentamento profesional do sector audiovisual, pero tamén no papel que estamos a facer na facultade”. 

Ademais das proxeccións, entre as propostas programadas para novembro figuran tamén a mesa de debate Mulleres que contan, o vindeiro mércores 6, na Facultade de Comunicación, onde o venres terá lugar unha presentación da investigación As creadoras no audiovisual, por parte da profesora da Universitat Jaume I Jéssica Izquierdo. Así mesmo, Belas Artes acollerá o 19 de novembro unha clase maxistral sobre animación do cineasta e exalumno da facultade Alberto Vázquez, mentres que o 20 de novembro terá lugar unha conversa sobre deseño de vestiario coa figurinista Bina Daigeler, promovida coa colaboración do mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda da Facultade de Deseño.