DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación e do Deporte acolleu a sexta edición deste curso de iniciación

Máis de 60 persoas iniciáronse na escalada nos obradoiros do campus

Inserido na programación de Extensión Universitaria da Vicerreitoría

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 22/11/2021

Dirixido a formar aos e ás asistentes nas técnicas básicas de escalada para que poidan ser autónomos na práctica desta modalidade deportiva ao seu remate, o obradoiro Iniciación á escalada en rocódromo forma parte da programación de Extensión Universitaria da Vicerreitoría do campus desde 2017. Desde entón, preto de 65 persoas introducíronse nun deporte que foi olímpico por primeira vez en 2021 nun taller que na tarde deste domingo completaba a súa sexta edición no rocódromo Guillermo de Oca da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

Dirixido polos profesores Águeda Gutiérrez e Diego Alonso, co guía nacional de escalada en rocha e responsable de tecnificación en escalada da Federación Galega de Montañismo José Juan Domínguez como docente principal, a sexta edición deste taller reuniu, ao igual que as anteriores, alumnado de diferentes perfís. “Hai tanto universitarios como persoas externas”, explica Gutiérrez que destaca que, por primeira vez o alumnado universitario asistente é “na súa maioría doutras facultades” diferentes de Ciencias da Educación e do Deporte. Do mesmo xeito, trátase da primeira edición na que o alumnado do curso é maioritariamente feminino, un 55%, apunta Gutiérrez, que sinala que ao longo das súas seis edicións, o 43% das participantes foron mulleres, “algo que como practicante da escalada éncheme de orgullo”. 

O interese que esperta un obradoiro que cubre as súas prazas en cada edición “fainos comprobar que este deporte ten un atractivo especial que engancha a todos os que se inician”, sinala a súa directora. Ao igual que en anos anteriores, a sexta edición deste taller mantivo o mesmo programa, contidos e obxectivos, posto que o seu propósito que as e os participantes se inicien na súa práctica, achegándolles os coñecementos necesarios en materia de seguridade e progresión para que, unha vez completado, poidan practicar esta modalidade con autonomía. Nese senso, recoñece Gutiérrez, o feito de que se trate dun obradoiro de 30 horas, fronte ás 16 dun curso estándar de iniciación, fai que “a bagaxe práctica que adquiren” as e os participantes sexa “moi grande, de maneira que os coñecementos básicos en canto a seguridade soen quedar bastante afianzados”. De feito, engade, “a maioría continúan practicando a súa realización” e con frecuencia adoitan reclamarlles a realización do “seguinte nivel, na rocha”, o que deu pé a un segundo obradoiro que o pasado curso se levou a cabo por primeira vez “con moito éxito”.