DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha investigación afonda na percepción actual deste período histórico

Máis alá dos dinosauros, que coñeces da Prehistoria?

As persoas interesadas poden participar no proxecto cubrindo unha enquisa anónima

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Investigación
DUVI Ourense 16/12/2020

No marco do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) e do Grupo de Innovación Docente en Educación Patrimonial, ambos da Universidade de Vigo, estase a desenvolver un proxecto de investigación sobre a percepción social na actualidade do pasado prehistórico e o seu imaxinario colectivo desde unha perspectiva de xénero. Para “acadar os obxectivos propostos, e indagar de cheo no paradigma social do pasado prehistórico”, convidan ás persoas interesadas a participar neste estudo cubrindo unha enquisa anónima sobre os seus coñecementos deste período.

Afondar na realidade da difusión patrimonial galega

“O estudo ten como obxectivo investigar sobre como se constrúe, produce e comunica o coñecemento científico, neste caso histórico, sobre a Prehistoria do noroeste peninsular, xerado desde a arqueoloxía á sociedade dende unha perspectiva de xénero”, explica Andrea Mouriño, investigadora predoutoral do GEAAT que lidera este traballo, que forma parte do proxecto de investigación da súa tese de doutoramento. A tese, titulada A difusión do patrimonio arqueolóxico do noroeste peninsular: unha análise dos discursos dende a perspectiva de xénero, está sendo desenvolvida dentro do Programa de Doutoramento Interuniversitario en Protección do Patrimonio Cultural baixo a dirección da investigadora Beatriz Comendador, profesora da Área de Prehistoria da Facultade de Historia de Ourense.

Dentro desta investigación, explica a súa responsable, o foco central é a análise da inclusión do xénero nos discursos ofrecidos dende diversas canles de difusión de coñecemento científico. Así, detalla, búscase “coñecer a realidade imperante no ámbito da difusión patrimonial galega en relación á Prehistoria e ao xénero coa pretensión de evidenciar a ambigüidade e usos descontinuos nos contidos e nas formas de conxugar as lóxicas referentes ao xénero neste ámbito, pese aos avances en prol da igualdade”. Segundo detalla a investigadora, “posto que pese a que dende a arqueoloxía contemporánea se conta a día de hoxe con metodoloxías e estratexias de abondo para estudar o pasado dende enfoques inclusivos, onde o xénero é unha categoría máis de análise para coñecer as sociedades prehistóricas, a presenza de sexismos, estereotipos e falsos históricos asumidos como verdades universais xunto co emprego dunha linguaxe discriminatoria son a norma a seguir”.

Enquisa aberta

Como parte deste proxecto, lanzouse unha enquisa on-line aberta ao público xeral, adaptada para toda as idades a partir dos dez anos, e “onde no existen respostas correctas ou incorrectas”. A participación é totalmente anónima e o tempo requirido para a súa realización breve. “Sendo conscientes das limitacións do medio elixido, tanto en relación á representatividade dos sectores de poboación (rangos de idade) como á accesibilidade (fenda dixital), elaborouse unha enquisa en liña (para tentar sortear as limitacións en relación á crise sanitaria) configurada por unha serie/batería de preguntas, tanto de resposta aberta como de resposta pechada, sustentadas nos resultados preliminares de dita investigación na liña dos estudos de público e investigacións de referencia similares”, explica Mouriño Schick.

Que imaxe lle vén á mente cando escoita a palabra Prehistoria?; coñece algún xacemento arqueolóxico prehistórico en Galicia? ou que papel cre que tiña as mulleres e os homes dentro das sociedades prehistóricas? son algunhas das preguntas que se realizan na enquisa. O cuestionario ofrece ademais a oportunidade ás e aos participantes tanto de deixar os comentarios que consideren oportunos, as súas impresións ou suxerencias tras realizar a enquisa, como de indicar se queren coñecer en primeira persoa os resultados da investigación cando estean dispoñibles. “Pártese da máxima da democratización da cultura coa pretensión da aplicabilidade dos resultados da investigación ao tecido social con fins de conformación dunha cidadanía crítica e coñecedora do seu pasado prehistórico”, apunta por último Andrea Mouriño.