Na programación da Vicerreitoría combínanse as aulas formativas con grupos orientados á actuación
Máis dun centenar de persoas fórmanse nos campus en música e baile
Trátase de iniciativas abertas ao conxunto da cidadanía
Máis de 80 persoas fórmanse no presente curso nas aulas de música e baile tradicional do campus, que inician nestas semanas o bloque de actividades correspondentes ao segundo cuadrimestre. Abertas ao conxunto da cidadanía, trátase de dúas actividades de carácter formativo que se combinan na programación cultural da Vicerreitoría do campus con agrupacións máis orientadas á preparación dun repertorio. Ese é o caso dos grupos de música tradicional e baile, que reúnen ambos preto dunha decena de integrantes, e do coro polifónico do campus, que conta con preto de 25 membros, así como do grupo de teatro, que iniciaba nas últimas semanas a súa actividade con 14 compoñentes.
En conxunto, o baile e a música tradicional e coral reúnen no campus máis dun centenar de persoas, contribuíndo á “consolidación dunha estrutura con dous niveis”, como sinala o director da Área Adxunta á Vicerreitoría, Luis Torres, na que conviven a parte formativa e a preparación de actuacións que permitan “levar fóra o potencial” dos grupos do campus.
Da formación a actuación
Coas súas 40 prazas cubertas, a aula permanente de música tradicional iniciaba esta semana a súa programación do segundo cuadrimestre, centrada no traballo específico coas súas diferentes seccións. “Estamos nun proceso de darlle prioridade a profundar e mellorar un pouco cada sección”, sinala o seu responsable, Suso Vaamonde, que con esa idea divide as sesións semanais en diferentes bloques orientados ao traballo con gaitas, pandeiretas e pandeiros, tambores, bombos e requintas e zanfonas e acordeóns. “Este curso incorporouse xente nova, pero que xa tiña coñecementos, polo que, ao non partir de cero, permitiunos darlle outro pulo á aula, máis de perfeccionamento”, salienta este gaiteiro, que dentro dunhas semanas prevé sumar ao traballo coas diferentes seccións un bloque de ensaios conxunto. Non en van, a aula volverá protagonizar en xuño un ciclo de concertos nas prazas de Pontevedra, que se suman á participación das súas seccións en “encontros ou intercambios con outras escolas de música tradicional”.
Dando continuidade a esta actividade, no ano 2023 púñase en marcha o grupo de música tradicional do campus, aberto tanto a participantes na aula como a persoas alleas con coñecementos musicais. Esta formación conta actualmente con oito integrantes, que traballan na preparación dun “repertorio versátil”, que lles permita tanto ofrecer “concertos máis de corte didáctico, nos que explicarlle a xente a historia da música tradicional en Galicia, como abordar un repertorio ao uso”, salienta a súa responsable, Marina Fernández. A pesar do cambio de parte das e dos seus compoñentes nestes anos, esta gaiteira pon o foco en como “se está notando moito a evolución” deste grupo, tendo en conta que “a maioría non estaban acostumados a tocar como solistas”. Isto, sinala Fernández Vigo, está a permitir que o traballo dun grupo que o pasado mes de decembro compartía escenario con Carlos Núñez vaia “evolucionando a cousas cada vez máis complexas, sempre dentro da linguaxe da música tradicional”.
Un obradoiro co que "participar activamente en foliadas"
Combinando gaitas, percusión, zanfona e acordeón, este grupo traballa nun espectáculo que compartirá co grupo de baile tradicional posto en marcha o pasado curso. Dirixido pola mestra de canto, baile e pandeireta Montse Rivera, esta formación atópase tamén preparando a súa participación, ao igual que o grupo e a aula de música, no Concerto de Primavera do campus, que terá lugar no mes de marzo. "Está funcionando moi ben", recoñece Rivera dunha agrupación integrada por once persoas e que implica un traballo "completamente distinto" ao do obradoiro, xa que "o que facemos é montar bailes para actuacións".
Non obstante, esta formación nútrese en boa medida das e dos participantes deste obradoiro, Como bailar nun serán, que conta novamente con 40 prazas. Trátase dunha actividade que permite tanto iniciarse como ampliar coñecementos respecto dos principais ritmos da tradición galega e que, coa colaboración co Concello, desenvolve a súa actividade no Pavillón dos Deportes. Cada sesión estrutúrase en diferentes niveis, de tal xeito que "a primeira hora comezan os novos e despois vanse sumando, segundo as súas necesidades de aprendizaxe, os distintos alumnos cada media hora", apunta Rivera. Este achegamento a ritmos como a muiñeira ou á xota vese complementado pola presentación de diferentes traballos de recollida, que permiten afondar na historia dos bailes tradicionais e que, "a petición do alumnado, este curso estamos centrando nos concellos da provincia de Pontevedra". De feito, boa parte das e dos participantes nesta actividade repiten presenza curso tras curso, o que leva a Rivera a lembrar que "o obxectivo co que se creou a aula foi o de fomentar que a xente puidera participar activamente nunha foliada, e ese obxectivo estase conseguindo con creces", dado o interese por acudir a foliadas que esta actividade espertou nas e nos participantes.
Como bailar nun serán mantén nestas semanas a súa matrícula para o segundo cuadrimestre, con diferentes prazos para a comunidade universitaria e para as persoas que xa participaron nel desde comezos de curso. De quedar vacantes unha vez pechados estes prazos, estas ofertaríanse ao conxunto da cidadanía entre o 20 e o 24 de febreiro.
Aos grupos de música e baile súmase o coro do campus, que ten á fronte á licenciada en musicoloxía María Luisa Sánchez, directora tamén do coro do IES A Xunqueira I. Un total de 26 persoas integran no presente curso unha agrupación que protagonizaba recentemente un concerto no Museo de Pontevedra.
