Na XVI reunión da Secivtv que se celebra esta semana na sede da Afundación
Máis dun cento de especialistas nacionais e internacionais reúnense en Vigo para intercambiar coñecementos sobre o cultivo in vitro de tecidos vexetais
Manuel Reigosa participou no acto inaugural xunto ao presidente do comité organizador Manuel Rey
Vigo acolle esta semana a XVI Reunión da Sociedade Española de Cultivos In Vitro de Tecidos Vexetais (Secivtv), que reúne a máis dun cento investigadores e investigadoras chegados de universidades e centros de investigación nacionais e internacionais. O encontro, que se está a desenvolver na sede Afundación, é un foro clave para compartir avances no cultivo in vitro de tecidos vexetais, para explorar novas metodoloxías e para fortalecer a colaboración entre persoal científico e diferentes profesionais deste campo.
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, participou este mércores no acto inaugural da reunión xunto ao presidente do comité organizador e catedrático da UVigo, Manuel Rey, e a presidenta da Secivtv, Araceli Barceló. Durante a apertura todos coincidiron en destacar o gran futuro que ten este ámbito de investigación, salientando o interese e o traballo das novas xeracións de científicos e científicas que se están a incorporar a este campo.
Durante a súa intervención, o reitor subliñou ademais “a importancia de traballar en equipo, de sumar esforzos e coñecementos para construír o futuro da ciencia e da sociedade”. Pola súa banda, Manuel Rey, destacou “o orgullo que supón para Vigo acoller unha cita desta relevancia científica e o valor que ten xuntar aquí ás persoas que están a liderar o avance do cultivo in vitro en España”.
Universidades, centros de investigación e empresas
Ao longo de tres días, investigadores e investigadoras e representantes de diferentes empresas irán analizando os diferentes avances en cinco áreas de interese: Micropropagación e Conservación, Embriogénese Somática e Organoxénese, Transformación e Edición Xenética, Estratexias de Cultivo In Vitro para a Mellora e Ciencia e Empresa. Nelas preséntanse avances que van dende a conservación de especies ata aplicacións prácticas na agricultura e na protección do medio ambiente, cuestión especialmente relevante tras a recente vaga de incendios que afectou ao país.
A conferencia inaugural correu a cargo da italiana Sara Zenoni, profesora da Universidade de Verona, quen afondou no tema De células somáticas a vides editadas: obstáculos e avances na aplicación da edición do xenoma nunha especie non modelo. As profesoras Carmina Gisbert, da Universidade Politécnica de Valencia, e Mercè Bonfill, da Universidade de Barcelona, foron outras das protagonistas das sesións plenarias.
Durante o primeiro día de sesións celebrouse tamén un emotivo acto de recoñecemento á primeira xunta directiva da Secivtv. Aos seus membros entregóuselles unha figura dun faro de Sargadelos como símbolo da luz que guiou sabiamente á sociedade científica dende os seus inicios até converterse no que é hoxe.
A Secivtv conta actualmente con máis de 120 socios, entre investigadores, universidades e organismos públicos de investigación. Constituída en 1992, a súa misión é promover o desenvolvemento do cultivo in vitro de células, órganos e tecidos vexetais, así como impulsar encontros científicos e actividades de divulgación nesta área.
