DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada polas unidades de igualdade das tres universidades galegas

Máis dun cento de persoas participan na 1º Xornada interuniversitaria sobre submisión química e violencias sexuais

Cunha orientación multidisciplinar e a intervención de médicos, terapeutas, xornalistas...

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 31/03/2023

A Xornada interuniversitaria sobre submisión química e violencias sexuais celebrou este venres a súa primeira edición cun importante éxito de participación. Máis de 110 persoas se inscribiron nun evento virtual organizado polas oficinas de Igualdade das tres universidades galegas co obxectivo de poñer o foco nun “fenómeno cada vez máis preocupante” que afecta principalmente á poboación máis nova, “como o noso alumnado”, explicaba no acto de apertura Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo. Xunto con ela, as responsables deste servizo na Universidade da Coruña, Ana Mª Neira, e na USC, Marta Pérez, destacaron a importancia de que as tres institucións traballen en rede no eido da igualdade e sumen esforzos para debater sobre un asunto no que “se require de formación e sensibilización”, dándolle voz “a profesionais que nos poidan ilustrar dende diferentes ámbitos, como o médico, o xurídico, o xornalístico ou o antropolóxico”, xa que, como engadía Gómez, “todas as reflexións que fagamos sobre como intervir nestes casos pode axudarnos a previlos”. 

O intención, recalcaba Neira, é abordar as violencias machistas e sexuais en xeral, pero especificamente esta modalidade de submisión química, que coa entrada en vigor da lei coñecida como do ‘só si é si’ “ten penas máis graves”, xa que mentres antes era considerado un simple abuso sexual, “agora se encadrou penoloxicamente dunha forma máis severa, atendendo a esa realidade social e criminolóxica que hai detrás”.

Esta xornada, ademais, naceu tras unha experiencia piloto celebrada no mes de novembro, como destacaba a responsable de Igualdade de USC, “que deixou dúas ideas moi importantes: por unha banda, a demanda por parte do alumnado deste tipo de formación e, por outra, unha preocupación moi forte que debe ser abordada de forma interdisciplinar, como se fai nesta xornada, xa que son delitos que cada vez teñen máis incidencia, sobre todo na franxa de idade na que está o noso alumnado”. 

Acudir ao hospital ante a mínima sospeita

O encargado de abrir a xornada foi Francisco José Aramburu Vilariño, xefe de Servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e presidente de Honra da Sociedad Española de Medicina de Urgencias e Emergencias de Galicia, que presentou o protocolo de detección de casos de submisión química do CHOU. Como salientaba, ademais de delimitar un xeito de actuar ante este tipo de situacións, “o que perseguíamos dende o primeiro momento era que o protocolo se difundise, para que se coñecese a nivel social, porque acudir ao hospital de xeito inmediato cando se sospeita dun caso de submisión química é fundamental”. 

Na súa intervención lembrou que o protocolo se deseñou cando, a finais de 2021, a Policía Nacional detectou na zona de copas da cidade de Ourense varios casos e se puxeron en contacto coa Xerencia do hospital para coordinarse e traballar na tramitación dos casos que chegaban ao centro sanitario. Este protocolo, que agora xa se ten estendido aos hospitais das sete grandes cidades galegas, conxuga o traballo dos servizo de Análises Clínicas, Urxencias e Traballo Social, os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, o Instituto de Medicina Legal e a Audiencia Provincial. “Trátase de sistematizar a diagnose, o tratamento e o seguimento dos casos de submisión química” que implica a administración de substancias psicoactivas a unha persoa con fins delituosos para provocar unha modificación no seu grao de vixilancia, na súa consciencia e na súa capacidade de xuízo. Son casos, indicaba o facultativo, de ”difícil diagnose, polo que hai que buscar indicadores de sospeita, ser exhaustivos e apuntar todos os datos que se poida”, cando se atende ás vítimas, “dende signos de violencia ata un discurso pode facer sospeitar que pasou algo: non me acordo de nada, non sei que me pasou, espertei e non sabía onde estaba…”. Por todo isto, incidiu na importancia de acudir ao hospital ante a máis mínima sospeita, “onde serán atendidas con cariño, con coidados e sen culpabilizar”.

A vítima: muller menor de 30 anos; o agresor, un coñecido

As vítimas de submisión química adoitan ser mulleres novas, menores de 30, e os agresores son normalmente varóns, no 70% do casos son coñecidos das vítimas, segundo os datos do Instituto Nacional de Toxicoloxía. No caso de vítimas masculinas ou de maior idade, o móbil normalmente é o roubo.

Como indicaba o doutor Aramburu, os agresores empregan substancias que teñan unha importante actividade en doses pequenas, solubles en medio acuoso, inodoras, insípidas, con efectos rápidos e similares aos dunha intoxicación etílica ou unha enfermidade para non levantar sospeitas. Provocan amnesia anterógrada, é dicir, a vítima non lembra nada despois da inxestión da droga. As drogas que aparecen na maioría dos casos son o alcohol e os ansiolíticos, porque teñen un uso moi estendido na poboación xeral, e xunto con elas, tamén se empregan os hipnóticos non benzodiacepínicos, cannabis e derivados, drogas de abuso como a cocaína ou o LSD, e escopolamina, burundanga ou ketamina, drogas que se metabolizan moi rapidamente e que son moi difíciles de detectar se se tarda moito en ir a urxencias. 

Precisamente por esta dificultade de detección, o doutor fixo fincapé na necesidade de acudir a un hospital ante a mínima sospeita e detallou todo o proceso de atención e recollida de mostras unha vez a vítima acode a urxencias, onde é atendida nun box individual para darlle privacidade. Poñer ou non a denuncia depende de cada persoa, pero segundo os datos que achegou o facultativo, dende finais de 2021, no CHOU atendéronse 17 casos de submisión química, dos cales 12 acabaron en denuncia. Neste sentido, Aramburu recalcou que o “o feito de que se saiba que hai un protocolo e un xeito de buscar probas e deter aos culpables é importantísimo”.

Resto da xornada

A xornada completouse coa intervención de Paula Souto Castro, psicóloga da Oficina Asistencia ás Vítimas dos Xulgados de Santiago de Compostela, que explicou o proceso de atención e acompañamento das vítimas de violencia sexual; Marga Tojo González, da sociación Xornalistas Galegas, que falou sobre o tratamento das violencias sexuais nos medios de comunicación e a cobertura mediática dos casos de submisión química; e finalmente Ana Burgos García, coordinadora do Observatorio Noctámbul@s sobre as violencias sexuais en contornas de ocio nocturno e consumo de drogas, que analizou as chaves para comprender as violencias sexuais neste tipo de contextos.