DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovida pola Universidade e a Deputación de Pontevedra

A ‘Maleta dos océanos’ achegará o papel das mulleres aos centros de ensino

Os materiais xerados presentaranse o vindeiro martes nunha xornada virtual

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Medio Ambiente
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 05/11/2020

Dirixida aos centros de ensino da provincia, a Maleta dos océanos é unha proposta educativa que busca achegar aos e ás escolares o papel das mulleres do mar. Resultado da colaboración entre a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, esta iniciativa foi presentada este xoves en rolda de prensa pola presidenta da institución provincial, Carmela Silva, que destacou a importancia desta iniciativa, porque “para cambiar o mundo hai que traballar en todos os eidos, sendo un dos imprescindibles a educación”. Silva estivo acompañada, de xeito telemático pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e coordinadora do proxecto María Álvarez Lires, polos investigadores da facultade María Lorenzo e Xabier Álvarez e pola ilustradora Alba Rego, integrantes do equipo de traballo que levou a cabo esta iniciativa.

A Maleta dos océanos inclúe seis propostas didácticas con temáticas adaptadas a todas as etapas educativas, e permite, como explicou Silva “poñer en valor o papel destacado das mulleres do mar, rachando coa invisibilidade á que están sometidas e dando a coñecer o importante papel que desenvolveron e están a desenvolver”. Neste eido, a presidenta reivindicou o papel maioritario das mulleres no mundo do mar e lamentou a súa escasa presenza na alta dirección do sector, onde ocupan o 20% dos postos. Silva explicou tamén que esta iniciativa é un paso máis dos proxectos Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar e O mar das mulleres, nos que traballaron conxuntamente a Deputación e a Universidade de Vigo. “De feito –destacou a presidenta- os materiais da Maleta dos océanos proveñen dese proxecto e dos recursos educativos abertos que presentamos o pasado ano e que estaban protagonizados por unha rapaza chamada Emma, que segue a ser o fío condutor desta nova iniciativa”

Pola súa banda, Lires fixo fincapé na estreita relación da Maleta dos Océanos cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, ao ter relación coa educación de calidade, igualdade de xénero e a vida submarina. Tamén explicou as propostas didácticas, todas elas protagonizadas por Emma, e que levan por título Planeta azul, Océanos en perigo, Mulleres redeiras, da salga e da conserva, O marisqueo a pé, Investigadoras mariñas e Educación para a sustentabilidade

Bo uso e mal uso do mar

Estes materiais, como sinalou Álvarez Lires, serán presentados o vindeiro martes no marco da sexta Xornada sobre o bo uso e mal uso do mar, que a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte promove este ano de xeito virtual, coa colaboración da Deputación, o Consello da Cultura Galega e o Campus do Mar. Baixo o título Unha mirada á Axenda 2030 desde unha perspectiva de xénero: o mar das mulleres nas túas mans, a xornada terá como obxectivo impulsar un espazo de intercambio para o coñecemento de estratexias e contidos da Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), e do seu impacto na vida das mulleres, das nenas e nenos e colectivos vulnerables. A xornada será retransmitida por UVigoTV.