O campus únese á celebración do Día Mundial do Medio Ambiente
O mar empeza... en cada sumidoiro
Cunha campaña de concienciación sobre o impacto das pequenas accións
Este mércores, 5 de xuño, celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente. Uníndose a esta conmemoración, o campus de Ourense acolleu unha actividade divulgativa organizada por varios centros educativos da contorna. Seguindo o campaña internacional de concienciación ambiental O mar empeza aquí, colocouse xunto a un dos sumidoiros unha placa co lema Non botes nada, non baleires nada; o mar empeza aquí. O seu obxectivo é concienciar á cidadanía sobre o impacto que teñen no medio ambiente as pequenas accións individuais e a importancia de non contaminar, de cada un ser responsable do lixo que xera.
A actividade estivo organizada polo CPI Plurilingüe José García García de Mende co apoio da Fundación Santiago-Rey Fernández-Latorre, de La Voz de Galicia, e estivo coordinada polo profesor do citado centro José Manuel Bouzo. A placa foi colocada ao carón dun sumidoiro na entrada do edificio administrativo do campus nun acto no que participaron Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; a directora do centro organizador, Susana Rodríguez Cougil, e profesorado e alumnado dos centros educativos implicados (que foron Mende, Franciscanas e Manuel Sueiro). Na actividade tamén participaron o Grupo Econvixiantes de Franciscanas, amosando o traballo que realizan de recollida de cabichas e de concienciación sobre a importancia de non tiralas ao solo.
A campaña de concienciación desenvolveuse ao longo de todo o curso académico e a colocación da placa no campus, ao igual que se fará noutros lugares da cidade, quere ser un recordatorio de concienciación para a cidadanía. No acto destacouse que o lixo que se bota fóra das canles habilitadas para o seu tratamento volve ás persoas en forma de microplásticos a través do consumo de alimentos e bebidas, microplásticos, que, subliñouse, son disrutores endocrinos que teñen un enorme impacto na saúde. Do mesmo xeito, incidiuse na problemática que supoñen as cabichas, lembrando que o tabaco conta con máis de 7000 substancias químicas tóxicas que entran no ecosistema cando as cabichas son tirada ao solo ou á auga.