DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Gañador dunha Starting Grant do ERC, formará o seu propio grupo de investigación no campus de Pontev

Mario Pansera: “Para que unha economía sexa sostible ten que ser, antes de todo, xusta”

Desde este mes está adscrito á agrupación estratéxica Ecobas, con quen leva xa tempo colaborando

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Internacional
  • Investigación
DUVI 19/02/2021

O pasado mes de setembro a Universidade de Vigo anunciaba a vindeira incorporación ao seu cadro de persoal investigador de dous científicos de primeiro nivel, gañadores de cadansúa axuda Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC), Mario Pansera e Sara Varela. Pansera fixo efectiva a súa chegada este mes e Varela farao nas vindeiras semanas. Adscrito á agrupación estratéxica Ecobas, ao longo dos próximos cinco anos Mario Pansera (Nápoles, 1980)  levará a cabo o proxecto de investigación Prospera, Prospering without growth: Science, Technology and Innovation in a post-growth era, un traballo financiado con 1,5 millóns de euros polo mencionado programa Starting Grant e co que o investigador quere demostrar que “para que unha economía sexa sostible ten que ser, antes de todo, xusta”. Farao co seu propio grupo de investigación, un equipo que aspira a reunir unha decena de investigadores e investigadoras, “persoas abertas e creativas”, que se instalarán no campus de Pontevedra baixo a denominación Post-growth Innovation Lab, cuxos integrantes manterán unha liña directa de traballo co resto de universidades europeas e africanas implicadas neste proxecto.

Enxeñeiro de telecomunicación (Universidade de Nápoles – Federico II), máster en Economía e Xestión da Innovación (Universidade Politécnica de Madrid) e doutor en Administración pola Universidade de Exeter, Pansera está especializado na transición ecolóxica e sostible e na crítica ao concepto tradicional de crecemento e desenvolvemento económico. Conta ás súas costas cunha longa traxectoria investigadora, entre outras, nas universidades de Bristol e na Autónoma de Barcelona, institucións coas que seguirá a manter unha estreita liña de colaboración.

Casado cunha galega, o arraigo familiar fíxolle formularse hai xa uns anos a posibilidade de instalarse profesionalmente en Galicia. Foi nese intre cando comezou a interesarse polos grupos de investigación que podía haber afíns á súa investigación nesta comunidade. Neste contexto leva xa tempo colaborando con varios equipos adscritos á agrupación estratéxica Ecobas, máis concretamente con Rede e GEN, aínda que admite que o grupo que máis se achega ao tipo de investigación que el leva a cabo é o de Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia, Gieeah, co que tamén lle gustaría colaborar. 

Convocatoria aberta para a contratación do persoal do Post-growth Innovation Lab

O proxecto co que gañou esta Starting Grant, Prospera, arrancou oficialmente este mes e prolongarase ao longo de cinco anos. Inclúe a posta en marcha de diferentes liñas de investigación e supón a creación do Post-growth Innovation Lab, un equipo que estará  formado por mozas e mozos investigadores cun perfil moi internacional e altamente especializado. Xa está aberta a convocatoria para a contratación dun director de proxecto, catro prazas para estudantes de doutoramento e dous de posdoutoramento. “Probablemente haberá un par de estudantes de doutoramento que se encarguen de analizar os aspectos máis micro de organizacións pos-crecemento: as súas características, os obstáculos que atopan e as políticas que poden axudalas a sobrevivir. Outra liña de investigación ocuparase de redes e cadeas de abastecemento de organizacións alternativas. Por último, estudarase o papel das institucións científicas (universidades, centros de investigación, etc.) na reprodución do discurso e da ideoloxía do crecemento. A ambición é desenvolver un discurso alternativo que sexa capaz de desintoxicar, por así dicilo, ás institucións científicas desta obsesión co crecemento infinito”, subliña o investigador.    

O estudo, que inclúe traballo de investigación en diferentes países, “todo un reto na situación actual”, ten como obxectivo desenvolver un marco conceptual alternativo á formulación actual da Economía Circular. Entre outras preguntas tratarase de responder a como deberían funcionar as organizacións, tanto públicas como privadas, nun sistema que non se base nun crecemento sen fin; que niveis de complexidade tecnolóxica se poderían alcanzar nunha economía que non está obsesionada en incrementar indicadores monetarios como o Produto Interior Bruto, ou que políticas, infraestruturas e formas organizativas se precisan para este novo paradigma de innovación

Un proxecto ambicioso que formula a reconfiguración do actual sistema económico

O proxecto de Pansera aspira  pois a desencadear  un salto adiante na forma en que as organizacións e as institucións conceptualizan o crecemento económico. “O desafío é interromper e socavar crenzas ben establecidas sobre o progreso e a modernidade que transformaron a idea de crecemento económico sen fin nunha meta per se”, explica o investigador. Trátase, ao seu modo de ver, dunha tarefa de “alto risco” porque toda a arquitectura das economías modernas está deseñada para maximizar o crecemento. Desde este punto de vista, considera “probable” que unha reconfiguración do sistema económico cara un paradigma de poscrecemento atopará a oposición das elites, tanto académicas, como industriais e políticas que se benefician e promoven a ideoloxía do crecemento.

Por outra banda, ao reformular o papel das organizacións na produción de ciencia e innovación, o proxecto ten o potencial de ofrecer contribucións innovadoras a un desenvolvemento máis sostible e unha forma máis xusta de organizar as economías. Neste senso, o proxecto tratará de producir impacto tanto a nivel académico, como práctico e político.