DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha mesa reunirá o 26 de setembro a Javier Gómez Noya, Andrea Fuentes, Antía García e Xisela Aranda

Medallistas olímpicos e mundiais debaterán na Casa das Campás sobre como facer fronte ás lesións

Promovida por UVigo e Deputación de Pontevedra, conta con entrada gratuíta, previa inscrición

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Pontevedra 09/09/2025

Como afrontan as lesións as e os deportistas de elite? Esta pregunta reunirá na Casa das Campás á catro veces medallista olímpica e actual seleccionadora española de natación artística, Andrea Fuentes; o tamén medallista olímpico e cinco veces campión do mundo de triatlón Javier Gómez Noya; a campioa do mundo de salvamento Antía García e a sete veces campioa de España de squash Xisela Aranda. Promovida pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, a mesa O deporte e as lesións, diferentes perspectivas terá lugar o venres 26 de setembro, ás 19.30 horas, na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra. Con entrada gratuíta, xa está aberta a inscrición para poder asistir a esta conversa moderada pola xornalista e adestradora Sara Tabares. 

Este encontro buscará reunir as visións de deportistas de elite sobre o que o supuxeron as lesións nas súas traxectorias, afondando tanto en como inflúen na vida dun deportista como no xeito de afrontalas e de previlas. Coordinada polo fisioterapeuta e fundador de ClínicasON, Hugo Ogando, esta mesa porá o foco “en como as lesións ou outros acontecementos traumáticos, a nivel persoal ou deportivo, inflúen na carreira deportiva ou na saúde mental”, salienta a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón. “A idea é poder reunir diferentes experiencias para que sirvan a outros deportistas, xa sexan profesionais ou amateurs, á hora de afrontar este tipo de situacións”, engade Lantarón deste encontro aberto á cidadanía, que abordará tamén, a través das propias vivencias destes deportistas, o apoio que poden prestar diferentes profesionais en situacións adversas.

Catro figuras de referencia

Coas lesións como eixe central, este encontro reunirá figuras de referencia no deporte de elite como a seleccionadora de natación artística Andrea Fuentes, máxima medallista olímpica española nesta especialidade, grazas ás tres pratas e o bronce que logrou en Pekin 2008 e Londres 2012. A estes logros, Fuentes Fache sumou ademais un ouro, sete pratas e once bronces nos campionatos do mundo e seis ouros e dez pratas nos campionatos de Europa ao longo da súa traxectoria deportiva. Tamén medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Londres, Gómez Noya logrou cinco medallas de ouro, catro pratas e dous bronces nos Campionatos do Mundo de Triatlón de distancia olímpica, ás que se suman catro ouros nos europeos e un título de campión de mundo de longa distancia, así como máis de 70 podios en torneos internacionais. Exalumno da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Gómez Noya converteuse tras a súa retirada no adestrador do Team Spain, o grupo de alto rendemento de triatlón con sede no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. 

Á visión destes dous medallistas olímpicos sumarase a dunha deportista en activo, a nadadora e tamén egresada da UVigo Antía García, titulada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e en Fisioterapia. Na súa traxectoria deportiva en salvamento e socorrismo, na modalidade de piscina, figuran cinco ouros e un once medallas nos campionatos de Europa de categoría absoluta, un título de campioa do mundo ou tres medallas nos World Games, unha sorte de olimpíadas para disciplinas non presentes nos xogos. O encontro contará ademais coa participación da exdeportista de alto rendemento e directora de Deportes da Deputación, Xisela Aranda, que na súa traxectoria no squash sumou sete títulos de campioa de e foi seis veces gañadora da Copa de España, ademais de ter sido máis de 20 veces internacional coa selección española. Posteriormente, viviu tamén unha etapa como futbolista, para logo formar parte do Consello de Administración do RC Celta, etapa na que destaca a súa contribución á creación de As Celtas. 

De conducir este coloquio responsabilizarase a experta en actividade física na muller e en poboacións especiais e directora do centro de adestramento persoal Performa Sara Tabares. Autora tamén de varios libros sobre preparación física, o seu labor en materia de divulgación científica levouna a ser recoñecida co Premio Concha García Campoy en 2021.