DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A FFT acollerá o día 26 unha xornada coa participación de vítimas de trata, xuristas e feministas

Media ducia de voces contra a violencia sexual sobre a muller 

Organizada pola Secretaría Xeral de Igualdade e as universidades do SUG

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 22/03/2019

Prostitución, pornografía e micromachismos son tres expresións dunha mesma realidade: a violencia sexual contra as mulleres, un feito que a xustiza, os medios de comunicación e as redes sociais, mesmo poden contribuír a fomentar, en lugar de poñerlle fin e denuncialo. A través dos testemuños de media ducia de mulleres as e os asistentes á Xornada de prevención e sensibilización sobre violencia sexual na mocidade, que se celebrará o vindeiro martes 26 de marzo na Facultade de Filoloxía e Tradución, achegaranse a diferentes expresión da agresión sexual contra as mulleres, que impregnan desde a vida cotiá, ao ámbito comercial, pasando polos medios de comunicación e a xustiza. Será da man da fiscal da Sala de Violencia sobre a Muller Pilar Martín, que abordará as novas formas de violencia sobre a muller á luz do Convenio de Istambul; da docente en Comunicación da Universidad de Burgos María Isabel Menéndez, que falará da violencia sexual na prensa; da antropóloga da USC Guadalupe Jiménez, que abordará a violencia cotiá na estrutura patriarcal; da activista feminista e vítima de trata Amelia Tiganus que falará da violencia sexual comercial e das fundadoras de Towanda Rebels, Teresa Lozano e Zúa Méndez, que centrarán a súa intervención no porno e a violencia sexual.

“Cómpre actualizarse e fomentar o desenvolvemento do espírito crítico sobre o que a xente nova ve nas redes. Hai que darlle unha vapuleada crítica ao sistema xurídico que peca de patriarcal e tratar o tema da sexualidade vinculado a unha prostitución banalizada, que ten que ver con toda a cultura do porno e o pornoerotismo, e que ten efectos tan perversos para as mulleres”, explica Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo en relación coa xornada do vindeiro martes, que con poñentes diferentes xa se celebrou no campus de Ourense o 10 de marzo e que terá lugar no de Pontevedra o vindeiro día 28.

A inscrición na xornada, dirixida especialmente ao alumnado, é de balde a través do correo igualdade01@uvigo.es e ás persoas asistentes se lle fará entrega dun diploma acreditativo.

Un convenio oculto; de Diana Quer á La Manada e os micromachismos

A xornada comezará ás 10.00 coa intervención de Pilar Martín que falará sobre o Convenio de Istambul, que recolle claramente que é ser vítima de violencia de xénero e vítima de trata con fins de explotación sexual. “É unha aclaración moi necesaria, porque as ONG poden identificar 200 vítimas de trata aplicando o Convenio de Istambul, e a policía fai unha interpretación restrinxida do mesmo convenio e identifica tres”, explica Gómez, que incide no interese que esta intervención pode ter para o alumnado das titulacións relacionadas co ámbito xurídico. 

Outro tanto pode suceder, pero neste caso, cos estudantes do ámbito da comunicación co relatorio de María Isabel Menéndez, profesora titular de Comunicación Audiovisual da Universidad de Burgos que ofrecerá un relatorio titulado A violencia sexual nos medios: de Diana Quer a Laura Luelmo e mentres tanto La Manada. Tras un descanso, finalizada intervención de Menéndez, a xornada continuará co relatorio Micromachismos: de micro nada. A violencia cotiá na estrutura patriarcal, na que a profesora de Antropoloxía da USC Guadalupe Jiménez “achegará unha perspectiva filosófica-antropolóxica que é complementaria a outras xurídicas e comunicativas”, explica a directora da Unidade de Igualdade.

Do testemuño dunha vítima de trata á censura nas redes do feminismo tradicional

Ás 12.30 horas está previsto o relatorio Prostitución e pornografía: Violencia Sexual Comercial a cargo de Amelia Tiganus, vítima de trata, activista feminista e integrante de Feminicio.net. “Amelia, a parte de representar alguén que foi quen de recuperarse tras ser vítima de trata, teoriza sobre a súa experiencia tan extrema de violencia, asegurando que ‘quen me salvou é o feminismo’. É moi interesante a relación entre os postulados teóricos e a praxe real”, explica Águeda Gómez sobre Tiganus e o seu compromiso coa violencia de xénero.

O punto e final da xornada correrá a cargo de Teresa Lozano e Zúa Méndez, youtubeiras e fundadoras de Towanda Rebelds, que falarán sobre Porno e violencia sexual, pero tamén dos problemas que están a sufrir nas redes para trasladar a súa mensaxe. “Censuráronlle o vídeo ¡Hola putero! e en Facebook outra páxina, cando o seu discurso é de feminismo tradicional. Pero algo pasa nas redes…. Se tes unha postura feminista censúrante, pero se es un descerebrado tipo Torbe, non”, denuncia Gómez, que lamenta a discriminación e case misoxinia, asegura, da que son vítimas estas youtubeiras por parte das grandes redes sociais.