DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pese a ter demostrado ser un “método adecuado e efectivo” de xestión de conflitos

A mediación familiar aínda non conseguiu desenvolver a potencialidade que se lle auguraba

Unha tese constata a necesidade de realizar un empuxe “tanto normativo como institucional” desta fig

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 07/04/2021

Transcorridos oito anos desde a entrada en vigor da Lei de mediación nacional, a figura da mediación intraxudicial nos supostos de ruptura de parella non conseguiu desenvolver aínda a potencialidade que se lle auguraba, algo que, en gran parte se debe, á falta de cultura que hai en España sobre esta forma de resolución de conflitos, así como á ausencia dunha auténtica aposta por parte das distintas administracións por esta vía de solución de controversias. Así se conclúe na tese de doutoramento da mediadora Blanca Otero, un traballo de investigación que acaba de ser publicado pola editorial La Ley e que vén motivado pola súa experiencia profesional como mediadora familiar, nos Centros de Apoio á Familia no concello de Madrid, primeiro, e, posteriormente, no Servizo de mediación intraxudicial dos Xulgados de Familia de Vigo, en funcionamento desde o 2012 ao 2018, grazas ao convenio subscrito entre o Consejo General del Poder Judicial, a Fiscalía Superior de Galicia, a Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo.

“É o momento de realizar unha efectiva implantación dos servizos de mediación intraxudicial a nivel nacional e de que se produza un empuxe, tanto normativo como institucional, que contribúa á consolidación desta figura como un método de xestión e/ou solución de conflitos co que alcanzar solucións efectivas e eficientes que contribúan á satisfacción e benestar das familias, pois só desta forma se chegará á necesaria humanización da xustiza de familia”, explica a autora da tese, quen considera que, hai anos que tanto en España como noutros países da súa contorna, se puxo de manifesto a insuficiencia e ineficacia do sistema de administración de xustiza clásico.  “En moitas ocasións os conflitos non atopan solución coa sentenza que pon fin ao proceso e nin sequera pode falarse de que os litixios terminan”, recalca Otero, ao tempo que demanda un maior protagonismo para os métodos alternativos de solución de conflitos.

“Sería conveniente a aprobación dunha Lei de Mediación Familiar a nivel estatal” 

A investigación, dirixida polas catedráticas Esther Pillado e Francisca Fariña, recolle os datos facilitados polo Consello Xeral do Poder Xudicial a nivel nacional e os datos do Servicio de Mediación Familiar Intraxudicial de Vigo, onde pode observarse o escaso número de derivacións realizadas. Ademais, tras o estudo detallado de toda a información recollida, observouse tamén toda unha serie de deficiencias e carencias significativas a tenor das características particulares dos conflitos en supostos de ruptura de parella, da disparidade de programas de mediación intraxudicial en todo o territorio nacional, da inadecuación da Lei nacional de mediación e das múltiples diverxencias existentes, tanto a nivel das disposicións aprobadas polas distintas comunidades autónomas como dos recursos dispoñibles en cada territorio.

Desde o punto de vista da autora da investigación para conseguir que a mediación intraxudicial estea ao alcance de todo cidadán, independentemente do lugar no que resida, e se consolide como un método de xestión e/ou solución complementaria  á vía xudicial, “sería conveniente a aprobación dunha Lei de Mediación Familiar a nivel estatal, que teña en conta as particularidades propias do dereito de familia e da propia mediación familiar”.

Máis implicación de xuíces e avogados e asistencia obrigatoria a sesións informativas

A autora da investigación fai fincapé en que nos últimos anos a mediación intraxudicial tense  amosado como “adecuada e eficaz, xa non tanto para paliar o colapso do sistema xudicial do modelo xurisdicional clásico, senón como un novo modelo de xustiza no ámbito da ruptura de parella”, pero para garantir a súa efectividade é necesario emprender algunhas reformas. Entre as propostas máis relevantes destaca como de “vital importancia” a implicación e actitude que adopten os distintos operadores xurídicos á hora de derivar, recomendar, apoiar, asesorar e achegar a mediación ao cidadán. Desde o seu punto de vista o xuíz/a  tería que estar especializado en familia, coordinarse co equipo mediador e coñecer ben os asuntos nos que vexa que o acordo é posible.

Xunto ao papel dos xuíces, resulta tamén clave a implicación dos avogados. “Os letrados deben, co coñecemento e a formación necesaria, realizar unha análise detallada do conflito para recomendar e ofrecer aos seus clientes as mellores alternativas posibles para a xestión da súa controversia”, apunta Otero.

Tendo en conta a escasa implantación da mediación, a autora da tese considera tamén conveniente establecer a obrigatoriedade de asistencia a unha sesión informativa de mediación por mandato xudicial en función do caso en concreto, como un dos mecanismos para dar a coñecer a mediación e impulsar a súa utilización. Esta proposta vén reforzada pola actitude amosada cara a mediación por parte das persoas que participaron nun estudo sobre o grao de satisfacción do Servizo de mediación intraxudicial de Vigo, que amosaron o seu acordo en que tanto a sesión informativa como a mediación sexa obrigatoria nos procedementos de familia, tanto si existen fillos menores como maiores de idade. “Eu non considero oportuno establecer a obrigatoriedade de mediar, pero si de acudir a unha sesión informativa e de exploración do conflito”, recalca a investigadora.

Servizos de mediación integrados na nova Oficina Xudicial

En canto ás cuestións que deben ou non derivarse, a autora da tese ten claro que non todos os litixios poden nin deben ser derivados á mediación, polo que a inicial valoración xudicial é necesaria, xa que é a porta que conecta a mediación cos tribunais. Doutra banda, polo que respecta aos modelos de servizos de mediación e forma de derivación, tendo en conta a falta de homoxeneidade entre as diferentes comunidades autónomas, Otero considera que se deberían unificar criterios, tanto no relativo aos modelos de servizos de mediación, como á forma de derivar dependendo do momento procesal no que se produza e de quen sexa o operador xurídico que a realice. “Sen dúbida o máis conveniente sería optar por servizos de mediación integrados na nova Oficina Xudicial, debido á súa máxima internalización dentro do sistema de xustiza; agora ben, de non ser viable, deberían comporse por equipos multidisciplinares de mediadores especializados, estables e remunerados en todos os ámbitos xurisdicionais”, salienta Otero.