x
medicina
x
Tras moitos meses de intensas negociacións e en plena véspera da celebración da Noiteboa, o Consello de Goberno, reunido este martes en sesión extraordinaria, aprobou por asentimento o texto do convenio entre as consellarías de Sanidade e Educación e as tres universidades que compoñen o Sistema Universitario de Galicia para a descentralización da docencia de Medicina.
“Penso que chegamos a onde podiamos chegar e que se trata dun bo acordo para a formación do estudantado galego de Medicina, sen ningunha dúbida”, salientou o reitor, Manuel Reigosa, quen se amosou convencido de que “haberá máis estudantes que queiran vir a Vigo dos que poidamos admitir”.
Acordo artellado en torno a seis puntos claves
Tras facer un rápido repaso dos pasos dados ao longo dos últimos meses, o reitor explicou aos integrantes do Consello de Goberno, que nesta ocasión asistiron maioritariamente en liña, os que considera os seis puntos claves do acordo. O primeiro, a creación de unidades docentes compartidas con PDI das tres universidades, polo que “Vigo terá a súa propia unidade docente con persoal propio e da Universidade de Santiago de Compostela e o mesmo acontecerá na Coruña”, salientou Reigosa, quen fixo fincapé en que serán unidades docentes “equilibradas”.
Como segundo punto clave mencionou o feito de contar cun “calendario explícito e rápido” para a descentralización completa dos cursos 4.º a 6.º de toda a docencia, “algo que se botara en falta no acordo de 2015”. Segundo este calendario o curso que vén terá que estar descentralizado a docencia práctica de quinto; no seguinte curso toda a docencia de quinto (teoría e práctica) e, no seguinte, toda a docencia de cuarto.
En teceiro lugar, Reigosa explicou que a contratación do Persoal Docente e Investigador se producirá ao 50 % entre as universidades que participan na unidade docente correspondente, e que será a Xunta de Galicia a que se faga cargo do pagamento dese profesorado, algo que fará por fóra do plan de financiamento, “polo que o profesorado que contratemos tanto Coruña como Vigo non nos vai custar, se ben, é obvio que no novo Plan de Financiamento, que se agarda comece a funcionar en 2027, xa estea recollido que as unidades docentes de Vigo e Coruña reciben cartos para a contratación destes docentes”.
Como quinto punto clave, situou as “relacións claras” entre os hospitais e as tres universidades, no senso de que non se vinculan os hospitais á USC, senón cada un á súa universidade, o que ten vantaxes no desenvolvemento dos institutos.
En sexto lugar, Reigosa referiuse tamén como clave á “cláusula de saída”, de carácter individual, o que facilitará que se nalgún intre a UVigo considera que non se están a cumprir as condicións pactadas poderá dar por finalizado o acordo e, de xeito inmediato, terá dereito a pedir a titulación de Medicina “sen andar con panos quentes”.
A estes seis puntos considerados como claves, Reigosa engadiu un sétimo, “non menos importante”, referido ao compromiso por escrito da Xunta de Galicia do aviso ás tres universidade públicas si se detecta algún movemento de posible creación de títulos desde universidades privadas. “É ben coñecido que os tres reitores consideramos que non se deben implantar máis títulos na privada, moi especialmente en Medicina e, polo tanto, o acordo recolle por escrito que haberá un aviso da Xunta ante calquera movemento neste senso”.
Calendario previsto
En canto ao calendario previsto, o reitor vigués lembrou que, tal e como se explicara no intre da súa sinatura, no curso 2026/2027 empezaría a docencia práctica de 5º, salientando neste senso que se aspira a que cen estudantes veñan a Vigo e outro tantos vaian á Coruña; no 2027/2028 terá que estar descentralizada toda a docencia de 5º, incluíndo teoría e práctica, e no 2028/2029 todo a docencia teórica e práctica de cuarto, rematándose así o proceso de descentralización.
“Penso que debemos seguir actuando coa máxima lealdade institucional e, si se cumpre todo o que está previsto no acordo deixalo rematar, pero, ao mesmo tempo, a cláusula de saída permitiranos botarnos fóra en calquera momento si non se está a cumprir e facer ese pedimento da titulación”, indicou o reitor.
Reigosa explicou tamén que antes de que finalice o acordo haberá que facer novas propostas de descentralización e, neste senso, lembrou que el sempre apostou por un titulo compartido das tres universidades galegas, se ben, serán os novos equipos de goberno saídos das urnas-USC e UVigo terán eleccións no 2026- os que propoñan o camiño a seguir. “De todas maneiras hai que estar preparados, e con isto refírome a ter preparada a carta de título propio”, indicou o reitor.
Asistentes convidados
A sesión contou tamén coa participación, como asistentes convidados, do catedrático de Fisioloxía da Universidade de Vigo Federico Mallo e do doutor José Alberto Fernández Villar, xefe do Servizo de Neumoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro e profesor titular da Universidade de Vigo, con docencia no Grao en Enxeñaría Biomédica -praza vinculada ao Sergas-.
“Felicito ao equipo de goberno por ter avanzado de maneira tan significativa, pero tamén teño que dicir que, en parte, tamén está no propio proceso de descentralización unha certa predisposición a pensar que este camiño non vai ser exitoso dados os precedentes cos que contamos”, apunto Mallo, membro da comisión redactora e asesora conformada recentemente para avanzar no desenvolvemento da titulación de Medicina, capitanea polo vicerreitor de Titulacións Alfonso Lago e a catedrática África González, o plan B para ter todo listo se houbese que saír do acordo. “Galicia ao contar só cunha única titulación de Medicina é unha excepción no conxunto de España”, indicou Mallo, quen, tras amosar as súas dúbidas sobre o cumprimento do pacto, se referiu á cláusula de saída como “un gran acerto que agardo non se teña que utilizar”.
No caso de Fernández Villar referiuse ao acordo como “unha oportunidade única”, reivindicando tamén neste senso a importancia do Grao de Enxeñaría Biomédica no que se conta xa cunha importante vinculación UVigo/Sergas, que agarda non se “fragmente” por todo este proceso relacionado con Medicina.
A maiores destas intervencións, contouse tamén coa do profesor Miguel Cuevas, quen tamén insistiu na necesitade de “estar atentos” ao cumprimento do pacto.
