DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coordinado na Universidade de Vigo polo catedrático José Durany

Mención de excelencia para o Máster de Matemática Industrial

Con este son xa tres os títulos da UVigo que contan con este selo de calidade outorgado pola Xunta

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Calidade
  • Académica
D. Besadío DUVI 27/09/2022

Se o curso pasado foron os mestrados de Tradución para a Comunicación Internacional e Biotecnoloxía Avanzada os primeiros títulos da Universidade de Vigo en conseguir a mención de Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia, este ano súmase a esta lista o Máster en Matemática Industrial, impartido entre as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, xunto coa Universidad Carlos III e a Universidad Politécnica de Madrid.

Na Universidade de Vigo coordina este título o catedrático do Departamento de Matemática Aplicada II José Durany, quen considera que a consecución desta mención é un recoñecemento ao traballo colectivo de todas as persoas que se involucraron nesta titulación, un proxecto ao que se refire como “ben pensado desde o seu inicio e desenvolto para conseguir a complicidade formativa entre o equipo docente, o alumnado e as empresas colaboradoras”, subliña Durany, quen tamén fai fincapé en que, “ao mesmo tempo”, a mención tamén recoñece a iniciativa e emprendemento dun alumnado “capaz de achegar solucións a moitos problemas reais que teñen as empresas, tanto industriais como de servizos, mediante modelos matemáticos, xemelgos dixitais e algoritmos apropiados”.

16 anos dun título pensado para resolver problemas reais

O Máster en Matemática Industrial arrancou no ano 2006 como Máster de Enxeñaría Matemática das tres universidades galegas e no ano 2013 foi cando se produciu a incorporación a este proxecto das dúas universidades madrileñas e o cambio de denominación. “Estes cambios axudáronnos a ter unha maior visibilidade para o alumnado e o tecido empresarial a nivel nacional”, salienta o docente, subliñando os “16 anos de experiencia docente” dun mestrado que na UVigo se imparte na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.

 En canto aos principais puntos fortes da titulación Durany ten claro que son tres. Para empezar, “a unha titulación como a nosa, na que no seu nome aparece a palabra matemática, non lle queda outra que basearse no rigor”, nesta liña destaca que se lle proporciona ao alumnado unha formación “moi sólida” en modelización matemática e as súas aplicacións para resolver “problemas reais”. A isto únese o feito de que a metade dos estudantes proveñen de graos como Matemáticas e Física e a outra metade de enxeñarías, o que, desde o seu punto de vista, enriquéceos mutuamente e ábrelles os campos de visión científica e tecnolóxica. Como terceiro factor Durany sitúa ás empresas, sen as cales o título non tería sentido.  “Temos credibilidade para moitísimas empresas galegas, nacionais e europeas e todos os cursos nos propoñen aqueles problemas que os ocupan e lles preocupan para que os nosos estudantes traten de resolvelos, constituíndo isto o seu Traballo Fin de Mestrado, TFM”, salienta o coordinador na UVigo deste mestrado. Esta integración do estudante na empresa mediante prácticas e/ou desenvolvendo o seu TFM, titorizado tamén por un docente, é o punto final do proceso formativo “e está funcionando moi satisfactoriamente para todos os colectivos: alumnado, docentes e representantes das empresas”.

En total son nove os mestrados do SUG que contan con este selo

Cunha vixencia de cinco cursos académicos e posibilidade de renovarse por períodos sucesivos de igual duración, xunto ao Máster de Matemática Industrial este ano recibiron tamén a mención o Máster en Computación de Altas Prestacións –interuniversitario entre A Coruña e Santiago- e o de Produción Periodística e Audiovisual, da Universidade da Coruña. Deste modo xa son nove as titulación que a día de hoxe contan con este selo de calidade pioneiro que implantou a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades hai tres anos co obxectivo de fixar unha estratexia coordinada de impulso das universidades galegas na senda da excelencia.

Criterios de avaliación

Para a concesión do selo valoráronse os criterios de avaliación establecidos, que inclúen aspectos xerais da titulación como a taxa de demanda, entidades públicas e privadas que colaboren directamente co máster, procedemento de selección do alumnado, porcentaxe de alumnado estranxeiro e a existencia de plans de titorización e mentorización individuais, con ata 25 puntos. Tamén se valoraron con ata 25 puntos os resultados do máster, para o cal se tiveron en conta os resultados das enquisas de satisfacción do alumnado, o seguimento dos egresados no mercado laboral e os indicadores externos de recoñecemento (artigos, clasificacións...).

O profesorado do máster computa con ata 15 puntos, con aspectos como os méritos relevantes do profesorado permanente, a adecuación do currículo docente e investigador do profesorado cos contidos que se imparten no máster, e o prestixio e recoñecemento do profesorado procedente doutras universidades ou doutros conferenciantes externos. A estratexia do máster (visión, misión e desenvolvemento futuro, o plan de xestión para os cinco próximos anos académicos e as melloras previstas en caso de obter esta mención) puntúa con ata 20 puntos. Con ata 15 puntos valóranse o Plan de estudos (porcentaxe de prácticas no plan de estudos, créditos dedicados a prácticas obrigatorias en empresas, emprego de metodoloxías docentes innovadoras); e con ata 10 puntos o apartado de Emprendemento, no que se teñen en conta aspectos como a existencia ou o compromiso de inclusión dun módulo vinculado directamente cunha formación en emprendemento e autoemprego.