A condutora de 'DígochoEu' da CRTVG, Esther Estévez, participa no ciclo 'Galinfluencers'
Este mércores en Redeiras vaicho dicir ela
A parir das 19.00 horas Esther Estévez falará sobre aprender e entreter
O ciclo de charlas Galinfluencers, organizado pola UCC+i co gallo do Día da Ciencia en Galego, chega ao seu fin este vindeiro mércores, 27 de novembro, coa participación da xornalista e condutora de Dígocho Eu da CRTVG, Esther Estévez. “Falarei da miña experiencia nestes cinco anos nas redes e na TVG. Explicarei como naceu o proxecto DígochoEu, como se elabora e como se mantivo no tempo nun momento de consumo tan rápido e de tanta competencia de contidos dixitais”, detalla Estévez sobre esta iniciativa divulgativa en redes da CRTVG que ten a finalidade de achegar o galego ao público, dunha forma entretida e dinámica. Un proxecto polo que a xornalista recibiu en 2022 e 2023 o Premio Mestre Mateo á Mellor Comunicadora, confirmándose como a persoa máis nova en gañar este galardón.
O Dígocho Eu acumula decenas de millóns de visualizacións, millóns de “me gusta” e máis de trescentos mil seguidores só na plataforma TikTok, un éxito que impulsou a Esther de presentar os programas do Digocho Eu, Digochiño e Apuntamento Lusófono a compaxinalos con sendas incursións na televisión, presentando programas da Televisión de Galicia como Cachadas, Luar ou Tal Semente, participando ademais ocasionalmente en eventos especiais como a Gala do 25 de xullo.
Coa charla deste mércores ponse fin ao ciclo Galinfluencers, no que tamén participaron nesta edición Prado Rúa, creadora de contido dixital en galego e unha das influencers do momento e Iago Gordillo, creador do proxecto audiovisual Recuncho Gamer, unha canle de divulgación de videoxogos en galego. A charla de Esther Estévez, titulada Aprender e entreter, comezará ás 19.00 horas no edificio Redeiras, con entrada libre e gratuíta ata completar o aforo.
Máis actividades para afianzar o uso do galego na ciencia
Xunto ao ciclo de charlas protagonizadas por creadoras e creadores de contido en galego, as actividades programadas pola UCC+i, dependente da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, cómpre menciona a elaboración do Minidicionario de vocabulario científico-técnico en galego, realizado en colaboración coa Área de Normalización Lingüística, co triplo obxectivo de normalizar o uso do idioma propio no ámbito escolar e universitario, visibilizar o traballo investigador realizado na UVigo en galego e apoiar o traballo científico nesta lingua. Esta primeira edición abordará termos de tres áreas temáticas: o ámbito xurídico, o medio ambiente e a micoloxía, para o que se contou coa colaboración dos investigadores Xosé Manuel Pacho, Manuel Ángel Pombal e María Cabaleiro.
As actividades complétanse coa presentación de proxectos de investigación realizados por persoal da UVigo nos que se pon en valor o emprego da lingua e a cultura galega en colexios e institutos da contorna, como a exposición Arqueoloxía Dixital galega, creada por Óscar Penín, investigador do GEAAT, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Facultade de Historia, na que a través de textos áxiles e didácticos, ofrece unha visión sobre arqueoloxía da web, a arqueoloxía dos videoxogos e os seus formatos físicos, así como do arqueogaming e os seus impactos sociais, trazando un retrato que parte dunha perspectiva global e acaba pondo o foco sobre o estado da cuestión en Galicia.
Financiamento FECYT
As accións vencelladas á celebración do Día da Ciencia en galego forman parte do plan anual de actividades Ciencia de Ida e Volta, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y Tecnología - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.