O vindeiro martes 9 pola tarde instalarase unha carpa informativa e lúdica na rúa do Príncipe
Este mes de setembro volve a ‘Ciencia con C de CINBIO’ con actividades de balde para todos os públicos
O venres 12 terá lugar a xornada de portas abertas no centro
Chega setembro, o mes dos inicios, os reencontros e as novas oportunidades... Co fin de volver á rutina con enerxías renovadas e dar resposta ás inquedanzas das mentes máis curiosas, o persoal investigador do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, ofrecerá o seu clásico ciclo de actividades de divulgación científica reivindicando, un ano máis, a Ciencia con C de CINBIO. Como vén sendo habitual, o equipo promotor desta iniciativa sairá á rúa e abrirá as portas dos seus laboratorios co propósito de dar visibilidade ao traballo diario que realizan as científicas e científicos deste centro de investigación, pertencente á Rede CIGUS, e seguirá apostando pola “ciencia accesible para todas e para todos co fin de fomentar as vocacións científicas”, subliña o seu director, Miguel Correa.
A programación de actividades arrancará o vindeiro martes 9 pola tarde cunha carpa informativa e lúdica que se instalará na rúa do Príncipe de Vigo, e concluirá o venres 12 co seu prato estrela: a xornada de portas abertas. Trátase dunha iniciativa cofinanciada pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea (Fondos FEDER).
Carpa lúdica na o Centro Comercial A Laxe
A instalación dunha carpa lúdica e informativa no Centro Comercial A Laxe, en Vigo, será a actividade previa encargada de preparar o ambiente para a celebración da xornada de portas abertas. Entre as 16.30 e as 20.30 horas do martes 9 de setembro as mentes máis curiosas da contorna poderán achegarse para coñecer de preto o traballo que se fai desde un centro de investigación como o CINBIO, especializado en nanomateriais e biomedicina. Xunto co persoal de xestión do centro, tamén estarán a pé de rúa científicas e científicos de grupos de investigación como o de Biomasa e Desenvolvemento Sostible (EQ-2) e o de Evolución Molecular Computacional (CME), que ofrecerán ao público vigués experiencias relacionadas coa formulación de divertidos biomateriais en diferentes formatos, desde esferificacións ata xeles de cores, ou xogos cos que explicarán dun xeito sinxelo como funciona a evolución dos organismos. Ademais, o público poderá participar de balde noutras actividades como a ruleta científica e optar a diferentes premios e agasallos, así como elaborar unha pulseira de contas ultravioletas tras descubrir a base tecnolóxica que hai detrás dela.
Xornada de portas abertas do CINBIO
A segunda pata do programa será a xornada de portas abertas, que este ano terá lugar o venres 12 de setembro. O centro de investigación abrirá as portas dos seus laboratorios situados no campus universitario de Vigo arredor das 16.00 horas para ofrecer unha experiencia única a un grupo de arredor de 70 persoas que, inscritas previamente, terán a oportunidade de coñecer o persoal investigador do CINBIO e adentrarse nos seus laboratorios para experimentar coa ciencia e dar resposta a preguntas científicas dun xeito ameno e divertido. Para poder asistir a este percorrido de aproximadamente tres horas de duración é necesario reservar praza a través do formulario que desde hoxe xa está dispoñible na páxina web do centro.
Nesta nova edición de Ciencia con C de CINBIO a visita incluirá sinxelas demostracións prácticas sobre a interacción da luz coa nanomateria, a encapsulación de fármacos e nanopartículas en polímeros ou as propiedades cromáticas das nanopartículas; así como o obradoiro O ADN nas túas mans, a presentación dos anticorpos como ferramenta de laboratorio ou o descubrimento do impulso eléctrico neuronal. Todas estas propostas están organizadas por integrantes de grupos de investigación como o TeamNanoTech (TNT), Comunicación celular en cancro e en enfermidades asociadas á idade (CellCOM), Neurocircuits, o Grupo de NanoBioMateriais Funcionais (FunNanoBio), Filoxenómica, Nanomateriais Biomiméticos (Biomimat) ou o grupo de Inmunoloxía do CINBIO.
