DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O duo galego protagonizou o regreso ao campus do Festival Sonora

A mestura de tradición e innovación de Laura LaMontagne e Pico Amperio fixo vibrar de novo o Teatro Vidal Bolaño

O público gozou dun espectáculo formulado a modo de concerto de hip hop, cun DJ Set e espazo para a

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI 06/05/2021

Novos, innovadores e, sobre todo,  capaces de traer aos ritmos máis actuais toda a herdanza cultural do folclore medieval. Os concertos regresaron ao campus e fixérono pola porta grande, da man dun dos dúos con maior proxección do panorama galego actual, Laura LaMontagne & Pico Amperio, recentes gañadores do Premio Martín Códax da Música ao mellor proxecto de músicas urbanas e vindeiros protagonistas do Concerto das Letras Galegas 2021, dedicado a homenaxeada Xela Arias, que terá lugar no auditorio Mar de Vigo o vindeiro 16 de maio.

O concerto de Laura LaMontagne e PicoAmperiro significou o regreso ao campus do Festival Sonora, rebautizado agora como Sonora 2.1, e nel o espectáculo formulouse a modo de concerto de hip hop, cun DJ Set e espazo para a intérprete. Ao longo de algo máis dunha hora, mesturaron música medieval galaico-portuguesa, ambiente hip-hop e poesía, pondo especial atención nas obras de autores como Martín Codax ou Rosalía de Castro. “Un arco iris trufado de colores hip hop, abstracción ambient, folclore medieval, sensibilidade india e toda caligrafía musical que invoque camiños abertos”, tal e como eles mesmos se refiren aos seus espectáculos. E, de novo, o Teatro Vidal Bolaño, con todas as prazas cubertas -49 prazas, seguindo a normativa covid-, volveu vibrar cos sons máis actuais da música contemporánea, obxectivo primario co que no 2005 se puxo en marcha este festival.

Laura LaMontagne e Pico Amperio viñan de experiencias moi distintas. Ela foi unha adolescente que se emocionaba escoitando a Mercedes Sosa ou Carlos Gardel, que se iniciou nos festivais de poesía en Compostela; el, DJ e produtor, amante do hip hop, dos novos sons, da experimentación musical... O resultado: unha alianza estratéxica que bebe do antigo para traer toda esa tradición aos sentimentos máis actuais.

A Miteu volve o mércores 12 coa Aula de Teatro de Ourense

Tras o Festival Sonora, a programación cultural continúa a próxima semana, o mércores 12 ás 18.30 horas, desta vez cunha nova representación da Mostra internacional de teatro universitario, Miteu. Baixo a dirección de Fernando Dacosta, a Aula de Teatro do Campus de Ourense Maricastaña representará a obra Aínda que siga brillando a lúa, unha particular viaxe a Marte, un planeta por colonizar desde o punto de vista da Terra. “Cambiar de mundo pode cambiar tamén ao ser humano. Ver a Terra a 60 millóns de kilómetros (ou a máis de 100 dependendo das órbitas) pode facernos reflexionar ou, pola contra, facer que reproduzamos o único que aprendemos: comportarnos como terrestres”, tal e como se explica na sipnose da obra.

Ante a actual situación sanitaria, para acudir ás representacións é necesario reservar a butaca enviando un correo electrónico a extensión@uvigo.gal ou a través do teléfono 986.813.626 ata as 13.00 horas do día da función.