AQUA SUB permite optimizar deseño e operación de procesos de tratamento de augas en condicións reais
Unha metodoloxía clave para a transición dixital e sostible do saneamento europeo gaña o Cintecx Challenge 2026
Na xornada técnica celebrada hoxe os proxectos gañadores de 2025 tamén amosaron a súa evolución
O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) celebrou este venres a súa Xornada Técnica do CINTECX Challenge 2026, unha cita xa consolidada que converte o seu auditorio nun espazo de encontro para o intercambio de ideas, a presentación de avances científicos e a defensa de novas propostas. A directora do centro, María Ángeles Sanromán, abriu a sesión destacando como o Challenge se converteu “nunha plataforma que impulsa proxectos novos cun forte compoñente interdisciplinar e orientados a resolver desafíos tecnolóxicos reais”.
Esta é precisamente a finalidade do proxecto Desenvolvemento dun marco metodolóxico para modelos subrogados baseados en simulacións avanzadas aplicado a sistemas de tratamento de augas (AQUA SUB), unha proposta liderada por David Fernandes del Pozo (grupo Biosuv) e Sergio Chapela (grupo GTE), que foi seleccionado como gañador do Cintecx Challenge 2026. O seu obxectivo é desenvolver unha metodoloxía que permita crear modelos subrogados, unha ferramenta dixital que actúa como unha versión simplificada, pero moi precisa, dunha simulación complexa, que permiten obter resultados case equivalentes aos de cálculos computacionais moi custosos, pero en moito menos tempo, o que supón unha vantaxe clave para deseñar e optimizar procesos en contornas reais.
O encontro celebrado este venres puxo de manifesto o interese crecente pola investigación aplicada e o traballo conxunto entre grupos. Tanto coa presentación de AQUA SUB, como coas achegas dos gañadores do Challenge 2025, Cintecx “continúa impulsando ideas que buscan mellorar a xestión da auga, avanzar cara modelos enerxéticos máis sostibles e comprender mellor as contornas subterráneas”, sinala a súa directora María Ángeles Sanromán.
AQUA SUB, acelerando a transformación dixital do ciclo da auga
Cun financiamento de 10.000 euros e un ano de execución, o proxecto AQUA SUB, liderado por David Fernandes del Pozo (Biosuv e Sergio Chapela (GTE), propón un marco metodolóxico para crear modelos subrogados, unha ferramenta dixital que simplifica simulacións moi complexas mantendo unha alta precisión, reducindo drasticamente o tempo e custe computacional necesarios, o que permite optimizar o deseño e operación de procesos de tratamento de augas en condicións reais.
A relevancia da proposta sitúase no contexto da Directiva Europea 2024/3019, que promove a transición das depuradoras tradicionais cara instalacións de recuperación de recursos hídricos máis eficientes e sostibles. “Inicialmente aplicaremos a metodoloxía a reactores anóxicos con procesos de desnitrificación heterótrofa”, explica Fernandes, “coa posibilidade de estendela a outros sistemas no futuro"
A proposta gañadora foi seleccionada tras a evaluación do tribunal formado polos miembros do Comité Asesor Científico de Cintecx: Manuel Andrés Rodrigo Rodrigo, da Universidad de Castilla La Mancha; Leopoldo Gracía Franquelo, da Universidad de Sevilla; e Salvador Ivorra Chorro, da Universidad de Alicante.
Gañadores de 2025, cara a un futuro máis sostible e tecnoloxicamente avanzado
O proxecto Eco NanoxCat, liderado por Antía Fernández Sanromán (Biosuv) e Pablo Pou (LaserOn), avanzou na creación de novos nanomateriais capaces de descontaminar a auga e producir enerxía limpa. O equipo combinou materiais carbonosos con nanopartículas metálicas obtidas mediante ablación láser, acadando partículas ultrapuras con gran control das súas propiedades. “Este proxecto demostra que é posible unir descontaminación e xeración de enerxía verde nun só proceso”, explica a investigadora Ana Vilas. As nanopartículas de cobre destacaron con eficiencias superiores ao 80% na eliminación de patóxenos e contaminantes farmacéuticos.
O proxecto Gal Bayes, dirixido por Mario Soilán (GeoTech) e María Pazó (Gessmin), aplicou modelos de linguaxe de grande escala para xeración automática de modelos causais que permitan comprender e anticipar fenómenos de eutrofización. Probado no encoro das Conchas, o método acadou un 90% de precisión respecto ao coñecemento experto e reduciu en máis do 90% o tempo de elaboración de modelos. “Queríamos democratizar a análise causal na calidade da auga e ofrecer ferramentas máis rápidas e accesibles para a toma de decisións”, sinala Soilán.
Pola súa banda, TraconRoc, coordinado por Ignacio Pérez Rey (Gessmin) e Aránzazu Pintos (Encomat), avanzou no estudo do comportamento da rocha en condicións extremas. O equipo desenvolveu dispositivos experimentais capaces de reproducir altas presións semellantes ás de profundidade, permitindo estudar con precisión a interacción rocha fluído. “É unha semente importante que pode achegar coñecemento clave para a transición enerxética”, apunta Pérez Rey.
