DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola lanza unha revista para darse a coñecer dentro e fóra da universidade  

'Minerxía', toda a actividade do curso da EE de Minas e Enerxía resumida nunha vintena de páxinas 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Publicacións
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 23/07/2021

Querían facer “algo novo, fresco e visual que permitise resumir todas as actividades que organizamos e tamén nas que participamos durante todo o curso académico”, e ese desexo, co traballo da dirección do centro, docentes e investigadores, materializouse en 20 páxinas e baixo o título de Minerxía. A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía estrea revista, “fundamentalmente en formato dixital, pero tamén imprimimos algúns exemplares para ter dispoñibles na Escola e enviar a institucións que colaboran con nós”, explica Santiago Pozo Antonio, subdirector e coordinador de Divulgación do centro, cun obxectivo claro: que a comunidade universitaria, pero tamén os centros educativos (colexios, IES e centros de formación profesional) e o público en xeral, coñezan as actividades que durante o curso se desenvolven na Escola. 

Docencia, investigación, mobilidade, divulgación científica, cultura, deporte, formación académica extracurricular e igualdade, son as seccións nas que se distribúe a información en Minerxía, que tamén inclúe no seu primeiro número un apartado sobre a necesidade de profesionais dedicados ao mundo da enerxía e á xestión de recursos minerais, “para acadar unha sociedade aliñada cos obxectivos da Axenda 2030 e desta maneira garantir o acceso universal aos servizos dunha enerxía segura, sostible e moderna”, sinala Pozo. 

Traballo en equipo para unha publicación anual ou cuadrimestral 

A redacción de Minexía correu a cargo da directora da Escola, Elena Alonso Prieto, o propio Santiago Pozo e a axudante de divulgación, que neste curso académico foi Carmen Figueira Sánchez, estudante do Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos. “Ademais, moita xente da Escola participou nesta iniciativa, xa que foi preciso a participación de moitos dos investigadores e investigadoras para redactar o apartado de Investigación. Foi un camiño longo, pero sen dúbida cun moi bo resultado”, asegura o subdirector e coordinador de Divulgación do centro.

Aínda que a revista nace con periodicidade anual, os seus promotores non descartan que se poida chegar a  publicar con periodicidade cuadrimestral.