DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da exposición ‘A poesía do retrato’, que poderá contemplarse ata o 20 de xuño

A mirada máis íntima de Xela Arias preséntase no campus

A estudante Susana Díaz gañou o premio ‘Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 07/06/2021

Promover un “contacto directo coa poesía” é, como salientaba este luns a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, un dos obxectivos da exposición Xela Arias. A poesía do retrato, que establece un diálogo entre 23 retratos da poeta homenaxeada neste 2021 co Día das Letras galegas e unha escolma de versos que publicara en revistas e xornais. Ata o 20 de xuño poderán contemplarse no campus, a carón do acceso á Escola de Enxeñaría Forestal, os paneis que recollen unha selección de retratos realizados na década de 1980 e 1990 polo que fora o seu marido, o fotógrafo Xulio Gil. Paneis que permiten observar “a través da “mirada da propia Xela e da relectura dos versos” que acompañan as imaxes o “percorrido vital” da autora, como salientou Agrelo na inauguración desta mostra, que se completou coa entrega á estudante de Belas Artes Susana Díaz do premio Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas 2021, no que a Vicerreitoría convidaba ao estudantado a reinterpretar a obra de Arias desde múltiples disciplinas.

Tras o seu paso polos campus de Ourense e Vigo, a exposición chegaba ata o campus pontevedrés para pór peche á programación impulsada pola Vicerreitoría con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas, como explicou o vicerreitor Jorge Soto, nun acto no que tamén participou o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto. Xunto á entrega do premio a Díaz por unha fotografía inspirada no poema Indecisión, do libro Tigres coma cabalos, esta actividade completouse coa actuación da cantante e egresada da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Noelia Solleiro e o músico Ángel Paz, que interpretaron Perder pé, peza na que poñen son a un poema sen título dese mesmo libro. Nese senso, a confluencia neste acto de fotografía, música e poesía levou a Agrelo a pór de relevo a capacidade de Arias para “reinventar a poesía desde as marxes” e a súa capacidade de “unir diferentes vertentes para fusionalas nunha única”, á vez que destacou que a autora homenaxeada “foi unha voz poética que reivindicou e puxo na súa propia boca as esixencias de todas aquelas persoas que, de xeito individual ou colectivo, tiñan certas necesidades”. 

Diálogo entre imaxes e versos

Impulsada pola Área de Normalización Lingüística da Universidade, en colaboración coas vicerreitorías dos campus de Ourense e Pontevedra e a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, A poesía do retrato busca pór en valor a obra e legado de Arias a través do diálogo entre imaxes e versos. Nos seus diferentes paneis, a exposición presenta 23 fotografías en branco e negro seleccionadas por Xosé Enrique Acuña de entre as máis de 400 imaxes de Xela Arias que formaban parte do arquivo persoal do fotógrafo, hoxe doado ao fillo de ambos, Dario Gil Arias. Trátase unha serie de retratos de estudo, que amosan a unha Xela Arias de entre 26 e 40 anos e que Gil, quen foi recoñecido en 2013 co Premio da Crítica de Galicia de Artes Plásticas, non realizara inicialmente co propósito de que formasen parte dunha exposición. Esta serie de imaxes preséntanse á súa vez nos diferentes paneis desta mostra xunto cunha escolma de versos da autora, pero ningún deles extraídos dos seus catro poemarios, senón extraídos doutra serie de publicacións. 

Retrato da indecisión

Aberto a todo tipo de creacións, a Vicerreitoría impulsou neste 2021 un premio que convidaba ao alumnado “a reler a poética de Xela e traducila a outro tipo de artes”, como apuntou Agrelo. Indecisión, unha fotografía inspirada nun poema do mesmo título converteu a Susana Díaz na gañadora deste certame, dotado cun premio económico de 300 euros. “Este premio paréceme unha oportunidade para dar a coñecer artistas locais e visibilizar o noso traballo, ademais de reivindicar a nosa cultura”, recoñecía Díaz tras recibir o seu galardón, á vez que puña de relevo o interesante dunha iniciativa que busca proxectar “como poden converxer as distintas disciplinas artísticas”.

Diaz presentou a este certame unha fotografía na que se pode apreciar unha man sostendo un ramo de flores, “un símbolo común asociado cos namorados”, pero nesta ocasión composto por “flores secas ou murchas, creando certa contradición” e que proxecta “unha maneira de interpretar” o poema que lle dá nome, a través dunha composición “algo fría e sobria”, marcada tamén pola presenza de movemento, que lle achega “unha sensación espectral”. Nese senso, a estudante de Belas Artes explicou que a imaxe premiada saíu dunha sesión fotográfica que iniciou “sen ningunha idea previa”, pero, engadiu, “nada máis vela sentín que estaba en plena harmonía” co poema escollido.