DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha tese afonda no aproveitamento didáctico de contos, lendas e mitos

A mitoloxía galega relacionada coa auga, unha fonte de recursos educativos

O mestre de Educación Primaria Rafael Adalid é o seu autor

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 23/09/2020

Indagar sobre a riqueza da cultura oral galega que fai alusión á auga e no tratamento que se fai en educación deste patrimonio simbólico co obxectivo último de contribuír á súa supervivencia. Este foi o obxectivo que se propuxo o egresado de Educación Primaria Rafael Adalid na súa tese de doutoramento, dirixida polo profesor Xosé Manuel Cid e presentada este ano na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense baixo o título A mitoloxía galega relacionada coa auga. Análise de contido e aproveitamento como recurso en educación.

Segundo explica o xa doutor pola Universidade de Vigo, “os contos, lendas e mitos da tradición oral son unha temática que sempre me gustou e ocorréuseme a idea de empregala a nivel educativo, creando propostas para frear a súa perda”. O estudo, detalla, parte “do encadramento da transmisión oral dentro do patrimonio cultural inmaterial establecido pola Unesco, posibilitando o estudo teórico sobre os contos, lendas e mitos transmitidos de forma oral e analizando as características e as perdas que se reflicten neles”. Na tese, comenta o seu autor, investiga as crenzas, misticismo e supersticións dos elementos da natureza, mostrando especial atención á auga, da que se recollen historias, identifícanse personaxes mitolóxicos e establécense paralelismos con “culturas precursoras á galega e con outras próximas xeograficamente”. Por último, o traballo céntrase nos beneficios que pode achegar esta tradición oral ás novas xeracións facendo propostas de aplicación nos centros de ensino como ferramenta educativa.

A metodoloxía empregada no estudo foi etnográfica, recorrendo á observación participante, á realización de 30 entrevistas e á análise de documentos. Aínda que abrangue o conxunto de Galicia, o traballo presta especial atención á provincia de Ourense, facendo un estudo en diferentes comarcas ourensás das historias máis representativas. Ao longo da tese, o autor analiza contos, lendas e mitos de diferentes concellos, desde os relacionados coas augas termais da cidade de Ourenes ata os que identifican o río Limia co río do esquecemento ou os que falan do xurdimento da fonte de Santa Mariña de Augas Santas, en Allariz, trala decapitación da filla dun gobernante romano abandoada pola súa crenza no cristianismo. Durante o proceso de realización do estudo, indica Rafael Adalid, "resaltamos o carácter místico da auga na cultura galega, xa levado a cabo por diversos autores" e "contamos historias que percorren a provincia ourensá". Froito deste traballo indica como se aprecia que “na crenza popular da nosa terra e de outros países, a auga é capaz de curar, limpar, producir a fertilidade e purificar. Forma parte aínda de diversos ritos, como o da noite de San Xoán”. Lavandeiras, mouras, sereas, réptiles, demos e moitos outros personaxes protagonizan as historias orais relacionadas coa auga abordadas nesta tese de doutoramento.

Propostas didácticas

A indagación destes contos, lendas e mitos leva ao investigador a achegarse tamén á súa relación con outras xeografías e culturas, como a celta ou a romana. “A auga, en certas localizacións consideradas célticas, preséntanse á par de Galicia como fecundante, como co ritual do baño das nove olas. É capaz de propiciar curacións, eliminar impurezas, purificar o corpo, a alma e mesmo a existencia de certos ritos con estes elementos son descritos: hai afluentes, arroios e ríos onde se producían e producen certos rituais, algúns dos cales están tamén marcados pola influencia da relixión e a cristianización do lugar”, comenta Rafael Adalid. Ademais, engade, en Galicia “proliferan moitos restos sobre a auga en relación á expansión dos romanos. Ourense, Bande... son algúns dos moitos exemplos da influencia grecorromana, augas que darían lugar a lendas coma a do río Lethes, onde asistimos á contemplación imaxinada do toque máxico da auga, capaz de instaurar o esquecemento”.

Da análise desta mitoloxía, o autor tamén destaca como “as zonas limítrofes con Galicia gardan un compartimento cultural alto con ela" e indica que estes paralelismos da tradición oral que se dan con outros sitios "podería ser por causa de orixes comúns, ao espazo físico común, a unha raíz cultural común ou á variabilidade dos límites de Galicia ao longo da historia, existindo unha serie de arquetipos comúns non só en Galicia senón tamén en todo o universo".

A tese inclúe igualmente un traballo didáctico no que se empregan “as figuras míticas como fíos condutores das diversas unidades propostas, para así conseguir a aprendizaxe deseñada en cada unha”. Esta proposta educativa, comenta o seu autor, está formada por 15 unidades didácticas e “marca unha liña de traballo nas aulas e fóra delas, que vai máis aló do establecido no decreto educativo galego de educación primaria e que pode servir de recurso ao profesorado, familias e demais axentes educativos para ralentizar a perda de tradicións culturais que encerran un gran potencial educativo para as novas xeracións, capaz de activar a memoria dos maiores e da comunidade”.