DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes celebrouse a votación da Xunta de Facultade

Monserrat Cruz continuará tres anos máis como decana de Ciencias Empresariais e Turismo

A súa candidatura, a única presentada, acadou 36 votos a favor e 9 en contra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 10/05/2022

Monserrat Cruz continuará tres anos máis como decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. A candidatura da profesora, a única presentada, acadou este martes 36 votos a favor e 9 en contra na votación da Xunta de Facultade. Facendo un balance positivo do primeiro mandato que agora remata, a responsable académica afronta esta nova etapa apostando por consolidar a estabilidade do centro.

O equipo que conformará con Monserrat Cruz o decanato de Ciencias Empresariais e Turismo é de continuidade, sendo o mesmo do primeiro mandato que agora remata. Está formado por Alberto Vaquero, como secretario; Elena de Prada, como vicedecana de Internacional; Javier Sánchez, como vicedecano de Estudos de Grao; Francisco Tugores, como vicedecano de Organización Académica e Alumnado, e Juan Manuel de los Ríos, como vicedecano de Calidade. Para este equipo, Monserrat Cruz tivo na súa intervención ante a Xunta de Facultade palabras de recoñecemento e agradecemento polo esforzo feito os últimos tres anos, subliñando como sen elas e eles non tería sido posible o traballo realizado nin a súa continuidade.

Retos e obxectivos

Para este segundo mandato, o equipo liderado por Monserrat Cruz márcase como retos principais continuar o labor de internacionalización do centro; seguir promocionando as prácticas nas empresas e ampliar os servizos complementarios ao alumnado. A eles súmanse proseguir a labor de cooperación con outros centros do campus, en especial coa Facultade de Dereito, a Escola Superior de Enxeñería Informática e a Facultade de Historia, coa que se comparten programas conxuntos, e seguir incrementando a súa relación co Campus Auga.

Como obxectivos xerais, para este mandato, Monserrat Cruz apuntou  “facer máis atractiva a nosa facultade ao alumnado: aumentar os servicios prestados, colaborando máis activamente coa Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade e a Vicerreitoría do Campus de Ourense”. Potenciar unha maior relación e implicación coa sociedade; difundir os traballos de investigación e transferencia e consolidar a comunicación cos distintos colectivos que forman a facultade son outros dos obxectivos globais apuntados.

O seu primeiro mandato, lembrou Monserrat Cruz, arrancou xusto co inicio da pandemia, a principios de abril de 2019, factor que determinou totalmente o seu desenvolvemento. “Non foi desde logo un mandato ao uso, normal, pois en boa parte del non tivemos nin docencia presencial, pero a pesar de todo a valoración que fago desta etapa é moi boa”, apuntou. Tres anos despois, a decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo sinalou que o centro vive un momento de certa “tranquilidade” que agarda manter e consolidar os vindeiros anos. Así, para esta nova etapa comentou que o equipo directivo do centro traballará para potenciar, ademais dos temas sinalados, aspectos como a presencialidade e “involucrar moito máis ao alumnado” no centro.

No eido das titulacións, o obxectivo prioritario a curto prazo para a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo é, apuntou a decana, solucionar os problemas de alumnado do Grao de Turismo, para o que se teñen habilitado, con financiamento da Deputación de Ourense, bolsas para as e os estudantes que se matricule en primeiro curso. Acadar mencións duais, en primeiro lugar para este Grao de Turismo, e realizar novas memorias de grao, tanto de Turismo como de Administración e Dirección de Empresas, para mellorar a competitividade dos títulos da facultade son outras das liñas de traballo anticipadas por Monserrat Cruz.