DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns inaugurouse na Sala Alterarte a exposición ‘Ocupar un corpo’

Unha mostra e cinco fotografías sobre as identidades de xénero máis disidentes

Da artista Deebo Barreiro e o comisario Vítor Nieves

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 22/03/2021

Desde este luns e ata o 21 de maio, a Sala Alterarte do campus de Ourense acolle a mostra Ocupar un corpo, da artista Deebo Barreiro e o comisario Vítor Nieves. Nela, esta egresada da Universidade de Vigo xoga coa fotografía, os espazos e a tecnoloxía para visibilizar e achegar ao público “as identidades de xénero que están máis fóra da normatividade”, do binarismo home-muller, como as persoas bixénero, axénero ou transxénero sen hormonar.

Na inauguración da exposición, Xosé Manuel Buxán, director da Sala Alterarte, destacou como esta mostra reúne “o bo facer de Deebo e o valor dos contidos e dos significados das súas pezas”. Da creadora subliñou que é egresada da Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra e o feito que de é “unha artista moi nova, cunhas reivindicacións moi do momento actual, necesarias para mellorar a sociedade”. Polo que respecta ao comisario da mostra, Xosé Manuel Buxán salientou “a importancia de contar con xente activa do tecido cultural, como é neste caso Vítor Nieves”. A iniciativa, lembrou o director de Alterarte, forma parte da cuarta edición do proxecto Estado Crítico. 12 Curadores 12 Artistas e súmase á traxectoria dunha sala que xa atesoura 17 anos de actividade continuada.

Pola súa banda, Ana María Torrado, directora de Área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración do Campus de Ourense, salientou igualmente na inauguración da mostra como se trata dunha exposición que se leva a cabo “nun tempo moi acaído e nun espazo tamén moi acaído como é o campus”, lembrando como o eido universitario pretende ser sempre un espazo de convivencia, de liberdade, de igualdade e de diversidade. Pondo en relevo tamén a traxectoria da Sala Alterarte, a directora de área destacou da mostra inaugurada este luns “a intimidade que logra para o espectador”, unha intimidade que, apuntou, “fai chegar moito máis a mensaxe que quere transmitir”.

Visibilidade

Tanto a artista como o comisario da mostra destacaron na súa apertura a boa sintonía lograda entre ambos para o desenvolvemento de Ocupar un corpo. Vítor Nieves indicou que escolleu a Deebo Barreiro para protagonizar esta exposición “porque é unha artista emerxente, unha artista da casa, da Universidade de Vigo, e porque ten un traballo moi político, que se encadra moi ben no meu traballo como curador”. Nas súas palabras, o comisario subliñou como “nun momento político coma este” “é necesario darlle visibilidade a certos traballos que ás veces nos espazos máis institucionais non teñen cabida”, facendo fincapé na importancia de que “que os espazos públicos tamén sexan ocupados” con temáticas como a abordada na obra de Deebo Barreiro. Igualmente, amosou a súa satisfacción por comisariar unha mostra na Sala Alterarte, recalcando “a nómina de curadores e artistas que teñen pasado por aquí”.

Sobre Ocupar un corpo, Deebo Barreiro comentou que é unha exposición-instalación “baseada en fotografías que fixen desde 2019 do espectro da identidade de xénero”. Segundo explicou, a mostra forma parte dun proxecto seu máis amplo sobre identidade de xénero chamado Ser un corpo. Dentro do espectro de identidade de xénero, detallou, escolleu para a mostra da Sala Alterarte fotografías das persoas “menos asentadas dentro do binomio home-muller”, como persoas transxénero non normativas sen utilizar hormonas, persoas bixénero ou persoas axénero. “Escollinas por ser as persoas que menos visibilidade teñen, as menos “existentes” dentro da sociedade normativa”, sinalou a artista. Concretamente, son catro as persoas retratadas en imaxes de gran formato, apuntando a súa autora como as e os espectadores no seu percorrido pola sala atópanse con estas persoas “empoderadas e engrandecidas”.

As imaxes están repartidas nun labirinto de teas creado na Sala Alterarte. Neste senso, Deebo Barreiro explicou que quixo xogar a colocar os retratos en espazos que son asociados habitualmente a homes homosexuais para “apropiarse deles como espazos queer”. Así, indicou, a instalación das teas pretende ser unha metáfora do cruising, da actividade sexual de persoas homosexuais en lugares como parques ou espazos naturais. Este labirinto, indicou a creadora, “dá xogo a que as persoas se perdan, se escondan, xoguen”. No percorrido pola exposición, cada imaxe está acompañada ademais dun código QR que lle permite ao público acceder a máis imaxes. “Nas esquinas, nos currunchos, entre as teas, atópaste códigos QR porque a mostra está pensada como un híbrido entre exposición presencial e tecnolóxica”, explicou Deebo Barreiro. Así, tal e como detallou a artista, a persoa que ve a imaxe ten que intervir para poder entrar a máis contidos.

A quinta fotografía da mostra é “unha sorpresa” e é a de máis difícil acceso, apuntando a artista como algúns espectadores chegarán a ela e outros poida que non. Esta última imaxe “é o espazo máis subversivo da mostra” pois, indicou a súa autora, despois dunha peregrinación polos labirintos da exposición o espectador ou espectadora ten que porse de nocellos para poder vela. Ao atopar esa fotografía, comentou Deebo Barreiro, “descobres que estás diante da representación por excelencia do queer e da disidencia” e “rematas a exposición prostrándote ante a disidencia”.