A UVigo pon en valor “a beleza do natural” a través dunha exposición e un concurso fotográfico
A mostra de fotografía científica poderá verse no Pazo Provincial desde o 21 de maio
A estas iniciativas súmase un taller de ilustración científica
Preto de 80 fotografías de animais, plantas e fungos de distintas rexións do mundo conforman a exposición A beleza do natural, unha mostra promovida pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da UVigo en colaboración co catedrático Adolfo Cordero, que poderá verse entre o 21 de maio e o 11 de xuño no vestíbulo do Pazo Provincial. A exposición promovida coa colaboración da Deputación de Pontevedra insírese nas actividades impulsadas pola UCC+i con motivo da conmemoración do Día Mundial da Diversidade Biolóxica, xunto cun concurso de fotografía científica e un taller de ilustración.
Promovida co apoio da Deputación de Pontevedra e financiamento da Xunta de Galicia, a exposición que poderá verse no Pazo Provincial reúne fotografías de animais, plantas e fungos, realizadas en distintas rexións do mundo, desde Ecuador, Costa Rica, Cuba ou Colombia, ata Azores, Kenya, China ou Australia. Dirixida a “pór en valor a diversidade biolóxica e a necesidade da súa conservación, ofrecendo unha mirada que combina rigor científico e sensibilidade estética”, sinalan desde a organización, esta exposición permite achegarse ao traballo fotográfico do catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero, investigador principal do grupo EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación). Especializado en entomoloxía, as fotografías de Cordero caracterízanse “por unha aproximación fiel ao medio natural, na que non só se busca a calidade estética da imaxe, senón tamén a representación das especies no seu contexto ecolóxico e das relacións que establecen co seu hábitat”. Nese senso, esta escolma das fotografías resultado da súa traxectoria investigadora buscan transmitir á cidadanía "a complexidade dos ecosistemas e reforzar a importancia da súa conservacvión”
Non en van, esta actividade insírese na programación conmemorativa da data fixada por Nacións Unidas para concienciar sobre a importancia da biodiversidade biolóxica para garantir os recursos naturais esenciais para a vida no planeta. Estas actividades insírense no plan 5º aniversario do programa Ciencia de ida e volta, da UCC+i, que conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
Concurso fotográfico e obradoiro de ilustración
Nesta programación insírese tamén o I Concurso de fotografía científica A beleza do natural, dirixido a promover a observación e posta en valor da natureza a través das imaxes. O certame conta cunha categoría xeral, na que poderá participar tanto a comunidade universitaria como calquera persoa maior de 18 anos, e unha categoría escolar, dirixida a nenos e nenas de entre 8 e 14 anos.
Poderán presentarse fotografías orixinais, relacionadas coa natureza e realizadas con calquera técnica fotográfica, tanto en branco e negro coma en cor. O prazo de presentación de traballos, a través do correo electrónico ucc@uvigo.gal, permanecerá aberto ata o 4 de xuño e cada participante poderá presentar un máximo de tres imaxes en formato dixital. En ambas categorías, a persoa gañadora será agasallada cun kit fotográfico, que inclúe unha cámara Instax, unha funda e un recambio de papel fotográfico.
Tamén dentro desta programación, o venres 22 de maio terá lugar o taller Ilustrar a natureza, impartido pola artista María Viñas. Este obradoiro de ilustración científica desenvolverase no Edificio Administrativo da Deputación e contará con dúas sesións, unha aberta ao público xeral, con inscrición previa, e outra dirixida a persoas con parálise cerebral, promovida en colaboración con Amencer-Aspace. En ambos casos combinará unha introdución á ilustración científica cunha parte práctica, centrada na observación botánica.
