DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o venres 3 poderá contemplarse esta mostra fotográfica, impulsada por un proxecto europeo

A mostra que percorre a vida do Nobel da Paz Fridtjof Nansen trasládase ao IES Luís Seoane

Complétase cos coloquios que impartirán no centro estudantes de Dirección e Xestión Pública

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Cultura
DUVI Pontevedra 27/05/2022

Coordinado pola Universidade Tecnolóxica de Tallin e financiado polo programa comunitario Europe for Citizens, o proxecto Remember Nansen ten como obxectivo dar a coñecer a figura do filántropo e diplomático noruegués Fridtjof Nansen, recoñecido co Nobel da Paz en 1922, a través de iniciativas como a exposición fotográfica que nos próximos días poderá verse no IES Luís Seoane. Despois de exhibirse o pasado ano na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, da man do profesor da Área de Ciencia Política e da Administración Celso Cancela, a exposición trasládase agora ata o instituto de Monte Porreiro, nunha iniciativa promovida polo estudante do Grao en Dirección e Xestión Pública Pablo Abelleira, que exerce como comisario dunha mostra que poderá visitarse ata o vindeiro venres 3 no vestíbulo da escola. 

Profesor de oceanografía na Universidade de Oslo, protagonista de expedicións científicas no Ártico e en Groenlandia e embaixador de Noruega no Reino Unido, Fridtjof Nansen (1861-1930) pasou á historia polo seu labor a prol dos refuxiados, polo que foi recoñecido co Nobel da Paz. “A figura de Nansen é un exemplo de esforzo, de desenvolvemento persoal, absolutamente multidisciplinar e de solidariedade”, salienta Abelleira do protagonista desta mostra fotográfica dedicada ao que foi tamén o primeiro alto comisionado da Sociedade de Nacións para os refuxiados. Promovida coa colaboración do Departamento de Historia do instituto, a exposición foi inaugurada este venres, nun acto no que participaron o director do IES Luís Seoane, Carlos García; a xefa do Departamento de Historia, Carmen R. Mayán; a presidenta da AMPA, María Jesús Acebedo, e a directiva desta asociación Eva Solla, ademais de Abelleira e Cancela.

A mostra verase complementada a vindeira semana, polos coloquios sobre a figura de Nansen que Abelleira e a tamén estudante de Dirección e Xestión Pública Sara Couso impartirán nas diferentes aulas tanto de 4º da ESO como de 1º de bacharelato deste instituto.

Unha exposición que se detén en “tres fitos” da súa traxectoria

Resultado dun proxecto no que participaron tamén as universidades de Salamanca, Valladolid e Boloña, a Palacký University de Olomouc (Chequia) e o Instituto Letón de Asuntos Internacionais, esta exposición busca pór de relevo a figura de Nansen como “exemplo de europeísmo e da busca dunha sociedade mellor”, centrándose en tres fitos da súa traxectoria. Por unha banda, unha serie de fotografías lembran a iniciativa humanitaria da Sociedade de Nacións, coordinada por Nansen, para repatriar máis de 400.000 prisioneiros de guerra que permanecían en Rusia e Europa Central tras a primeira Guerra Mundial. Un segundo bloque de imaxes detense na súa participación como alto comisionado da Sociedade de Nacións no reasentamento de preto de dous millóns de refuxiados rusos, desprazados pola Guerra Civil vivida neste país tras a revolución de 1917. Por último, outra vintena de fotografías abordan a chamada ‘misión Nansen’, a acción de axuda humanitaria que este diplomático coordinou en 1921 co obxectivo de facer fronte á fame en Rusia e que salvou millóns de vidas, segundo recolle a web do proxecto.