A investigadora Iria Vázquez realizou unha diagnose do PUM, que presentará o martes 17
As mulleres e as persoas de entre 65 e 75 anos son maioría no Programa Universitario de Maiores
Pontevedra acollerá o xoves 19 o acto de graduación dos titulados e tituladas nos tres campus
Contribuír ao desenvolvemento cultural, social e persoal das persoas maiores de 55 anos, tanto das que no seu día non puideron acceder á universidade, como daquelas que teñen a inquedanza de ampliar a súa formación. Ese é o obxectivo do Programa Universitario de Maiores (PUM), que a UVigo puxo en marcha no ano 2002 e que polo que pasaron desde entón preto de 8000 alumnos e alumnas. Promovido polas asociacións de estudantes sénior dos tres campus, a profesora da Área de Socioloxía Iria Vázquez levou a cabo un estudo sobre a evolución deste programa, na que constatou que as mulleres, que representan máis do 60% dos matriculados e matriculadas, e as persoas de entre 65 e 75 anos conforman o perfil maioritario das e dos participantes neste programa coordinado polo Centro de Posgrao e Formación Permanente.
Recollido nun artigo publicado na Revista de Investigación en Educación, que edita a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, este estudo insírese na diagnose sobre o PUM, que a investigadora da UVigo presentará o vindeiro martes 17, ás 19.00 horas, na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra. Este proxecto xorde por iniciativa das asociacións de estudantado sénior e trátase da “primeira vez que se realiza unha diagnose cuantitativa e cualitativa” do PUM na UVigo, sinala Vázquez Silva, que recoñece que “existen poucos estudos a nivel estatal” sobre os programas universitarios para a poboación sénior. “Propuxemos facer un traballo de investigación conxunto, como unha forma de relacionarnos entre os tres campus”, engaden desde a asociación Asaexs de Pontevedra, impulsora desta iniciativa xunto coas asociacións Aulas de Formación Aberta de Ourense e Vigo. De feito, integrantes das xuntas directivas dos tres colectivos tomaron parte nos grupos de discusión dirixidos a abordar "os desafíos" do PUM e “trazar unhas liñas polas que mellorar de cara o futuro”, apunta Vázquez.
Crecemento continuado ata a pandemia
A oferta formativa do PUM está conformada polo ciclo integrado, que abrangue un conxunto de materias específicas, e polo ciclo integrado, no o alumnado sénior comparte materias co estudantado de grao. A análise que Vázquez realizou das matriculacións entre os cursos 2011/2012 e 2022/2023 indica “unha clara preferencia polo ciclo intensivo nos tres campus”, que mostrou un “crecemento sostido na participación” no período analizado, no que o integrado “mantívose relativamente estable”, o que suxire “que o seu público obxectivo é máis reducido e constante”. Neste traballo destácase tamén o “crecemento continuado” das matriculacións no programa ao longo dos anos, pasando de 379 estudantes en 2011 a 600 no curso 2019/2020. Esta tendencia interrompeuse coa pandemia da covid-19, que tivo un “severo impacto” neste programa, producindo “unha forte caída no volume de matrículas”, para logo dar lugar a unha “leve recuperación”, sen alcanzar as cifras anteriores, no curso 2022/2023, cando contou con 430 estudantes.
No referido ao perfil do alumnado, Vázquez sinala a “predominancia feminina ao longo dos anos”, nos que a mulleres representaron de media o 62% do alumnado, porcentaxe que supera o 68% no caso do estudantado menor de 65 anos. Por franxas de idade, as persoas de entre 65 e 75 anos constitúen o grupo maioritario, representando preto do 68% do alumnado total.
Esta “diagnose participativa” completouse co traballo de tres grupos de discusión integrados por 27 estudantes, 12 mulleres e 15 homes, que definiron un conxunto de propostas de mellora que serán abordadas no acto do vindeiro martes. Entre outras cuestións, esta diagnose apunta a unha mellora do deseño do PUM, “cun maior enfoque académico, científico e pedagóxico”, explica Vázquez, así como propostas como “unha mellor comunicación entre o alumnado”, unha maior difusión do programa entre o profesorado da UVigo ou “medidas para facilitar o estudo de persoas con necesidades económicas”, como bolsas de estudos.
Graduación do alumnado dos tres campus
O campus de Pontevedra acollerá tamén a vindeira semana o acto de graduación dunha nova promoción de graduadas e graduados sénior dos tres campus. Terá lugar o xoves 19, ás 17.30 horas, na Facultade de Fisioterapia, e nel recibirán os seus diplomas 34 novos graduados e graduadas sénior. O acto contará coas intervencións do vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, e da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, así como o director do Centro de Posgrao e Formación Permanente, Fernando Cerdeira. Tamén tomarán a palabra o catedrático Adolfo Cordero, como padriño dos graduados e graduadas do campus pontevedrés; María Paz Rivas, en representación do alumnado; Concepción Mumary, de Asaexs; e Carmen María Abreu, coordinadora xeral do PUM, e o acto completarase coa actuación da Aula de Música Tradicional Galega do Campus de Pontevedra e do Coro Universitario Sénior da UVigo.